martes, 28 de febrero de 2012

70 anos de aventuras con "Los Cinco"

As populares novelas de "Los cinco", os inesquecibles personaxes creados pola escritora británica Enid Blyton que marcaron a xeracións de lectores durante décadas, cumpren setenta anos.
 As súas aventuras, traducidas a case 90 idiomas, quedaron plasmadas en 21 tomos infantís grazas á prolífica pluma de Blyton, que con esa saga enganchou a un público preadolescente desde os anos corenta ata 1963.
De personalidade complexa e cun lado turbio, segundo as versións que circularon sobre a autora londinense de achegados e familiares, Enid Blyton (1897-1968) publicou o primeiro libro desa coñecida serie, " Los Cinco y el tesoro de la isla", en 1942. Nel, os irmáns Julian, Dick e Anne, a súa curmá Georgina e o can Timmy,  pasan o seu primeiro verán xuntos, enredados nunha apaixonante trama de acción na que, coma se fosen detectives e sen a vixilancia de ningún adulto, buscan un tesouro na illa de Kirrin. Foi o comezo de todo un superéxito de vendas.

Blyton, autora doutras sagas xuvenís dese estilo como "Los Siete Secretos", "Aventuras" ou "Torres de Mallory", foi elixida en 2008 a autora "máis querida" do Reino Unido por diante de xigantes literarios como JK Rowling, Jane Austen ou o mesmo Shakespeare, aínda que a cadea británica BBC subestimó o seu traballo durante máis de tres décadas ao considerala unha escritora de segunda clase.
A escritora, que faleceu en 1968 aos 71 anos de alzhéimer, deixou un dos legados máis impresionantes de literatura infantil, composto por máis de 600 títulos.
Con todo, ese irresistible éxito de vendas xamais se viu acompañado polo respecto da crítica, que lle reprochou, entre outras carencias, falta de imaxinación, pobreza do léxico nas súas obras ou un uso recorrente das mesmas fórmulas narrativas.
A pesar dos seus detractores, catro décadas despois do nacemento de "Los Cinco", a editorial Hodder Children's Books continúa vendendo ao ano máis de medio millón deses libros.
Publicar un comentario