viernes, 1 de marzo de 2013

"El final del cielo", co club xuvenil de lectura



 A supervivencia nun medio hostil e mais as difíciles relacións dos pais cos fillos cando estes abandonan a nenez, son o tema central do libro que tratamos no club de lectura este mes.

Trátase dunha fermosa novela, adaptada a nenos e mozos, pero moi recomendable tamén para adultos de todas as idades. A súa lectura afonda na importancia do autocoñecemento, da aceptación do outro e, finalmente, da superación das dificultades.

Trátase dunha grande lección de vida escrita polo santanderino Alejandro Gándara; unha fábula contemporánea destinada a transmitirnos unha profunda mensaxe, e á que os rapaces do club foron quen de achegar as súas propias reflexións durante esta xuntanza.
O libro aborda temas complexos, moi interesantes, e que precisan, para a súa comprensión, dun tempo para meditar. Os membros do club demostraron que comezan a ser lectores maduros, pois, ainda que se puderon sentir un pouco despistados ás veces, foron quen de extraer as ideas máis importantes do libro, sacando del interesantes conclusións.



Durante a sesión, debatemos sobre que significaba ese avión derrubándose e por que na ilustración do libro o avión é o mesmo pai dos rapaces. Expusemos cales eran as dúbidas e a febleza do protagonista ao principio, o desencontro cos seus fillos e, finalmente, a aprendizaxe do protagonista e mais a superación das dificultades cando se mantiveron todos unidos. Wacawa, o personaxe do seu relato, tamén tomou protagonismo no noso coloquio.



Tamén fixemos dinámicas de grupo, nas que os participantes debían chegar a consenso sobre diferentes aspectos relacionados con situacións límite de supervivencia nunha selva hostil.

No hay comentarios: