martes, 14 de mayo de 2013

Obradoiro de creación literaria do club xuvenil de lectura con Luis Vallecillo

Trala sesión especial dos clubs de lectura de adultos celebrada estes días, hoxe tocoulle o turno ao noso club xuvenil, que se reuniu en Chapela para facer unha sesión diferente ás habituais. 

Como xeito de celebración do Día das Letras Galegas, e como incentivo cara a iniciación á escrita entre estes rapaces tan gozadores da lectura, puxemos en marcha esta tarde un obradoiro de creatividade literaria, e esta foi conducida nada menos que da man do polifacético cantante, compositor, titiriteiro e creador Luis Vallecillo.

 
Luis faloulles da capacidade innata que todos temos para crear historias e para sacarlle partido á nosa imaxinación, e estableceu con eles algúns modos de facer para conducir a creación dun conto, dun guión, unha canción, un poema...
De entre as posibilidades, os nosos novos creadores escolleron facer un conto, e xuntos elaboraron as bases dunha historia que, pouco a pouco, poderá ser matizada, retocada e perfilada por cada un deles, engadíndolles o seu toque, os seus detalles, e amoldándoa para facela máis atractiva ao gusto de cada un.


Os participantes nesta actividade eran membros do club de lectura, así como algúns amigos e amigas dos mesmos, e tamén Leo, que nos acompañou esta tarde en Chapela. A historia que perfilaron todos xuntos resultou ser bastante tétrica, e ambientada, como non, nunha misteriosa e terrorífica... BIBLIOTECA...



A partir de agora os nosos participantes terán a oportunidade de elaborar esta idea e, unha vez convertida nunha historia rematada, traérnola á biblioteca para que a podamos publicar no blog... 

E non dubidamos de que así a traerán, porque entre o noso equipo hai máis dunha autora que xa ten contos escritos, e tamén máis dunha futura escritora consagrada.


A actividade celebrouse grazas á colaboración da Rede de Bibliotecas de Galicia, a través do programa Ler conta moito.


O periódico Atlántico Diario recolleu a actividade no seu resumo da programación redondelá polo Día das Letras Galegas.

No hay comentarios: