miércoles, 17 de noviembre de 2010

Premios da Cultura Galega 2010

E

stes son os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do traballo creativo de Galicia e a súa expansión no exterior nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.

- O escritor Agustín Fernández Paz é o galardoado co Premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- A artista Menchu Lamas recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A proposta foi realizada por Escena Galega e outras tres entidades e aprobada por maioría.

- A Fundación Barrié de la Maza resulta distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.

- O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.

- A Orquestra Sinfónica de Galicia recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e distintos membros do xurado e aprobada por maioría.

- O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.

Coa creación e convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2010, a Consellería de Cultura e Turismo pretende distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo.

Agustín Fernández Paz rexeita o premio:

Pola súa banda, o escritor Agustín Fernández Paz nun comunicado, declina aceptar o galardón en coherencia co manifesto que a plataforma Prolingua publicou o 8 de outubro acerca destes premios.

(Fonte: Xornal de Galicia)



No hay comentarios: