martes, 21 de junio de 2016

Fin de semana imparable das Bibliotecas na Feira do Libro de Redondela


A caseta da biblioteca chea de xente


Esta fin de semana as bibliotecas municipais tivemos moita actividade dentro da Feira do Libro de Redondela.


Nenos e maiores achegáronse á "caseta-bibliotecaria" para interesarse polos nosos servizos, facerse socios, consultar a prensa, curiosear nos libros, facerse fotos co noso Leolo e, por suposto, para debuxar e colorear os moitos personaxes literarios que nos acompañaban.

Coca Simona debuxa cos nenos na caseta da biblioteca, este sabado

De mañá e de tarde, sábado e domingo, foron días intensos na caseta da biblioteca na Feira do Libro, que estivo atendida en todo momento por persoal da biblioteca e mais por voluntarios da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela.

 -- Velaquí tamén o que deu a xornada do venres.

Ademáis, recibimos moi agradables visitas: escritores e contadores, autoridades, persoeiros da cultura e do deporte, e moitos nenos e nenas, fixéronnos unha visita para saudar a Leolo e mais para adicarnos un sorriso ao persoal ocupado da caseta.

Elena xunto con Miguel Angel Alonso Diz e mais Leolo

Por outra banda, o domingo era o noso día grande. As bibliotecas municipais e mais os Amigos das Bibliotecas faciamos unha das actividades da programación da Feira: un contacontos-obradoiro.

Para esta contada, nada mellor que o kamishibai, un material que agora temos dispoñible nas bibliotecas para o préstamo, e que sempre resulta moi atractivo para narrar as historias. 

MJose contacontea co kamishibai

O Soldadiño de Chumbo foi o conto co que eleximos para esta ocasión, e que nos trouxo, dende a biblioteca de Chapela, a nosa compañeira Mª José.

Facendo corazóns de origami ao rematar o conto 
Ao rematar, reproducimos o corazón do soldadiño e mais da bailarina a través do origami, guiados por Mercedes, dos Amigos das Bibliotecas, e mais pola nosa bibliotecaria-contaconteira.


A Libreria Moliere 

Ademáis, contamos coa presencia da Coca Simona, coa que fixemos unha visita a cada unha das casetas dos libreiros da feira, atentendo ás súas recomendacións para nenos e mais para adultos.

Foi unha xornada moi intensa. Como acto último, gozamos dun coloquio que nos mantivo a todos atentos: Yolanda Castaño xunto con Marilar Aleixandre, Iolanda Zúñiga e mais a nosa redondelana Ana Tierra déronnos o seu punto de vista sobre cómo aborda unha escritora o feito de escribir... e que supón de máxico e tamén de laborioso.


Elena saúda xunto con Teresa Paris e as participantes no coloquio deste domingo

As escritoras, tras o coloquio, visitan a caseta das bibliotecas e coñecen a Leolo 
Rematou a Feira cun pequeno concerto ofrecido por un grupo da Escola de Música de Chapela. E coa música, e mais coas últimas visitas á nosa caseta... pechamos o traballo de todos estes días, co resultado moi positivo de 34 novos socios da biblioteca.


"I love books", mensaxe e debuxo de Noelia, unha visitante da caseta das bibliotecas 

Dende aquí queremos dar as grazas a: Brais, Vanessa, Marta, Loli, Rosa, David, Mercedes, Roberto e Gustavo por toda a axuda que nos brindaron nestes días para ter esta magnífica biblioteca de feira.

Neste vídeo realizado por Roberto Solano podedes ver un resumo da nosa tarde do domingo na Feira do Libro de Redondela.


Tamén nesta reportaxe de Redondela TV podemos ver unha entrevista ao noso compañeiro Cote, no primeiro día da Feira.

No hay comentarios: