Mostrando entradas con la etiqueta Clubs de Lectura de adultos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Clubs de Lectura de adultos. Mostrar todas las entradas

martes, 16 de febrero de 2021

Os Clubs de Lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela seguen a súa andaina❗️

 
🔷É unha actividade estimulante, que permite variar das miñas rutinas de estudo", así se expresa unha das compoñentes dos clubs de lectura das Bibliotecas de Redondela.
 
🔷A pesar do peche físico, motivado polas últimas medidas anticovid, as citas culturais nas bibliotecas non se interromperon, trasladándose á rede.
 
👉"El último encuentro", de Sándor Márai, foi o título debatido este mes e que serviu para trazar paralelismos entre o final do Imperio austrohúngaro e esta época de incerteza.
 
"As crises", como dicimos sempre o persoal das bibliotecas, "son tamén unha oportunidade de ampliar horizontes".
 
👉Na imaxe : captura de pantalla dunha das dúas reunións dos Clubs de Lectura
 
 

 

viernes, 13 de noviembre de 2020

As bibliotecas de Redondela converten en virtuais os seus clubs de lectura

 As bibliotecas de Redondela  converten en virtuais os seus clubs de lectura por mor da pandemia

 
❎As bibliotecas municipais de Redondela contan con dous clubs de lectura para público adulto que se reúnen, presencial e mensualmente, na Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela e na Biblioteca P. M. Xela Arias (Chapela-Redondela).
 
❎Con xa 11 anos de historia,  ambos os clubs terían que dar inicio  a súa nova tempada o pasado mes de setembro pero,debido ás restricións imperantes, non foi posible .
❎Ante a incerteza,  decidiuse acudir á virtualidade ata que a situación permita a presencialidade dos seus membros. 
 
❎Os  clubs, na súa versión telemática, manterán as datas de debate xa fixadas para que os encontros conserven o seu dinamismo e facilitar a asistencia dos participantes.
 
👉Hoxe, será a "xuntanza" do primeiro grupo e o luns a a seguinte, ambas ás 20:15 h.
👉A lectura protagonista: "Las lealtades"
 
 
 

miércoles, 14 de octubre de 2020

Novas prazas nos Clubs de Lectura de adultos

👉Convocatoria de NOVAS PRAZAS NOS CLUBS DE LECTURA DE ADULTOS DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE REDONDELA: 
 
🔹No Club de Lectura na biblioteca de Redondela: 3 prazas 
🔹No Club de Lectura na biblioteca de Chapela: 5 prazas 
📍 Prazas limitadas. Con todas as medidas de seguridade e hixiene 
📍 Información e inscrición nas respectivas bibliotecas (Redondela: 986 40 15 61/Chapela: 986 45 42 26 )

#bibliotecaslugaresseguros
 

martes, 13 de octubre de 2020

Os Clubs de Lectura na Nova Normalidade

Dan inicio os CLUBS DE LECTURA DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE REDONDELA!💥💥💥
 
👉O día 26 de outubro na biblioteca de Chapela é o 30 de outubro na biblioteca de Redondela, ás 20:15 h., da man do noso estupendo coordinador Jerónimo Pomares e cun libro que vai dar moito que falar, "Las lealtades" de Delphine de Vigan.
 
👉Prazas limitadas. Con todas as medidas de seguridade e hixiene
 

sábado, 9 de mayo de 2020

Un saúdo dos Clubs de Lectura das bibliotecas

Os Clubs de Lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela envían un saúdo a tod@s @s lector@s das Bibliotecas de Redondela👋👋👋

Construiron cada letra desta imaxe con libros dos seus fogares📔📒📙📘 e lémbrannos que, aínda que non se poidan reunir, seguen estando presentes na vida das bibliotecas e da cultura de Redondela.
 
Moitas grazas!🥰 e, dun xeito especial a ♦️Mercedes Verónica Diana Ana♦️David Eva♦️Loly Marga Tini María Marta Olga Adela e por suposto ao 🥇"mellor coordinador de clubs de lectura do mundo mundial"🥇, Jerónimo Pomares, non hai palabras para agradecer o gran labor que levas realizando desde fai xa unha chea de anos
 

martes, 4 de febrero de 2020

Convocatoria de novas prazas nos Clubs de Lectura de Redondela

Os Clubs de Lectura de adultos das Bibliotecas Municipais de Redondela ofertan 7 novas prazas nas súas reunións mensuais:

 Club de Lectura de Adultos na Biblioteca Municipal Valle- Inclán  ( Redondela ): 3 prazas dispoñibles
 Club de Lectura de Adultos na Biblioteca Municipal Xela Arias (Chapela- Redondela ): 4 prazas dispoñibles


Máis información: Biblioteca Municipal de Redondela (tfno. 986 40 15 61) e  Biblioteca Municipal de Chapela-Redondela (tfno. 986 45 42 26)

Que é un Club de Lectura? 

 Un club de lectura é un grupo de persoas que len ao mesmo tempo un libro. Cada un faio na súa casa pero unha vez ao mes, nun día e a unha hora fixos, reúnense todos para comentalo.

 A gran aceptación que teñen os clubs débese, seguramente, a que reúnen dous alicientes: 

-A lectura persoal e íntima 
- A posibilidade de compartir esa lectura con outras persoas. 

As opinións dos membros do grupo enriquecen moito a impresión inicial que cada un saca lendo en solitario. O apoio do grupo é tamén moi positivo no caso dalgúns libros máis esixentes do normal, cara aos que moitos lectores mostran preguiza cando están sós e que se len con gran facilidade se outras persoas fano ao mesmo tempo.

jueves, 12 de septiembre de 2019

O club de lectura de Chapela convoca novas prazas


O club de lectura da Biblioteca de Chapela busca novos participantes.

Se vos gusta ler e vos apetece compartir as vosas impresións, e se tedes de 18 anos en diante, achegádevos á biblioteca Xela Arias para formalizar a vosa inscrición.

Podedes facelo tamén por teléfono (986 454 226) ou por correo electrónico (bibliotecachapela@redondela.gal).


lunes, 28 de enero de 2019

É o teu momento, apúntate!

Dispoñibles tres prazas no club de lectura de adultos da Biblioteca Municipal de Redondela. 
Máis información nas imaxes adxuntas e na biblioteca ( 986 40 15 61 )



lunes, 10 de septiembre de 2018

"Zentangleando"

O pasado venres, 7 de setembro, unha ampla representación dos clubs de lectura de Redondela deron inicio a un novo curso coa actividade do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia, Caderno de Lectura con Zentangle


O zentangle é un método de debuxo baseado nas formas abstractas, suaves, orgánicas, elegantes e estruturadas. 
Con esta técnica podes crear debuxos moi agradables e elegantes, realmente bonitos sen necesidade de saber debuxar. Ademáis,  permíteche desenvolver a túa creatividade, xa que non existe unha técnica concreta e podes facelo á túa maneira, debuxando formas abstractas que vas enchendo con outras máis pequenas, normalmente repetitivas. O normal é facelo en branco e negro, é dicir, cun bolígrafo ou rotulador negro sobre papel branco (normalmente rectangular). É tan relaxante que adoita considerarse terapéutico.
Clubs de Lectura 2018-obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle"
 Teño que recoñecer que ao principio, a que aquí escribe, era un pouco escéptica (perdóame Elisabet) sobre a posibilidade de que se alcanzasen os obxectivos que Zentangle propón.

 Un pensamento totalmente equivocado, como ben puidemos comprobar todos os que participamos no taller. Non importa como se debuxe (horriblemente mal pola miña banda), o resultado é precioso e, utilizando unas mesmas formas, o resultado é absolutamente persoal e diferente no traballo de cada persoa.

 
Moitas grazas a Carmen por este marabilloso biscoito caseiro que nos trouxo á actividade (o que nos custou esperar ao final para comérnolo pois non podiamos manchar as mans)

Ademais durante o proceso de creación prodúcense unha profunda concentración no que se está elaborando o que leva a un gran descanso mental.

 Agradecemos desde aquí a Elisabet Hillerud, unha das cinco tituladas oficiais de Zentangle en España (a única en Galicia) e ao programa Ler conta Moito, o descubrirnos esta técnica.

 A satisfacción ao final da actividade foi absoluta por parte de todos os que participamos nela.

domingo, 2 de septiembre de 2018

Os clubs de lectura das bibliotecas municipais inician unha nova tempada con diversas actividades

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela estrean a próxima semana un novo curso. A novidade e a verdadeira importancia está en que despois de tantos anos non só permanecen senón que os grupos de lectura crecen e progresan adecuadamente

Na actualidade hai 3: 2 de adultos e un infantil aos que hai que engadir o Club de Lectura Fácil, este último organizado pola Asociación Andaina Redondela coa colaboración das bibliotecas municipais.
O Club de Lectura Fácil está dirixido a persoas que presentan dificultades na compresión lectora e foi unha das novidades deste ano.
  
 
O 7 de setembro arrinca a nova tempada cunha actividade extraordinaria, o obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle", unha actividade na que se utilizará o método zentangle para decorar un caderno de lectura. É unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos creando belas imaxes e fomentando a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. A actividade encádrase dentro do programa de dinamización lectora Lercontamoito.

O 28 de setembro, o Club de Lectura Fácil levará a cabo a súa reunión mensual no Museo Meirande, unha reunión na que sobrevoará o espírito verniano pois terá como centro a obra "20.000 leguas baixo dos mares", nun ano en que se conmemora os 150 anos da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón (Redondela).

As persoas interesadas en participar nos clubs de lectura (en calquera das modalidades), poden informarse nas Bibliotecas Municipais e, no caso do Club de Lectura Fácil, na Asociación Andaina Redondela.

miércoles, 27 de junio de 2018

Despedida estival dos clubs de lectura


Os clubs de lectura de Redondela e mais de Chapela volven dar as vacacións ás/aos seus participantes de cara a volta do verán.


Para despedirse e despedirnos temos xa "institucionalizada" unha cea conxunta, en que participantes de un e outro club, coordinador do mesmo e parte do persoal das bibliotecas se xuntan nun ambiente de lecer para comentar a experiencia dese ano e degustar ricos manxares.

Desta ocasión a xuntanza fíxose no Café-bar "Os Amigos" de Redondela, cunha rica degustación de tapas moi elaboradas e saborosas, e cunha conversa grata e divertida entre todos.

Grazas a todos por asistir e por vivirdes con tanta ledicia a vosa participación nos clubs. Grazas tamén a David Faro, por faceres tan ben de mestre de cerimonias destas actividades 😊😉

Os clubs de lectura e os Amigos das Bibliotecas agasallaron desta vez a Jerónimo Pomares, o noso imprescindible coordinador dos clubs, cun galano ben fermoso:




 Esta fermosísima acuarela realizada pola máxica man da ilustradora Alba Casanova.
Retrato de Jerónimo Pomares, segundo a visión de Alba Casanova
Un agasallo de luxo para un coordinador tamén de luxo...

Grazas Jerónimo polo teu traballo tan bo cos clubs e co fomento da lectura en Redondela. 
Grazas a todos os participantes polo voso cariño e entusiasmo.

Bo verán a todos! 

jueves, 1 de marzo de 2018

Literatura europea nos clubs de lectura de febreiro

Os clubs de lectura continúan coas súas xuntanzas mensuais. No xa rematado mes de febreiro xuntáronse os clubs de Redondela e de Chapela para comentar, respectivamente, "Charlotte", do escritor parisino David Foenkinos, unha novela chea de lirismo que nos achega a biografía dunha pintora xudea; e, na outra das xuntanzas, "La musa oscura" do escritor ‎liechtensteiniano Armin Öhri, que nos achega un asasinato e o seu minucioso plan para eludir a xustiza.


lunes, 30 de octubre de 2017

Semana moi completa para os clubs de lectura de adultos

A pasada semana tivemos as xuntanzas de outubro dos clubs de lectura. Os mesmos títulos que no pasado mes, pero desta vez, trocando os lectores.


Así Patria, de Fernando Aramburu, que ven de ser recoñecida como o Premio Nacional de Narrativa 2017, foi desta vez lido, comentado e discutido polos nosos lectores do club de lectura de Chapela; mentres que Nosotros en la noche, de Kent Haruf, cuxa versión cinematográfica ven de ser estreada pola cadea Netflix, aterrou nas expertas mans dos lectores do club de Redondela.

Pero a participación destes lectores coas bibliotecas non rematou aquí. Dado que o martes era o Día das Bibliotecas, os nosos expertos lectores foron convidados polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela a unha visita guiada á exposición "Airiños Aires", no Multiúsos da Xunqueira.


A exposición recolle unha serie de fotografías realizadas polo prestixioso fotógrafo e xornalista coruñés Xurxo Lobato, entorno á figura de Rosalía de Castro, e pode verse ata o 31 de outubro no Multiúsos da Xunqueira, grazas á colaboración da Casa-Museo Rosalía de Castro.



Xurxo Martínez, técnico de Normalización Lingüística do noso Concello acompañounos á visita para desvelarnos as claves da vida e mais da obra rosaliana, e que tan ben se reflicten de xeito moi interesante nas fotografías amosadas na exposición. Pudemos escoitar algúns textos rosalianos, e intercambiar os nosos pareceres ao rematar a visita.

Todo un luxo!

Agradecémoslle ao noso compañeiro de Normalización Lingüística a súa xenerosidade e adicación, e o ternos feito un roteiro expositivo tan cumprido.

martes, 3 de octubre de 2017

Primeira xuntanza de outono nos clubs de lectura das bibliotecas

O curso 17/18 inicia as súas reunións dos clubs de lectura. 
O club de lectura de Chapela, comentando "Nosotros en la noche"

Tanto na sede de Redondela como en Chapela volveuse a escoitar o son das páxinas nos debates sobre os libros do mes. Nesta ocasión, comezouse con dous textos de gran actualidade: o exitoso e multipremiado Patria , de Fernando Aramburu, e Nosotros en la noche, de Kent Haruf recentemente levado ao cinema con Robert Redford e Jane Fonda nos seus papeis principais. Dúas historias poderosas nas que destaca a presenza de personaxes fortes, capaces de arrostrar contornas hostís e miradas maliciosas en defensa das súas crenzas. 
O Club de lectura de Redondela comentando "Patria"
Os faladoiros, nas que as achegas individuais contribuíron a construír unha visión global, resultaron animadas e dinámicas, e serviron para ofrecer unha perspectiva motivadora sobre as lecturas. 

As dúas experiencias lectoras foron moi positivas, obtendo críticas unanimemente positivas, sendo ambas as citas unha cumprida celebración da lectura, a conversación e o compañeirismo.

Moitas grazas a todos!

martes, 5 de septiembre de 2017

Ábrense inscricións para o club de lectura da biblioteca de Chapela


O club de lectura para adultos da biblioteca de Chapela abre a convocatoria para novas inscricións. Os e as interesados/as poderán solicitar a súa praza:
- Na biblioteca
- Por teléfono, chamando ao 986-454-226
- No correo electrónico: bibliotecachapela@redondela.gal 

Comezaremos a primeira xuntanza o luns 25 de setembro, ás 20:00 h., coa novela "Nosotros en la noche", de Kent Haruf. As persoas interesadas, poderán recollela xa na biblioteca.