Mostrando entradas con la etiqueta Clubs de Lectura Xuvenís. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Clubs de Lectura Xuvenís. Mostrar todas las entradas

martes, 25 de febrero de 2020

Novo club de lectura para a rapazada na Biblioteca de Chapela


A Biblioteca Xela Arias de Chapela convoca un máxico club de lectura para a rapazada da contorna.
Nenos e nenas, mozos e mozas de 8 a 12 anos, están convidados a apuntarse ao noso club:
"MAGOS E LECTORES"

Unha proposta fascinante na que combinamos lectura e maxia, unindo á fantasía e emoción da lectura a diversión do ilusionismo, coa aprendizaxe de trucos e moitos misterios.

Para conducir a actividade, como non, contaremos coa fantástica prestidixitadora Leo Leíño, con longa experiencia na organización de clubs de lectura infantiles e xuveniles coas nosas bibliotecas.


Xuntarémonos un xoves ao mes, en horario de 18:30 a 19:30 h.
Comezaremos o xoves 12 de marzo. 

Se estades interesados en participar, poñédevos en contacto coa biblioteca de Chapela:
  • Nas súas instalacións do Multiúsos do Piñeiral do Crego. De luns a venres, de 16:00 a 21:00 h.
  • No teléfono 986-454-226
  • No correo bibliotecachapela@redondela.gal

A nova en FARO DE VIGO.

domingo, 2 de septiembre de 2018

Os clubs de lectura das bibliotecas municipais inician unha nova tempada con diversas actividades

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela estrean a próxima semana un novo curso. A novidade e a verdadeira importancia está en que despois de tantos anos non só permanecen senón que os grupos de lectura crecen e progresan adecuadamente

Na actualidade hai 3: 2 de adultos e un infantil aos que hai que engadir o Club de Lectura Fácil, este último organizado pola Asociación Andaina Redondela coa colaboración das bibliotecas municipais.
O Club de Lectura Fácil está dirixido a persoas que presentan dificultades na compresión lectora e foi unha das novidades deste ano.
  
 
O 7 de setembro arrinca a nova tempada cunha actividade extraordinaria, o obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle", unha actividade na que se utilizará o método zentangle para decorar un caderno de lectura. É unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos creando belas imaxes e fomentando a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. A actividade encádrase dentro do programa de dinamización lectora Lercontamoito.

O 28 de setembro, o Club de Lectura Fácil levará a cabo a súa reunión mensual no Museo Meirande, unha reunión na que sobrevoará o espírito verniano pois terá como centro a obra "20.000 leguas baixo dos mares", nun ano en que se conmemora os 150 anos da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón (Redondela).

As persoas interesadas en participar nos clubs de lectura (en calquera das modalidades), poden informarse nas Bibliotecas Municipais e, no caso do Club de Lectura Fácil, na Asociación Andaina Redondela.

martes, 10 de julio de 2018

Visitando o Meirande co Club Infantil de Lectura

Excursión Meirande Club infantil de lectura
Visita ao Meirande do club infantil. Preme na imaxe para ver as fotografías

Poucos pero pasámolo en grande! Unha pequena representación dos cativos dos clubs de lectura, acompañados de familiares, animáronse a participar na visita ao Meirande, nos últimos días do mes de xuño.
Benvidos ao Meirande. Patricia foi a encargada de facernos o percorrido polo pequeno museo redondelán
Unha visita onde, ademáis de coñecer a historia da famosa batalla, descubrimos moitos detalles sobre as travesías transoceánicas no século XVIII, os seus perigos e dificultades, pero tamén os seus avances tecnolóxicos.
Esfera armilar.... sabedes como se empregaba este aparello tan curioso?
Despois da sesión museística tomamos unha merendola nas acolledoras mesas situadas na entrada do museo, e aprendemos uns trucos de maxia con naipes da man de Leo Leíño, a nosa coordinadora do club.


Durante a merenda, Leo ensínanos algún truco de maxia

Temos que dicir que, a pesar de que formos moi poucos os asistentes, a tarde foi moi moi divertida e conseguimos facer un grupo que daba envexa. 

Grazas Alexia, Nieves, Santiago, Darío, Ángela, Mocha e Leo por esta tarde tan gozosa de museo. Un bo xeito de recibir o verán no club.

jueves, 24 de mayo de 2018

O club infantil despídese coa desbordante fantasía de "Escaquis e Romeu"


Na tarde de onte o club infantil xuntouse para o último debate entorno ás lecturas propostas este ano.
Libros moi diversos como: 

  • Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano, 
  • Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas,  
  • O Principiño, de Antoine de Saint-Exupèry
  • Escaquis e Romeu, de Antonio Manuel Fraga
ou tamén os cómics de Tintín...
Resultado de imagen de escaquis e romeu
Escaquis e Romeu foi a despedida nas xuntanzas literarias deste xoven club. Ademáis de debater sobre os personaxes e as fantásticas e delirantes historias do libro, os participantes competiron por ilustrar mellor a figura de Escaquis, ateñéndose, claro está, á súa descrición.

Velaquí os resultados:
A rapazada do club debuxou ao perxonaxe Escaquis

A gañadora, nesta ocasión foi Daniela, que recibiu como premio un "regalo de merda" (literalmente 😉😉), moi acorde co espíritu poirento do personaxe desta historia.

A premiada xunto a outros dos participantes, recibindo o seu escatolóxico agasallo


jueves, 19 de abril de 2018

Tintín para o mes do libro no Club infantil de lectura


Tintín é sempre unha boa proposta para a lectura, e se non, que llo pregunten aos nosos lectores do club infantil, que onte pola tarde gozaron comentando o moito que lles gustaron as historias deste heroe da banda deseñada.

Os rapaces coñeceron o mundo de Tintín, e repasaron a biografía do seu creador, Hergè

Gustoulles esta sesión porque cada un dos rapaces leu dúas historias diferentes desta serie, e comentaron entre eles moitas das aventuras.

lunes, 26 de marzo de 2018

Club infantil en marzo co Principiño

Club infantil de lectura - O Principiño
Preme na imaxe para ver as fotografías

O Principiño foi o libro ao que nos achegamos no mes de marzo no club infantil. 


Contrariamente á nosa opinión, non foi o preferido dos rapaces das lecturas que levamos deste ano, pero os libros son así, e as opinións dos lectores, tamén. 

En todo caso, reflexionamos sobre as metáforas que conforman o libro e sobre a súa trascendencia.

Santiago convidounos a unha torta polo seu aniversario. Que rica estaba! 😋

jueves, 1 de marzo de 2018

Escarlatina, a nosa cociñeira defunta preferida visita o club infantil

Club infantil - Escarlatina, a cociñeira defunta

O club infantil achegouse en febreiro a un dos fenómenos literarios máis exitosos da literatura galega dos últimos anos. Escarlatina, sinistro e marabilloso personaxe creado pola nosa admirada Ledicia Costas, entra na vida do neno Román o día do seu 10º aniversario, e cambia a súa vida para sempre.

A cociña, a morte, a amizade e os animais de compañía son algúns dos temas dos que nos fala esta divertida e fúnebre novela.

Rematamos a sesión caracterizándonos de noiva e noivo cadáver, e felicitando a Zoe polo seu aniversario.



lunes, 5 de febrero de 2018

Regresamos ao club infantil con... mil cousas

Mil cousas.... e algunha máis son as que poden pasar cando voltamos ao club despois dun mes sen vernos. E tamén, cando neses días nos propoñemos ler as loucas historias de Jacobo Fernández Serrano: "Mil cousas poden pasar".

Bizarría, extrañamento, sorpresa e risas a raudais lendo esta historia que todos recomendariamos, aínda que sexa por ver as vosas expresións boquiabertas.

Falamos de Tritón e dos fillos do Rei do Mar, e dos diversos, tolos e divertidos personaxes do libro.

E, finalmente, como unha fermosa e relucente tuba é a que une os mundos de dentro do mar e de fóra do mar, nós nos propuxemos facer a nosa orquestra, con instrumentos tan bizarros coma as historias que viñamos de ler.

"Mil cousas poden pasar"... recomendámosvolo!


E A PRÓXIMA SESIÓN:

"Escarlatina, a cociñeira defunta", de Ledicia Costas - Mércores 21 de Febreiro, ás 18:30 h.

miércoles, 13 de diciembre de 2017

Tarde emocionante de xuntanza de club de lectura

Club infantil, decembro 2017
Preme na imaxe para ver as fotografías

Sentimos ledicia esta tarde na biblioteca de Chapela ao poder recibir de novo aos nosos aguerridos lectores do club infantil de lectura.

Hoxe vivimos unha volta ilusionante desta actividade, á que lle temos un especial afecto, e que nos deixa moi bo sabor de boca pola boa acollida entre a rapazada.


Dende hoxe e ata o verán, xuntarémonos unha tarde ao mes para comentar diferentes lecturas que lles iremos propoñendo cada mes.

Pero non só será falar, senon tamén xogar, facer concursos, maxia, vídeos para recomendar libros e moitas outras actividades.

Queremos darlles as grazas a estos rapaces e rapazas tan motivados, e tamén ás súas familias, pola paciencia en agardar dous meses o noso regreso, e polas gañas.

Verémonos de novo o mércores 31 de xaneiro, para comentar o libro "Mil cousas poden pasar", de Jacobo Fernández Serrano.


martes, 12 de diciembre de 2017

Volve o Club Infantil de lectura, na Biblioteca de Chapela



Cun ton moi propio do Nadal, mañá daremos comezo ao Club infantil de lectura 2017/18.

Mañá mércores 13 de Nadal, ás 18:30h.

Aínda quedan prazas. Se estades interesados correde a anotarvos.
Un mércores ao mes gozaremos de comentar libros xuntos, facendo recomendacións lectoras "youtubeiras", xogos, maxia e moitas cousas máis.

martes, 17 de octubre de 2017

Pospoñemos a data de comezo do club infantil ata... DECEMBRO

Despois de ter que adiar o comezo do club infantil de lectura comprácenos informarvos que xa temos a nova data na que imos dar comezo a esta actividade.


SERÁ O: 

Mércores 13 de Decembro, ás 18:30 h.


- Na Biblioteca de Chapela.
- Para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos.
- Faremos as xuntanzas un mércores ao mes, en horario de 6:30 a 7:30 p.m. (para cada xuntanza, avisámosvos antes o día en que vai ter lugar).
- A maga Leo Leíño é a coordinadora das actividades deste club.
- Aínda quedan prazas.

A dinámica do club:
  • Levaredes cadanseu libro para ler na casa, e na xuntanza do mes seguinte, falaremos sobre el, e faremos tamén moitas actividades divertidas.
  • Ademáis, seguiremos cos nosos lanzamentos como Booktubers, para animar a outros rapaces e rapazas a achegarse aos libros que nos gustan.

Grazas por anotarvos e perdón por facervos agardar.

VÉMONOS EN DECEMBRO 💚💛💜

viernes, 13 de octubre de 2017

Aprazado o club infantil de lectura das nosas bibliotecas


Con moito pesar dende a biblioteca municipal, e por causas alleas ao noso funcionamento, vémonos obrigados a aprazar o club infantil de lectura ata novo aviso.
😔😔😔
Sentímolo moito e pedimos desculpas por esta situación.
Grazas aos que estades anotados, e agardámosvos máis adiante.

miércoles, 27 de septiembre de 2017

Volve o club infantil de lectura a Chapela

Volvemos co club infantil de lectura!

Na Biblioteca de Chapela temos aberta a inscrición para os rapaces e rapazas que esteades interesados en participar no club infantil de lectura. 

Se tedes entre 8 e 12 anos e vos gusta ler, podedes formar parte do noso grupo.

Xuntarémonos un mércores ao mes, en horario de 6:30 a 7:30 p.m. (para cada xuntanza, avisámosvos antes o día en que vai ter lugar).

Levaredes o libro para ler na casa, e na sesión do mes seguinte, teredes reunión no club para falar dese libro, e tamén para facer moitas actividades divertidas.

Ademáis, seguiremos coas nosas aventuras como Booktubers co club de lectura, para animar a outros rapaces e rapazas a achegarse aos libros que nos gustan.

Leo Leíño é a coordinadora do club, e con ela seguiredes a pasalo moi ben.


PRIMEIRA SESIÓN: 
Mércores 18 de Outubro, ás 18:30 h.

jueves, 29 de junio de 2017

Despedimos o club de lectura cunha visita ao Museo do Mar

Club infantil de Lectura. Excursión ao Museo do Mar de Galicia.
Preme na imaxe para ver as fotografías
Chega o mes de xuño e as altas temperaturas, os rapaces rematan a escola e comeza o período de vacacións. Como todos os anos os clubs de lectura das bibliotecas tamén se acollen ao seu descanso estival. 

Este martes tocou a despedida do club infantil de lectura. Sabemos que nos gusta quedar cun bo recordo destas xornadas de historias compartidas, de debates, competicións, xogos cooperativos, maxia e, este ano, primeiras incursións no mundo youtubeiro.

Así que a despedida do club deste ano, en que xuntamos a un fantástico grupo moi ben conectado coa lectura, queriamos que fora emocionante, e a visita dun museo pareceunos un excelente complemento para moitas das cousas que aprendemos durante este curso lector.
Nenos e adultos acompañantes preparados para entrar en acción
Os membros do club, acompañados dalgúns dos seus familiares, acudiron ao Museo do Mar de Galicia, e con eles, por suposto, Leo, a coordinadora do club, e mais o persoal da biblioteca municipal.


Coñecendo, co noso guía, os sistemas de mergullo.
Ao fondo, unha fotografía dunha das expedicións que se fixeron aos pecios de Rande nos anos 50

No museo participamos no obradoiro Viaxe ao mundo submarino, no que coñecemos máis por miúdo a a evolución histórica dos mergullos no mar por parte dos humanos, dende unha aventura perigosa e case suicida ata un deporte moi desenvolvido como é hoxe. A través de diferentes inventos e a mellora de tecnoloxía e de equipamentos, o ser humano acadou facer submarinismo dun xeito cada vez máis seguro e eficiente.


O submarino de Sanjurjo Badía
Pero o máis divertido e emocionante da visita foi, sen dúbida, o acuario. Alí a maxestosa quenlla cazón branco, a voraz robaliza os rodaballos agochados no fondo foron os animáis que máis nos gustaron. Ao tempo, pudemos ver un ovo de quenlla e apreciar ao feto desenvolvéndose dentro, sorprendernos cos peixes pipa e admirar o cabaliño de mar. Son os habitantes máis delicados do acuario!


 Quenlla e cabaliño de mar, no acuario do museo

Finalizamos a visita percorrendo outras salas do museo, con diferentes temáticas, como a relación da costa galega cos recursos mariños e a evolución dos métodos de pesca e comercialización do peixe.

Trala visita, pudemos gozar do noso intre de lecer e despedida. Compartimos unha rica merenda, e os rapaces recolleron cunchas nos areais contiguos ao museo. Dábanos pena pero tocaba marchar... 

Unha rica merenda para rematar a mañá
O club fai aquí unha pausa de ben merecido descanso, pero volverá de novo en outono, con máis libros e máis actividades sobre a nosa afección común, a lectura.
Ata o curso que vén!
Atlántico Diario publicou unha pequena nota sobre a nosa excursión o sábado 8 de xuño:

lunes, 26 de junio de 2017

Pechamos o curso do club infantil con cancións e poesía


O club de lectura da rapazada fixo a súa última xuntanza de Maio para debater sobre: "Falou un queixo", da escritora de orixe alemá Heidi Khum-Bode.


Libro organizado en verso e con diálogos surrealistas, que tivo unha acollida desigual entre os nosos xoves lectores: se a algúns dos nosos compoñentes lles divertiu polo seu ton delirante e fresco, a outros pareceulles demasiado estrambótico



Ao cabo, no club estamos afeitos a que os nosos gustos literarios son moi diferentes e que a disparidade de opinións dá máis riqueza e contido aos nosos encontros de lectura.


Foi a última xuntanza arredor dun libro entorno a este curso, e xunto a propostas poéticas, estivo acompañada de cancións.

Mañá teremos a despedida nun entorno especial, fóra da biblioteca e da nosa contorna de Chapela, onde ademáis de divertirnos, poderemos aprender moitas cousas...

Pero desto non vos adiantaremos nada agora, porque volo contaremos noutro post.
Deica moi pronto!

martes, 23 de mayo de 2017

Avós incribles, libros invisibles, queixos que falan... lecturas destes meses no club infantil

E como lles vai aos nosos afoutos lectores do club infantil? Hai tempo que non vos falamos deles!

Nestes meses están a ler propostas de diferentes autores e con temáticas moi variadas. Se en febreiro nos achegamos a unha historia un pouco tola sobre gatos do espacio, con "O capitán Ro e o gato Bo", as seguintes lecturas se achegaron a temáticas máis realistas: 

Conflitos familiares, reencontros con avós inesperados, nais actrices de teatro, pais escritores de novelas fantásticas, indianos que volven das américas, sopas que se queiman, xelados, saxofonistas de rúa, rapaces que cambian de cole, gánsteres, abusóns da escola, princesas e cabaleiros, libros misteriosos, amigos incondicionais... e moita maxia.


Todos estos temas, en resumo, están contidos en ambas novelas. Son as dúas moi divertidas e recibiron boas críticas por parte dos nosos participantes do club de lectura. Por iso, se queredes coñecelas, mellor que as leades vós mesmos. Podedes pedilas na biblioteca.

Nas xuntanzas coñecemos outros libros sobre avós, ou sobre o amor pola lectura, e tamén falamos sobre as nosas relacións familiares, e aprendemos tamén novos trucos de maxia.

Aproveitamos para amosarvos un pequeno e simpático time-lapse que o noso videocámara Iago Rodríguez nos elaborou durante a nosa xuntanza de marzo.



E mañá, mércores 24 de maio, teremos unha nova reunión. Desta vez falaremos dun queixo, e dun cabalo, e dunha mosca, e dun cuquiño... e dun libro riquiño. "Falou un queixo": Unha orixinal e curiosa historia teatralizada e en verso, escrita en galego pola alemana Heidi Kühn-Bode.

lunes, 20 de febrero de 2017

Gatos bos... no club infantil de lectura


Hoxe celébrase o Día Internacional do Gato. Os gatos ocupan un especial protagonismo na literatura, ademáis de ser excelentes compañeiros para os momentos en que queremos gozar cos libros.

Nestes días a rapazada do club infantil xuntouse na biblioteca de Chapela para intercambiar as súas opinións e xogar arredor do libro "O capitán Ro e o gato Bo", de Gloria Sánchez.

Un libro disparatado e divertido, cheo de atoladas aventuras interespaciais, cun capitán perigoso e un gato bo que arranxa todas as súas desfeitas.

Moitos libros sobre gatos no club infantil

Dende a biblioteca aproveitamos a ocasión para ofrecer a estes rapaces un montón de libros sobre gatos e gatas...

E a vós, apetécevos miañar un pouco cos libros? 


lunes, 23 de enero de 2017

Os irmáns e as irmás asómanse nas lecturas do club infantil


O club infantil de lectura celebrou a primeira xuntanza do ano 2017 cun libro que recibiu moi boa acollida entre todos os/as participantes. 




Trátase da novela "Se vende Garbanzo", que forma parte da serie: "Se vende", escrita pola catalana Care Santos e ilustrada polo debuxante Andrés Guerrero.


Esta serie, protagonizada por Óscar, a súa amiga xenial, Nora, e mais as familias de ambos, explora o complexo mundo das relacións familiares, enfocados desde a mirada dun rapaz de 8 anos. En "Se vende Garbanzo", Óscar ten que afrontar unha nova etapa na vida, xa que dende agora lle tocará compartir cuarto co seu pequeno irmán, a quen lle deu o alcume de "O Garbanzo".
Durante a nosa xuntanza falamos do libro, analisando algunhas das súas claves, e fixemos, como non, divertidos xogos de maxia.



A reunión deste mes foi moi animada e participativa. Os nosos asistentes levaron para a casa moitos dos contos e novelas que, baixo o título "Queridos irmáns", lles propuxemos desde a biblioteca para explorar esta temática na literatura.


Nuns días veremos subido un vídeo que os nosos pequenos Youtubeiros do club de lectura gravaron nesta sesión.

Velaquí o vídeo no que os rapaces do club comentan este libro: