Con barqueira e
remador. Obradoiro Internacional de Tradución Poética é unha iniciativa da poetisa Yolanda Castaño en colaboración coa Fundación Illa de San Simón, a Xunta de Galicia e a institución británica "Literature Across Frontiers". Trátase dun obradoiro internacional de tradución poética,
a se celebrar durante unha semana na illa de San Simón, entre o luns 29 de
outubro e o sábado 3 de novembro. Aloxado e inspirado na illa de San Simón é unha iniciativa
pioneira no noso país aínda que concibida a semellanza de outras moitas que se
celebran no mundo, e que aspira a se converter nunha cita anual en Galicia.
O obradoiro especializado, dirixido a un grupo de
participantes chegados dende diversas linguas europeas, congregará nesta
ocasión a 7 poetas de recoñecido prestixio en lingua finesa, croata, rusa,
catalá, islandesa, eslovena e galega. Todos cumpren o dobre perfil de seren
poetas recoñecidos dentro dos seus sistemas literarios e á vez posuír
experiencias –en distinto grao- como tradutores. A lingua franca ou
vehicular do obradoiro será o inglés, idioma ao que estarán vertidos os textos
de apoio cos que se traballará, sempre a carón dos orixinais (unha selección de
ata 7 páxinas por autor). Así, durante un intensivo traballo colectivo,
presencial e recíproco, todos os textos serán trasladados a cada unha das
linguas representadas polos convidados e convidadas. Mediante lecturas en voz
alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, conseguirase
puír, perfilar e rematar os bosquexos de traducións que os poetas traian a
Galicia, despois de seren os textos distribuídos cunha certa antelación.
Con todo, ademais deste traballo intensivo que se
celebrará nas instalacións da illa en horarios de mañá, a oportunidade única de
contar en Galicia con este grupo de fantásticos poetas estranxeiros non
podía quedar aí. Por iso, e tamén para que os convidados teñan a ocasión
de coñecer máis de preto o tecido cultural do país e tomar contacto cos nosos
públicos, desenvolverase un xeitoso programa de actividades organizadas en
colaboración con distintas entidades e organismos presentes na Galicia sur para
os seráns desa semana de outono. Serán dous recitais multilingües (chamados “Atendendo ao meu amigo”), unha ruta
literaria (“Non morrerán fremosos”) e
unha mesa redonda (“Cercando as ondas”),
todos eles actos abertos e gratuítos.
Se a ruta literaria polo Vigo histórico nos achegará
anécdotas e fitos relacionados con autores da escrita local e
universal (en colaboración coa Fundación
Carlos Casares), os recitais poéticos (no Museo do Mar de Galicia e no Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Redondela) )
serán a mellor mostra do traballo poético dos autores e autoras, sempre
contando coa tradución ao galego dos seus textos. Finalmente, a mesa redonda
(en colaboración coa Asociación de
Escritores en Lingua Galega e o Concello de Pontevedra) constituirá o
mellor momento para a reflexión, o debate e mais o confronto con sistemas
literarios distintos ao noso. Unha boa batería de cuestións permitirannos
coñecer máis de preto as circunstancias nas que se desenvolve o traballo
literario nos territorios lingüísticos representados (axudas, tiraxes, vendas,
espazos, distribución, e un longo etc).
Presentación oficial do obradoiro na Biblioteca de Galicia |
En resumo, o programa de actividades -ao que por suposto
quedades convidados- será:
- Martes 30 outubro, 19:30h: Mesa Redonda “CERCANDO AS ONDAS. Que significa ser poeta en... (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia)”. Pazo de Mugartegui. Pontevedra (en colaboración coa AELG)
- Mércores 31 outubro, 19:30h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Museo do Mar de Galicia (Samil, Vigo).
- Xoves 1 novembro, 17:30h: “NON MORRERÁN FREMOSOS. Un paseo literario polo Vigo de onte” (comezo: Urzaiz, nº1) Ata as 19h aprox. En galego e inglés (en colaboración coa Fundación Carlos Casares).
- Venres 2 novembro, 20:00h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO". Auditorio do Multiusos da Xunqueira-Redondela (en colaboración co Concello de Redondela).
Os poetas convidados a esta primeira edición do
Obradoiro “Con barqueira e remador” serán: Marko Pogačar (croata), Merja
Virolainen (finés), Txema Martínez (catalán), Brane Mozetič (esloveno), Margrét
Lóa Jonsdóttir (islandés), Sergej Timofejev (letón de expresión rusa) e Yolanda
Castaño (galego). Por se tivésedes máis curiosidade, contades cos seus perfís biobibliográficos no documento adxunto.
Fronte á falla de circuítos establecidos de traslado
entre linguas, máxime no que atinxe a un xénero literario como é a poesía,
semella desexable toda iniciativa que propicie un intercambio, e un intercambio
que sexa ademais fluído e igualitario, mesmo entre linguas con ou sen estado.
Posible incubadora de proxectos de tradución máis amplos, posta en común de
inquedanzas e problemáticas compartidas ou xermolo de iniciativas futuras, o
Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” bota a
andar a súa primeira edición e espera contar co voso interese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario