jueves, 10 de marzo de 2011

Nancy Mitford e a sociedade británica de entreguerras no club de lectura de Chapela

Na última xuntanza do Club de Lectura de adultos achegámonos á novela A la caza del amor, da escritora británica Nancy Mitford.

A novela, divertida, sarcástica e chea de boas doses de fino humor comeza relatando a infancia dos rapaces Radlet na casa familiar de Alconleigh e remata achegándonos á vida adulta da excéntrica familia durante o desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial.

Con máis que evidentes rasgos autobiográficos, Mitford narra na novela moitas das súas experiencias da nenez, e parte da súa peculiar e case inverosimil historia familiar, nunha ás veces amable, ás mais das veces estridente narración sobre o luxo, os costumes da alta sociedade, e a busca da plenitude do amor.


A familia Mitford cos rapaces e as irmás Mitford de mozas

Ao longo da novela reflíctese a decadencia e a hipocresía da aristocracia europea, nuns tempos onde está a producirse un cambio de valores. Extravagancias, adulterio, desatención a uns fillos que se criaban con neneiras eran o pan de cada día en moitas das, por outra banda, máis reputadas familias. Mitford sabe destapar esta realidade e amosala sen tapuxos, pero lonxe de empregar un ton moralizante prefire apoiarse no seu carácter irónico e desenfadado, co que acada unha novela brillante, divertida e auténtica que reflexa coma ningunha outra o sentir da alta sociedade británica nun momento convulso.

Linda, vitalista, fiel aos seus sentimentos, buscadora apaixoada do amor, será a protagonista principal da historia; a pesares de ser Fanny, a súa racional e reflexiva prima, a que narra toda a historia. Queda ben reflexado que a personalidade da autora se desprega nos dous personaxes, tan característicamente diferentes. Doutra banda, o feito de que a figura do narrador da historia sexa a dun personaxe-testigo engade unha dificultade á narración, que a autora é quen de resolver con moito enxeño.

Nun texto abertamente frívolo e descocado, as situacións duras asoman discretamente, e o drama, que tamén existe ao longo de toda a narración, só se pode ler entre finas liñas, tinxidas, moitas veces, da sutil ironía británica que caracteriza á autora.

Tralo comentario da novela, Alexia nos leu un dos seus divertidos e orixinais álbumes ilustrados traídos para a ocasión. Neste caso tocou unha historia de despertar amoroso: Berta Buenafé está triste, da editorial catalana Flamboyant, coa que nos fixo sorrir e namorarnos a todos.

No hay comentarios: