jueves, 24 de febrero de 2011

Pedro e o lobo na súa versión "comiqueira" no Club Infantil de Chapela

A versión en cómic de Miguelanxo Prado do famoso conto do compositor Prokofiev: Pedro e o lobo centrou as actividades do club de lectura que realizamos esta semana. O conto, coñecido por todos, trata sobre a mentira e as súas consecuencias. Unha das cousas que fixemos foi amosarlles algúns contos, novelas e álbumes da colección da biblioteca nos que a MENTIRA é a temática principal, lembrándolles aos rapaces que o Salon do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra deste ano está centrado tamén neste tema.
Amosámoslles o perfil de Miguelanxo Prado como autor de cómics e como ilustrador de numerosos libros editados en Galicia, a través dunha selección de exemplares dispoñibles na biblioteca. Doutra banda, falámoslles tamén sobre o outro autor da historia, Prokofiev, centrándonos nalgúns aspectos da súa biografía e buscando nun Atlas algunhas das poboacións rusas polas que viaxou.
Dado que Pedro e o lobo é un conto musical, representamos , a través de sons, cada un dos instrumentos cos que se pesonifican aos protagonistas (lástima que a tecnoloxía nos fallou e que non puidemos proxectar a audición de Prokofiev que tiñamos preparada!). Finalmente, creamos o noso propio instrumento de vento (moi estrondoso!) con pallas de plástico.

Rematamos comendo tarta e desfrutando de bolsas de chuches coas que nos agasallaron , polos seus respectivos cumpreanos, Mª José, bibliotecaria, e Mary Carmen, unha das usuarias da biblioteca máis relacioada cos nosos clubs de lectura.

No hay comentarios: