martes, 19 de noviembre de 2019

As bibliotecas municipais celebran os 30 anos da Convención dos Dereitos dos Nenos


Mañá, 20 de novembro, celébrase o 30 aniversario da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena

O documento asinado na Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1989, reúne unha serie de dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais dos nenos e das nenas, e constitúe a primeira lei internacional sobre tales dereitos que é "xuridicamente vinculante". Isto quere dicir que o seu cumprimento é obrigatorio.

Redondela, que ostenta o título de Cidade Amiga da Infancia, concedido por UNICEF no ano 2018 está de celebración por este feito, e as súas bibliotecas municipais queren sumarse a esta efeméride facendo un percorrido polos principais dereitos da infancia a través dos fondos das súas coleccións.

Nas nosas bibliotecas poderedes consultar libros que recollen a Convención dos Dereitos do Neno, así como á Declaración dos Dereitos do Neno, aprobada en 1959 por Nacións Unidas ou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), e unha selección de libros de coñecemento, álbumes ilustrados e contos infantís especialmente seleccionados polo noso persoal. 

Podedes velos en diferentes recunchos das nosas salas infantís.





No hay comentarios: