Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

viernes, 2 de octubre de 2020

Concertazo na biblioteca Xela Arias para festexar o seu 15 aniversario

 VER IMAXES DA ACTIVIDADE

Este xoves, primeiro de outubro, festexamos o 15º aniversario da Biblioteca Xela Arias. Se o Covid-19 impediu que o festexaramos en abril, que é o seu día, non nos freou en outubro, de maneira que do mes do libro sustituímolo polo mes da biblioteca... va que non é un mal cambio? 😏

Sexa como sexa... o importante é a festa! Para a ocasión contamos cun convidado moi especial. O músico Xoán Curiel, coñecido nas nosas estanterías por algúns dos seus libro-discos, acompañounos nesta tarde chuvienta. E non defraudou. 

Para maior seguridade sanitaria contabamos con facer a actividade no xardín do Piñeiral do Crego, pero a climatoloxía adversa suxeriunos que estariamos mellor no auditorio do Piñeiral... e aló fomos.

Dentro do escenario reproducimos unha biblioteca en miniatura, para acoller ao noso artista, un músico didáctico, fascinante e divertido, que foi quen de transformar a distancia física imposta, e a barreira das máscaras en auténticos sorrisos, en ritmo e en diversión compartida... ao tempo que nos aprendía máis dunha curiosidade musical. 


A actividade estaba dirixida a familias, especialmente a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos, e foron moitos e moitas os que se achegaron, previa inscrición, a pasar esta tarde agradable con nós.

Moitas grazas a Xoán Curiel por este agasallo musical para a nosa biblioteca, e por este encontro fascinante cos nosos usuarios.

Tamén moitísimas grazas á nosa alcaldesa, Digna Rivas, e a Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura por facer a presentación do acto. 


E, como non, a todas as familias que se achegaron esta tarde a celebrar con nós este día, e que gozaron moito da actividade.

 

Ao rematar o concerto, as bibliotecas agasallamos aos rapaces e rapazas asistentes cunha bonita bolsa sopresa das bibliotecas municipais.


A actividade realizámola dentro do programa Ler conta Moito da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

 FELIZ 1️⃣5️⃣ ANIVERSARIO!!



lunes, 28 de septiembre de 2020

Conto-concerto con Xoán Curiel este xoves na Biblioteca Xela Arias


Na biblioteca Xela Arias festexamos o noso 15º aniversario co coñecido músico Xoán Curiel.


O artista ofreceranos Como montar a túa banda, un espectáculo participativo onde se mesturan música de diversos estilos (funk, rock, pop, reagge) con elementos teatrais ou "clown", conducido a través da narración dunha historia moi divertida que orixina o nacemento dunha banda musical.
 
Será este xoves, 1 de outubro, ás 18:30, no parque do Piñeiral do Crego (no auditorio do Multiúsos se o tempo non permite desenvolver a actividade no exterior).

Trátase dun espectáculo infantil e familiar, e está recomendado para nenos/as entre 5 e 10 anos.
Para asistir só tedes que inscribirvos na biblioteca.
  - Teléfono: 986-454-226

A actividade desenvolverase con todas as medidas de seguridade e hixiene frente ao Covid-19 e lévase a cabo dentro do programa Ler conta moito da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.


miércoles, 15 de abril de 2015

A Coral O Piñeiral e a Banda de Música de Chapela... este venres festexando coa biblioteca

Este venres, no Festival X Aniversario do que xa vos vimos falando, contaremos coa participación da Coral O Piñeiral, e mais a Banda de Música de Chapela.

Temos que dicir que nos fai moita ilusión contar con amigos e compañeiros cos que levamos estes dez anos compartindo espazo no Multiusos de Chapela. 
  • Nunha actuación que promete ser divertida e con certo desenfado, a Coral o Piñeiral traeranos poemas de Curros Enríquez en versión musicada.


  • A proposta da Banda de Música tamén é literaria, e supón unha "estrea mundial". Representarán por primeira vez dúas pezas musicais, moi fermosas. Ambas teñen orixe nos contos e na literatura clásica, e son obra dun compositor actual: o belga Bert Appermont.
As dúas pezas combinan música con narración, de xeito que se convertirán en dous contos musicados, que agardamos que vos gusten moito. A narración correrá a cargo do persoal da biblioteca.
 
Será este venres 17 de Abril, a partir das 20:30 h no auditorio do Multiusos de Chapela.
Dende aquí queremos darlles as grazas a estes grandes grupos de música. Grazas por participar con tanta ilusión con nós, pois é unha cousa que nos enche de orgullo, e grazas, tamén, pola vosa disposición para axudarnos en todo.

martes, 31 de marzo de 2015

HOXE!!! Festival X Aniversario da Biblioteca de Chapela

A Biblioteca de Chapela está de noraboa, xa que deste ano cumpre 10 anos. Para festexalo, faremos algo diferente: un festival ao que estaredes todos e todas convidados. 

Será o Venres 17 de Abril, e promete moitas actividades: títeres, cinema infantil, premios, e un amplo e variado cartel musical.
Polo momento, xa vos adiantamos que celebraremos un concurso de debuxo, e que este o faremos nas bibliotecas de Chapela e mais de Redondela entre os días 6 e 14 de Abril.
Lembrámosvos aquí AS BASES DO CONCURSO.

A cumplir moitos máis!