domingo, 2 de septiembre de 2018

Os clubs de lectura das bibliotecas municipais inician unha nova tempada con diversas actividades

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela estrean a próxima semana un novo curso. A novidade e a verdadeira importancia está en que despois de tantos anos non só permanecen senón que os grupos de lectura crecen e progresan adecuadamente

Na actualidade hai 3: 2 de adultos e un infantil aos que hai que engadir o Club de Lectura Fácil, este último organizado pola Asociación Andaina Redondela coa colaboración das bibliotecas municipais.
O Club de Lectura Fácil está dirixido a persoas que presentan dificultades na compresión lectora e foi unha das novidades deste ano.
  
 
O 7 de setembro arrinca a nova tempada cunha actividade extraordinaria, o obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle", unha actividade na que se utilizará o método zentangle para decorar un caderno de lectura. É unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos creando belas imaxes e fomentando a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. A actividade encádrase dentro do programa de dinamización lectora Lercontamoito.

O 28 de setembro, o Club de Lectura Fácil levará a cabo a súa reunión mensual no Museo Meirande, unha reunión na que sobrevoará o espírito verniano pois terá como centro a obra "20.000 leguas baixo dos mares", nun ano en que se conmemora os 150 anos da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón (Redondela).

As persoas interesadas en participar nos clubs de lectura (en calquera das modalidades), poden informarse nas Bibliotecas Municipais e, no caso do Club de Lectura Fácil, na Asociación Andaina Redondela.

No hay comentarios: