Preme na imaxe para ver fotografías |
Aínda sumida no festexo do 50 aniversario, a biblioteca municipal de Redondela recibiu hoxe unha visita formativa grazas ao estreito vínculo que temos co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Ao longo deste mes o Fondo Galego está a desenvolver o seu programa Vacacións con Traballo en Galicia, a través do cal unha traballadora dos países parceiros do Fondo Galego no Sur se achega aos nosos municipios para coñecer o traballo en diferentes áreas técnicas, informarse dos proxectos que se están a realizar nos nosos concellos e intercambiar coñecementos técnicos cos respectivos traballadores.
A mozambicana Elsa Dimande, traballadora social da Asociación de Municipios Mozambicanos (ANAMM), é a participante deste ano en dito programa. Xunto coas aprendizaxes técnicas que tiña previsto reforzar na súa visita aos concellos galegos, entre os que destacan a igualdade de xénero, o traballo social con nenos ou o asociacionismo feminista, interesouse tamén polo traballo das bibliotecas. O seu interese ten que ver coa planificación da apertura dunha futura bibilioteca na sede da organización supramunicipal na que traballa.
Encontro a través de dúas experiencias que se irmandan...
Inmediatamente os técnicos do Fondo Galego pensaron na Biblioteca de Redondela como un lugar axeitado para esta aprendizaxe, xa que
1- O Concello de Redondela é un dos integrantes do Fondo Galego, levando actualmente a súa vicepresidencia, da man da concelleira Teresa París.
2- A nosa compañeira María José, auxiliar da Biblioteca de Chapela, tamén participou no programa Vacacións con Traballo, hai tres anos, no que se desprazou a un municipio de Cabo Verde para axudar na organización da súa biblioteca.
Así que hoxe, tiñamos visita...
Elsa Dimande interesouse polas labores fundamentais para a posta en marcha dunha biblioteca, a organización dos fondos, ou moitas cuestións técnicas bibliotecarias, sobre as que estableceu un diálogo cos nosos traballadores. O contacto futuro entre ela e compañeiros da biblioteca redondelana quedou fixado, de xeito que, no que podamos, tentaremos apoiar ese proxecto mozambicano a través do noso apoio e asesoramento remoto.
Elsa tamén coñeceu as actividades que estamos a realizar dentro da celebración do noso 50 aniversario, e desexounos moitos éxitos e parabéns por ter chegado a esta efeméride.
Dende aquí mandamos o noso apoio a Elsa Dimande e ao proxecto de biblioteca da Asociación de Municipios Mozambicanos. Agardamos novas nun futuro próximo sobre o mesmo.
Grazas Elsa Dimande e grazas a Carmen Novás, do Fondo Galego de Cooperación, pola vosa visita.
Elsa tamén coñeceu as actividades que estamos a realizar dentro da celebración do noso 50 aniversario, e desexounos moitos éxitos e parabéns por ter chegado a esta efeméride.
Dende aquí mandamos o noso apoio a Elsa Dimande e ao proxecto de biblioteca da Asociación de Municipios Mozambicanos. Agardamos novas nun futuro próximo sobre o mesmo.
Grazas Elsa Dimande e grazas a Carmen Novás, do Fondo Galego de Cooperación, pola vosa visita.
No hay comentarios:
Publicar un comentario