jueves, 28 de octubre de 2010

"Paradeiro descoñecido" unha grata sorpresa no club de lectura de Chapela

E
ste luns xuntámonos no club de Chapela para debater sobre o libro Paradero desconocido, da autora Katherine Kressmann Taylor.



A brevidade desta narración débese á súa propia orixe, xa que non naceu como novela, senón como relato, que publicou a revista literaria norteamericana Story, no ano 1938. En pleno ascenso imparable e preocupante do Nazismo, o relato provocou grande axitación entre os lectores da revista, que a esgotaron aos dez días da súa publicación. A súa forza na denuncia contra o radicalismo e as actitudes fanáticas convértea nun texto moi considerado, e críticas como a do propio New York Times Book Review: "Este moderno relato é a perfección mesma. A máis efectiva denuncia contra o nazismo publicada na literatura de ficción", proliferaron arredor do mesmo, dando pé a que, un ano despóis, o texto fose publicado como libro, obtendo, á súa vez, un destacado éxito de vendas.


A crueza do relato resultaba moi pouco feminina para a mentalidade do momento, polo que foi a propia editora a que suxeriu a ocultación do nome de pila da autora na publicación, co fin de que non parecese que fora escrito por unha muller. É por iso que, a pregunta que nos fixemos foi: ¿pode ser masculina ou feminina unha novela? Co que obtivemos respostas e opinións moi dispares, aínda que estivemos de acordo en que a escrita tende cada vez menos a revelar o xénero de quen a crea.



Outro aspecto que destacamos foi a influencia no texto do mundo da publicidade, no que se movía a profesión da autora. Non hai dúbida de que a concisión e a economía de medios son un acerto que todos fomos quen de destacar nesta novela, ¡canto se pode dicir con tan poucas palabras! Asimesmo, coñecemos que a obra foi levada ao teatro e mais ao cinema (1944).

O tema da novela xira en torno a dúas ideas principais: o cambio de pensamento que experimenta unha persoa ao deixarse levar polo fanatismo e as consecuencias da traición á amizade. Ata qué punto os dous personaxes da novela son culpables dos feitos? A vinganza queda xustificada neste caso?


Pero a sorpresa do club nesta sesión déunola a casualidade. Pese a non formar parte do club (por agora), Kylynn, lectora-profesora de inglés nun centro escolar da zona e recentemente incorporada na nosa comunidade bibliotecaria, participou connosco, ofrecéndonos o seu punto de vista. Temos que dicir que esta moza provén dun pobo de Michigan, nos EEUU e que se atopa temporalmente en Galicia cunha beca de prácticas. O que nos interesou moito na reunión foi que Kylynn non só profesa a relixión xudea, senón que está a facer estudos sobre a mesma, preparándose para ser rabina no seu lugar de orixe. Por iso, todos os que estabamos na xuntanza nos volcamos en preguntarlle moitas cousas acerca do mundo xudeu.

No hay comentarios: