Con
tan só 13 anos, Emilia Pardo Bazán, demostrou a súa madurez narrativa na novela Aficiones peligrosas, unha obra cuxo manuscrito habíase traspapelado entre os
fondos da Fundación Lázaro Galdiano e que se publica agora por primeira
vez completa. Ese manuscrito, no que a autora reflexa a súa concepción
da literatura e o dereito da muller a formarse e a crear, regaloullo en
1898 Pardo Bazán (A Coruña, 1851- Madrid, 1921) a José Lázaro Galdiano,
con quen tivera unha breve relación amorosa que logo frutificou nunha
longa amizade e en proxectos editoriais como a revista A España moderna.
Por aquela época, a escritora mantiña unha relación con Benito Pérez
Galdós, e o seu romance amoroso con Lázaro Galdiano, a quen coñeceu na
Exposición Universal de Barcelona de 1888, foi de dominio público.
Esta novela de Pardo Bazán foi publicada por
entregas co mesmo título no diario El Progreso de Pontevedra, que era o
xeito habitual que tiñan os escritores da época para dar a coñecer as
súas obras. A novela era coñecida parcialmente porque en 1989 Juan
Paredes Núñez editara un volume con algúns dos capítulos aparecidos no
diario galego, do que non se conserva ningunha colección completa. É xa
que logo agora cando ve a luz por primeira vez íntegro o manuscrito, de
76 páxinas, de Aficiones peligrosas, que estaba en poder da Fundación.
Edítao Analecta e leva un estudo preliminar de Araceli Ferreiro
Figueroa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario