martes, 7 de abril de 2015

Presentación do libro "Contos do Mar de Irlanda", Premio Irmandade do Libro 2014

XURXO SOUTO INAUGURA A VII SEMANA DO LIBRO O MARTES 7 DE ABRIL NA CASA DA CULTURA DE REDONDELA COA PRESENTACIÓN DO LIBRO "CONTOS DO MAR DE IRLANDA", PREMIO IRMANDADE DO LIBRO 2014

As Bibliotecas de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan novamente a “Semana do libro, a festa das palabras”, que este ano chega á súa sétima edición.

A programación, que se estende durante todo o mes, comeza o vindeiro 7 de abril, ás 20.00 h na Casa da Cultura, coa presentación do libro Contos do mar de Irlanda, da man do seu autor, Xurxo Souto.

Este polifacético escritor, comunicador e músico é licenciado en Filoloxía Clásica e traballa desde 1986 en diferentes medios de comunicación. Como narrador ten publicado: “A tralla e a arroutada” (Xerais 1995), relatos; “Fumareu” (Xerais 1997), relatos; “O retorno dos homes mariños” (Xerais 1999), novela; “Contos da Coruña” (Xerais 2001), escolma de artigos sobre a súa cidade, “Tres trebóns” (Xerais 2005), relatos, “A Terra Queima” (Xerais, 2013) e “Contos do mar de Irlanda” (Xerais, 2014). Como comunicador traballou en diversos programas de radio en galego, coma A tropa da tralla, Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega, converténdose no gran difusor da música galega actual e do século pasado. Desde outubro de 2005 até abril de 2009 foi Director de Programas desta emisora. Tamén foi vocalista do conxunto bravú “Os Diplomáticos de Monte-Alto” e na actualidade toca o acordeón, outra das súas grandes paixóns, no grupo “Tres trebóns”.

A obra da que nos vén falar, Contos do mar de Irlanda, obtivo o Premio Irmandade do Libro ao Libro do Ano 2014. A súa narración preséntanos ducias de historias dos mariñeiros de toda a costa galega, moitas delas anécdotas que parecerán incribles ás persoas que non traballan no mar.

A súa propia introdución é ben explícita sobre os fundamentos do libro:
«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.

Este traballador incansable da palabra presentaranos dun xeito único estas historias, adobiadas de salitre e da musicalidade das ondas.

A entrada é libre e de balde

No hay comentarios: