Mostrando entradas con la etiqueta Semana do Libro. A festa das palabras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Semana do Libro. A festa das palabras. Mostrar todas las entradas

jueves, 21 de abril de 2016

"O poeta do Miño", da man de Polo Correo Do Vento, achéganos a Manuel María polo Día do Libro

"O poeta do Miño" con Polo Correo do Vento

Enrique e mais Carlos, ou como son coñecidos por todos: Polo Correo do Vento regresaron á biblioteca de Chapela para achegarnos novas aventuras. Desta vez, a historia da Saramaganta Roi, que se namora de Saleta, ou "O poeta do Miño", historia baseada no libro do mesmo nome.


O contacontos celebrouse este mércores dentro das actividades da Semana do Libro nas bibliotecas municipais.

Nenos e adultos gozaron dunha historia na que os protagonistas percorrían o Río Miño, seguindo moitas das paisaxes contadas e poetizadas por Manuel María, e tamén coñecendo algúns dos seus poemas. Conducía a narración Enrique Mauricio, mentres Carlos Taboada ilustraba a historia contada.


O poeta do Miño, con Polo correo do Vento 

Asimesmo, nenos e mais adultos aprenderon a debuxar unha caricatura de Manuel María, seguindo as directrices do debuxante Carlos Taboada.

O poeta do Miño, con Polo correo do Vento
Ao final, os rapaces tamén colorearon as ilustracións feitas por Carlos.
Pasámolo en grande!
O poeta do Miño, con Polo correo do Vento

Por certo, comentarvos que Carlos e mais Enrique se fixeron moi amigos do noso Leolo, ao que xa lle levan seguindo as súas aventuras polas redes sociais.

O poeta do Miño, con Polo correo do Vento
Dende as bibliotecas Leolo e mais todos nós vos agradecemos a vosa participación na nosa festa do Día do Libro. Agardamos vervos pronto!

O contacontos realízase grazas ao apoio do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.


jueves, 30 de abril de 2015

Cabalos e Lobos

"... Vigo dorme coas fiestras abertas á madrugada. A calor e o salitre en suspensión licúanse no meu pranto sen consolo. Oito pisos máis abaixo, Ramón, papá, acaba de estampar a cabeza nas lastras do bulevar. ..."

Cando a presentación dunha obra remata cos asistentes desexando chegar a casa para poñerse a ler a obra  é que esa presentación foi un rotundo éxito. Se a iso se engade unha reunión chea de amenidade, interese e magnífica compañía, solo quédanos dicir que o que vivimos onte con Fran P. Lorenzo,  Manuel Bragado e "Cabalos e Lobos" foi un auténtico desfrute. Chapeau!

lunes, 27 de abril de 2015

O PREMIO BLANCO AMOR 2014 PECHA A VII SEMANA DO LIBRO

Fran P. Lorenzo, autor de Cabalos e lobos, a novela gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor, presenta a súa obra o vindeiro mércores 29 de abril, ás 20.00 h, na sala II do multiúsos da Xunqueira, dentro da programación da VII Semana do libro, a festa das palabras, que organizan as Bibliotecas de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística. Acompañarao Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia.

O xurado desta XXXII edición estivo formado por Camiño Noia, Olivia Rodríguez, Xosé Antón Palacio e Xosé Luís Franco Grande, que decidiron outorgar o premio, por unanimidade, á novela Cabalos e lobos, entre máis de corenta obras presentadas.
Este galardón literario, que premia unha novela longa en lingua galega, convocouse por primeira vez no ano 1981 por iniciativa do Concello de Redondela, co obxectivo de render homenaxe a unha das grandes figuras da literatura do noso país: Eduardo Blanco Amor. A organización do premio, convocado polos concellos e as deputacións galegas, vai rotando cada ano polos diferentes concellos participantes, e nesta edición a organización recaeu novamente no Concello de Redondela.

O xornalista vigués, Fran P. Lorenzo achéganos, na súa primeira novela, o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie, a fotografía do combate individual dos seus protagonistas para conseguir aquilo que desexan, co pano de fondo da cidade de Vigo.

A protagonista, Paula, descobre a súa orixe descoñecida, emparentada cunha familia de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial, e a sucesión de mentiras e segredos que envolven a súa historia familiar.

Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973) é xornalista, da primeira promoción de profesionais formados na universidade galega, e dedícase á información cultural nas páxinas de El Correo Gallego. Traballou para os dous diarios en lingua galega (O Correo Galego e Galicia Hoxe) e participou na fundación e posta en marcha do xornal dixital Dioivo (2012-2013). Posúe o Posgrao en xestión cultural pola Universitat Oberta de Catalunya e mantén o blog Un país en lata (www.unpaisenlata.org).

Cabalos e lobos (Xerais, 2015) a súa primeira novela, recibiu en 2014 o XXXII Premio Blanco Amor.

lunes, 20 de abril de 2015

Festival X Aniversario da Biblioteca de Chapela: fotos, premiados, vídeos... e moito máis!

Como xa sabedes, este venres festexamos o 10º Aniversario da Biblioteca de Chapela cun grande festival, que tivo lugar durante toda a tarde no Multiusos do Piñeiral do Crego.


Estabamos nerviosos pero tamén moi emocionados por levar a cabo un evento tan extraordinario, mais finalmente as nosas espectativas se viron satisfeitas cunha festa na que gozamos moito.

Mª Xesús Queimaliños, directora de Radio Redondela, actuou como mestra de cerimonias para presentar o evento. Cumprindo xenerosamente co seu papel, non esqueceu felicitar ás bibliotecas e tamén trasladar os agradecementos destas aos axentes e colectivos que lles axudan día día no seu traballo.
  •  Comezamos a sesión infantil e familiar con títeres. Nunha homenaxe titiriteira a Andersen e, tamén, unha ocasión para gozar, rir e imaxinar, grazas a Tarabelos e "O traxe novo do rei".
 Tarabelos estivo connosco esta tarde grazas ao programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia.

  • A continuación, cinema galego para cativos, con dúas curtas cinematográficas, adaptacións de coñecidos contos infantiles:
Ambas realizadas dentro do proxecto "Contos no camiño", da editora Oqo, quenes xenerosamente nos permitiron a súa exhibición neste festival.
 
  • Despois destas primeiras funcións, os nervios de todos se puxeron a flor de pel, pois chegaba o momento de entregar os premios do noso concurso de debuxo

O tema do concurso, como xa sabedes, era "A túa biblioteca imaxinada". Recibimos 53 debuxos de nenos e nenas nas dúas bibliotecas. Ademáis, fóra de concurso, recibimos máis de 130 debuxos por parte do CEIP Laredo de Chapela, a través da súa biblioteca escolar. Todos eles se expoñerán no Multiusos de Chapela na vindeira semana.

Neste vídeo podedes ver as propostas participantes:

O xurado dos premios, composto polos membros da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, tivo que deliberar durante moito tempo para escoller os debuxos gañadores. 

Podedes ver aquí os nomes dos nenos e nenas galardoados cos premios:

CATEGORÍA 4-6 ANOS
  - 1º PREMIO - Adriana Calvo Aparicio
  - 2º PREMIO - Mara Castro Villar
  - 3º PREMIO - Jessica García Fernández

CATEGORÍA 7-9 ANOS
  - 1º PREMIO - Yaiza Arjones Rodríguez
  - 2º PREMIO - Xiana García Álvarez
  - 3º PREMIO - David Iglesias Rodríguez

CATEGORÍA 10-12 ANOS
  - 1º PREMIO - Sira Ricoy Cid
  - 2º PREMIO - Noelia Lago Carpintero
  - 3º PREMIO - Ismael Álvarez Mouriño 
Todos os premiados
Neste outro vídeo podedes ver os debuxos gañadores:
Damos as grazas a Marta RV por realizar os vídeos dos debuxos do concurso.

 *A nova dos premiados en Atlántico Diario e mais en Faro de Vigo.
  • Continuamos, despois dun descanso, coa sesión para adultos, sección musical por excelencia e na que contamos con diferentes participantes e estilos moi diversos, entre os que tamén houbo achegas á literatura. 
A Coral O Piñeiral , dirixida por Alberto Abal García e acompañada por Cristian Docampo ao piano, cantou versións musicadas de poemas de Curros Enríquez, e tamén nos fixo un agasallo, fóra de programa, coa "Canción de la amistad". Moitas grazas!



A Banda de Música de Chapela estreou dúas pezas no seu repertorio: "Rapunzel" e mais "As viaxes de Gulliver", ambas relacionadas coa literatura e obra do compositor belga Bert Appermont. Nun xogo literario-musical proposto polo seu novo director, Andrés Álvarez Hernández, as dúas pezas foron acompañadas pola narración das pasaxes musicadas. A responsable da Biblioteca de Chapela, Mª José Villar, ocupouse desta narración.

Despois foi tempo para deleitarnos coa canción lírica, grazas á presencia de tres cantantes magníficas, acompañadas, nada menos que por
Alberto Vilas ao piano.
As intérpretes son alumnas avanzadas do Conservatorio de Música de Pontevedra, e as súas interpretacións nos encheron de emoción:
Alberto Vilas, xunto con Silvia González Peón, Conchi Rodríguez Fariña e Josefa Dorado Soto, ao rematar a actuación

A "bomba" final reservábase para rock "cañeiro". Los Desconocidos, grupo de Chapela formado polo pai e fillos Miguel, Brais e mais Anxo Jorge, despedían a nosa festa bibliotecaria. 
Ben é certo que os nervios do directo e as dificultades técnicas resultaron en que a banda se fixera esperar, pero a agarda foi plenamente compensada por unha actuación entusiasta, onde nos fixeron vibrar con temas propios e mais con fermosas versións de Los Enemigos, Rosendo, Leño, Medina Azahara, Triana ou, como non, Los Suaves.


Felicitamos por toda esta longa e intensa celebración a Elena Becerra, Cote Reboredo e Mª José Villar, os nosos bibliotecarios municipais.


Pero unha actividade así só pode ir ben se moitos se implican e cren nela. Dende aquí queremos agradecer a Miguel Martínez, o responsable do Multiusos de Chapela todo o seu traballo e o seu apoio, aos membros da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, especialmente a Marta, Mercedes, Roberto, pero tamén a Loli, María, Tini, Rosa... pola súa axuda, adicación e coidado de moitos dos detalles.

*Velaquí podedes ver a súa crónica da celebración do noso festival.

Tamén, como non, a Mª Xesús Queimaliños, e mais a todos os participantes: Coral O Piñeiral, Banda de Música de Chapela, Alberto Vilas e o Conservatorio de Música de Pontevedra, e a Los Desconocidos, que puxeron moito cariño, adicación e empeño, e coidaron de axudar e facilitar todo o posible á organización do mesmo. E tamén aos medios de comunicación, que nos axudaron a difundilo.

E, por suposto, agradecemos a todos os asistentes que vos achegáchedes ese día: a corporación municipal do Concello, aos representantes do Grupo Socialista, a Alexia Dotras, Leo Leíño, bibliotecarios escolares de Redondela, UDP, ASEARPO, a Asociación de Veciños de Chapela, a Asociación Cultural e Social de Chapela... e moitos moitos máis lectores, usuarios e veciños, que nos fixestes compañía e achegastes o voso cariño.

Mª José e mais Elena con Alexia Dotras
Que ledicia contar con ela neste día!
Con algunhas das compoñentes da
Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela

Por último, vos amosamos aquí un VÍDEO RESUMO DO FESTIVAL, cortesía de Roberto Solano, ao que lle damos as grazas. Gardaremos o vídeo como grato recordo deste día.

Presentación da plataforma de préstamo de libros electrónicos, GaliciaLe, en Redondela

O secretario xeral de Cultura, D. Anxo M. Lorenzo Suárez, presentará o próximo luns, 2de abril, ás 20:00 h. na Casa da Cultura, a plataforma  de préstamo delibros electrónicos, GaliciaLe,  en Redondela dentro das actividades da VII Semana do Libro, a Festa das Palabras programadas polas bibliotecas municipais e o Servizo de Normalización Lingüística de Redondela,  en conmemoración do Día do Libro
GaliciaLe é a plataforma de lectura electrónica da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A través dela os usuarios das bibliotecas  poden acceder a un dobre catálogo de títulos (en galego e castelán) dispoñibles en formato electrónico e con dúas modalidades de lectura: en  streaming  ou mediante descarga en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móviles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.

Os únicos requisitos para facer uso deste servizo son ter carné de usuario nalgunha das 391 bibliotecas que compoñen a Rede de Bibliotecas de Galicia, e rexistrarse previamente no propio portal de GaliciaLe.

sábado, 18 de abril de 2015

Grazas a todos por este X Aniversario!

Estamos moi contentos! O festival do X Aniversario da Biblioteca de Chapela que festexamos onte foi un éxito.

E foi todo gracias a vós: os que participastes facendo actividades, os que colaborastes na organización... pero tamén a todos e todas os que vos achegastes onte ao Multiusos do Piñeiral do Crego.

A pesar dalgunhas dificultades, e algún fallo técnico, como sucede en todos os grandes eventos, pensamos que foi unha tarde para gozar e divertirse todos.

Subiremos fotografías das actividades, e moitas cousas máis do evento. Tamén os nomes e os debuxos dos gañadores do concurso de debuxo. 

Podedes ver aquí unha moi boa crónica da nosa festa, realizado polos nosos estupendos colaboradores, a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela.

Queremos tamén agradecer aos medios de comunicación por difundir a actividade e facernos eco.
Premede en cada un deles:
 
Grazas a todos por unha tarde-noite estupenda.

viernes, 17 de abril de 2015

HOXE! Festival 10º Aniversario da Biblioteca de Chapela

As Bibliotecas Municipais de Redondela imos facer un festival para celebrar o 10º Aniversario da Biblioteca de Chapela.

10 anos son moitos para festexar que estamos xuntos, que amamos as bibliotecas e que nos gusta compartir con vós lecturas, cinema, actividades e cultura. 
Porque as bibliotecas son para todos, para todas as persoas e todas as actividades. 

Neste día faremos tamén a entrega de premios do concurso de debuxo que estamos a facer nas bibliotecas de Redondela.

Velaquí tedes un cartel moi variado, animádevos a achegarvos o vindeiro Venres 17 de Abril ao Multiusos de Chapela.
 
 Este grande evento que facemos con moita ilusión forma parte da programación da VII Semana do Libro, A Festa das Palabras, con que festexamos o Día do Libro no mes de Abril.

  Grazas a todas as persoas e todas as asociacións e colectivos que nos veñen apoiando todo este tempo. É un pracer e un orgullo por todos estes anos.
  Grazas á Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais, a Radio Redondela e mais ao Servizo de Normalización Lingüística por colaborar connosco nesta actividade. 
  Tamén a Ler conta Moito por colaborar no espectáculo de títeres, e a Oqo Editora por cedernos a proxección dos seus filmes.
  Por último, tamén lles queremos dar as grazas á Coral O Piñeiral, á Banda de Música de Chapela, a Alberto Vilas e mais a Los Desconocidos por ofrecerse tan xenerosamente a participar neste festival. 

Agardamos pasalo moi ben. Achegádesvos?

miércoles, 15 de abril de 2015

A Coral O Piñeiral e a Banda de Música de Chapela... este venres festexando coa biblioteca

Este venres, no Festival X Aniversario do que xa vos vimos falando, contaremos coa participación da Coral O Piñeiral, e mais a Banda de Música de Chapela.

Temos que dicir que nos fai moita ilusión contar con amigos e compañeiros cos que levamos estes dez anos compartindo espazo no Multiusos de Chapela. 
  • Nunha actuación que promete ser divertida e con certo desenfado, a Coral o Piñeiral traeranos poemas de Curros Enríquez en versión musicada.


  • A proposta da Banda de Música tamén é literaria, e supón unha "estrea mundial". Representarán por primeira vez dúas pezas musicais, moi fermosas. Ambas teñen orixe nos contos e na literatura clásica, e son obra dun compositor actual: o belga Bert Appermont.
As dúas pezas combinan música con narración, de xeito que se convertirán en dous contos musicados, que agardamos que vos gusten moito. A narración correrá a cargo do persoal da biblioteca.
 
Será este venres 17 de Abril, a partir das 20:30 h no auditorio do Multiusos de Chapela.
Dende aquí queremos darlles as grazas a estes grandes grupos de música. Grazas por participar con tanta ilusión con nós, pois é unha cousa que nos enche de orgullo, e grazas, tamén, pola vosa disposición para axudarnos en todo.

martes, 14 de abril de 2015

Cinema infantil con OQO Films este venres

Despois de ver os títeres, e dentro do Festival X Aniversario da Biblioteca de Chapela, gozaremos de dúas curtametraxes galegas que nos gustarán a pequenos e grandes.

Oqo Editora, unha das máis interesantes do panorama infantil galego, e das preferidas, tamén, polos nosos cativos, leva feito un proxecto de animación audiovisual con algúns dos seus contos máis coñecidos. Se trata do proxecto "Contos no camiño", co que xa colleitaron recoñecemento internacional, como o Premio Especial do Xurado no Festival Brasil Stop Motion 2011.


Na biblioteca proxectaremos:

- A Pota que trota
- El tragaldabas
 
Queredes velo? Vide este venres 17 de Abril, ás 19:00 h ao auditorio do Multiusos de Chapela.
Agradecemos a OQO Editora a súa colaboración co festival, cedéndonos a proxección de ambos filmes.

Tarabelos presenta "O traxe novo do rei" este venres no Festival X aniversario da Biblioteca de Chapela

Este venres, e dentro do Festival X Aniversario da Biblioteca de Chapela, teremos unha actividade para os máis cativos, e que nos fai moita ilusión.


Tarabelos, titiriteiros xa vellos coñecidos da nosa biblioteca, representarán "O traxe novo do rei". Esteban Acuña, motor do grupo Tarabelos, porá en marcha este conto tradicional de Andersen, que aquí se representará con títeres de man, títeres de mesa e mais con miniaturas.

Queredes velo? Vide este venres 17 de Abril, ás 18:00 h., ao auditorio do Multiusos de Chapela.


Esta actividade realízase co apoio do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.