miércoles, 2 de febrero de 2011

O club da calceta e o club de lectura de Chapela

Para ben ou para mal, a novela de María Reimóndez non deixou indiferente ás participantes (cousas da casualidade, que só participaron mulleres nesta ocasión) do club de lectura de Chapela.

Unanimidade en lle dar boa valoración á estrutura da novela: unha orixinal "confección" de seis historias personais independentes pero interrelacionadas, cada unha delas co nome dunha das partes nas que se divide un xersei, e cada unha delas vencellada, dun xeito misterioso, a unha nova da prensa na que se relata a morte "accidental" dun home.

Orixinal estrutura e arriscada historia de seis mulleres-arquetipo: cada unha delas nunha idade, estrato social e contexto moi diferenciado, pero todas elas vítimas de diversas situacións de discriminación e de inxustiza. Así, na visión de Reimóndez, a inxustiza contra as mulleres latexa en todos os contextos e situacións sociais.



No noso club a novela foi recibida de xeito desigual. Boa parte das lectoras e tamén dos lectores a disfrutaron, aínda que quedou a sensación de que o capítulo final chega a un exceso de amaneramento e idealización, no que se perde a intensidade dramática acadada nos capítulos anteriores. As profundas elipsis da novela -os acontecementos máis graves non se narran, mais podemos adiviñalos- obtiveron diferente resposta, xa que mentres algunhas das lectoras gustaron delas como un xeito rompedor de ofrecer a historia, outras as consideraron un atranco para a súa cohesión.

Doutra banda, o carácter decididamente contestatario e amplamente reivindicativo da novela deu para un longo debate sobre a realidade da muller e sobre o feminismo nos tempos de hoxe. Tal vez a carga ideolóxica da novela fai que, en moitos casos, se perda a súa calidade e a súa coherencia narrativa caendo, ademáis, en non poucos tópicos. ¿É crible ou realista a visión que se da dos personaxes femininos? ¿e a dos masculinos? ¿Xúlgase por igual as fallas morais dos homes e as das mulleres na novela?

A novela foi representada con grande éxito na escea galega, a mans da compañía Teatro do Morcego. Asimesmo o escritor e cineasta Antón Dobao realizou un telefilme para a TVG sobre este texto.


"O club da calceta" representada por Teatro do Morcego.

No hay comentarios: