jueves, 22 de septiembre de 2016

Felipe Carnotto fala do seu traballo fotográfico co alumnado do IES Chapela

F. Carnotto durante a súa charla co alumnado do IES Chapela, no auditorio do Multiúsos


O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está moi presente nestes días nas bibliotecas municipais, concretamente na biblioteca de Chapela.
A exposición "Imaxes con Fondo" no Multiúsos de Chapela
Como xa vos vimos contando, durante todo este mes podedes ver a exposición que eles nos traen: "Imaxes con Fondo" no Multiúsos do Piñeiral do Crego. 
Lembrámosvos que o horario para visitala é de Luns a Venres, de 16:30 a 22:30 h.

A exposición recolle unha serie de fotografías, acompañadas de textos explicativos, que enviaron mozos/as e adultos/as galegos para participar no concurso "Imaxes con Fondo", organizado pola mesma entidade, no ano 2012.

E para falar de fotografía, e particularmente de fotografía social, nada mellor que contar cun experto na materia. Grazas, novamente, ao Fondo Galego, o fotógrafo Felipe Carnotto, reporteiro gráfico freelance e gañador do concurso "Imaxes con Fondo II" (2014), desprazouse esta mañá ata o Multiúsos do Piñeiral do Crego para ter un encontro co alumnado da Familia Profesional de Servizos á Comunidade do IES Chapela

Felipe Carnotto posa con Leolo, a mascota das bibliotecas, na exposición do Multiúsos de Chapela
Carnotto amosounos o seu traballo en diferentes contextos, e contounos como o aborda el, non só dende a perspectiva técnica da fotografía, senón na súa vertente humana e informativa.
Felipe Carnotto durante a súa exposición
Un dos aspectos máis interesantes son as reportaxes que desenvolveu cos refuxiados da guerra de Siria. Neste caso traballou tanto o enfoque dende a fronteira dos Balcáns, onde miles de persoas desprazadas percorreron esta ruta na fuxida dos conflitos armados dos seus países de orixe, como dende os migrantes xa asentados en países europeos, no seu camiño pola integración.

Tamén nos amosou outros traballos, como contextos de marxinalidade e drogas na nosa contorna, nunha reportaxe que realizou no Barrio do Cura en Vigo. 

Por último, coñecimos a súa experiencia na comunidade rural de Somoto, en Nicaragua, viaxe que pudo facer co Fondo Galego de Cooperación, tras acadar o premio na II edición do concurso Imaxes con Fondo.

Fotografía de Felipe Carnotto coa que en 2014 gañou o concurso "Imaxes con Fondo II" 
Na web de Felipe Carnotto podedes achegarvos ao seu traballo como fotógrafo.

E ao rematar a presentación do noso poñente, visitamos tamén a exposición "Imaxes con Fondo", para animar aos nosos visitantes de hoxe a participar no concurso de fotografía.
Os participantes na charla visitan a exposición "Imaxes con Fondo"
Este ano o Fondo Galego de Cooperación ten aberto xa a súa III Edición do concurso "Imaxes con Fondo".

Lembramos que:
  • Este ano 2016 o concurso xira en torno á INTERCULTURALIDADE
  • Como novidade, o concurso presenta este ano dúas seccións: fotografía e vídeo. 
  • Hai dúas categorías para participar, segundo idades: 

        - Xuvenil, para persoas de 14 a 17 anos.

        - Adultos: persoas a partir de 18 anos. 

  • Unha viaxe a Mozambique, unha cámara de fotografía e vídeo ou unha cesta de produtos de comercio xusto entre os premios. 
  • O enderezo para presentar as fotografías/vídeos participantes é imaxesconfondo@gmail.com
  • O prazo remata o Sábado 15 de Outubro.



Dende as bibliotecas municipais de Redondela animámosvos a todos a participar.
Para que serva de inspiración, propoñémosvos a nosa selección de libros infantiles e xuveniles sobre a interculturalidade
Podedes consultalos, e levalos en préstamo, na Biblioteca de Chapela.
Felipe Carnotto, coas mascotas Leolo e Gato co noso centro de interese sobre a Interculturalidade

No hay comentarios: