lunes, 12 de septiembre de 2016

Xesús Constela presenta o seu último libro na Biblioteca de Chapela


Este mes de setembro traemos moitas novidades literarias nas bibliotecas municipais de Redondela, grazas aos Amigos das bibliotecas

Despois do encontro con Pere Tobaruela en Redondela, a Asociación de Amigos nos achega outra grande figura do noso panorama literario. Desta vez será a Biblioteca de Chapela a que acollerá a presentación da última novela de Xesús Constela: "A rotura das paisaxes".


Xesús Constela (Ferrol, 1963) vive en Poio e deuse a coñecer ao gañar o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións (2004), colección de relatos galardoada tamén co premio da Asociación Española de Críticos Literarios. Dende entón, ten unha extensa obra literaria publicada en editoriais como Galaxia, Embora ou Xerais.
Fotografía do autor na páxina da editorial Xerais
A miña escrita sempre obedece a un mesmo esquema: a realidade achega unha idea que eu teimo en traballar coma un pasteleiro que traballa a masa dun (futuro) biscoito. Plasmo esa idea primixenia xa traballada nun papel (a través da computadora, nunca a man) e déixoa repousar (ás veces anos) para retomala ao cabo dun tempo e empezar a transformala pouco a pouco. Ás veces xunto tres, ou catro, ou cinco ideas e con elas constrúo algo diferente do que inicialmente artellara. (Xesús Constela)

Poderedes achegarvos este venres 16 de setembro, ás 20:30 h. á Biblioteca de Chapela para coñecer a este escritor e a súa última novela. 


Dous homes de avanzada idade camiñan por unha praia enleados en distintas conversas mentres, para o seu abraio e incomodidade, atenden, sen pretendelo, a unha serie de acontecementos que escapan da súa comprensión e van alterando o seu estado de ánimo. Esa circunstancia obrígaos a reflexionar sobre a súa situación na praia, sen liberarse da dúbida de que se atope alguén máis canda eles a quen non dan visto. Cunha linguaxe multifocal, que ás veces roza o surrealismo, Xesús Constela achéganos un libro no que xoga con diversas técnicas literarias que van desde o máis espido dos diálogos, ata unha sorte de poesía de carácter narrativo, pasando pola linguaxe cinematográfica ou a prosa poética, entre outras.

Participarán no coloquio o arqueólogo Xurxo Constela e mais Fran Alonso, en representación da editorial Xerais.

Ademáis, contaremos cun espazo de venda, para que os interesados podan adquirir o libro e levalo asinado para a casa.

Entrada libre e de balde.

AVISO IMPORTANTE: O servizo de préstamo da biblioteca pechará media hora antes do comezo da actividade.

No hay comentarios: