domingo, 7 de abril de 2013

"Mi planta de naranja lima", a recuperación dun clásico da literatura brasileira nos clubs de lectura


A última das aventuras lectoras do club de lectura de adultos foi un pequeno libro moi esperado por todos, un dos favoritos e sempre recomendado pola nosa coordenadora, Alexia Dotras.

Mi planta de naranja lima é unha fermosa novela publicada no 1968 e que, a pesar do seu grande éxito en Brasil e en toda Iberoamérica, non se editou en castelán en España ata o ano 2011, da man da editora independente Libros del Asteroide.

José Mauro de Vasconcelos
Mi planta de naranja lima é unha fermosa historia que contrapón o lirismo e o drama, a dozura e o ton máis amargo en doses sabiamente equilibradas.
Nunha breve narración dividida en dúas partes, asistimos á construcción do mundo dun rapaz de 5 anos, fillo dunha familia moi pobre, que combina como ningún outro unha natural bondade e empatía polos seus seres máis queridos cun carácter traste, ousado e revoltoso. Os golpes e os sinsabores da vida farán que esta visión infantil se transforme en adulta antes de tempo.

PASAXES QUE NOS ENCANTARON:
- O desexo do protagonista, un neno pobre dos barrios marxinais de Río de Janeiro, de converterse de maior nun poeta con garavata de lazo.
- O seu amor por aprender, pola lectura, pola construción das palabras.
- A tenra maneira en que o Portuga axuda a Zezé a recuperar o seu pé mancado.
- As vivencias de Zezé con Ariovaldo, o cantante e vendedor de letras musicais.
- A relación do protagonista coa súa mestra, Cecilia Paim, e o seu xeito de agasallala cunha flor imaxinaria.
- O xeito tenro e amoroso con que se relaciona co seu irmán máis pequeno, e como xoga con el ao zoolóxico.
- O seu trato, ¿real ou imaxinario? con Minguiño, a súa árbore.
TAMÉN NOS GUSTOU:
- O sutil contacto desta novela co realismo máxico propio da narrativa iberoamericana do seu tempo. Nesta obra o realismo máxico aparece insinuado pero non claro, xa que o autor non nos deixa coñecer que partes das que narra son a imaxinación do rapaz e que partes son a realidade dos sucesos.
- O valor simbólico da desaparición do seu amigo "Portuga", ¿personaxe real ou imaxinario?, así como da súa árbore Minguiño, trasuntos verdadeiros da perda da inocencia infantil no protagonista.
O libro, en clave claramente autobiográfica foi escrito en 1968, reproducindo parte das vivencias do autor no seu barrio natal de Bangú, en Río de Janeiro, na década dos anos 20.















O grande éxito de "Meu pé de laranja lima", auténtico fenómeno literario no Brasil durante as últimas décadas do século XX, deu pé á realización de tres telenovelas basadas nesta historia: en 1970 para a Rede Tupi e en 1980 e 1998 para a Rede Beirantes.
Tamén se fixeron varias adaptacións para o cinema, televisión e mais para o teatro. A máis coñecida foi a versión cinematográfica dirixida por Aurelio Teixeira, en 1970, dous anos despóis da publicación da novela. Podemos vela completa neste enlace.

E velaquí algúns dos fragmentos do filme:


No 2012 estreouse unha nova versión da novela, dirixida desta vez polo carioca Marcos Bernstein.

Na nosa sesión a novela nos achegou tamén a dous álbumes ilustrados:
- Eduardo, el niño más terrible del mundo, da editorial Kalandraka, que fala dos rapaces bos que se portan mal e dos rapaces malos que se portan ben.
- El mar, y otras cosas que también me acuerdo, da editorial Thule, que fala sobre as lembranzas compartidas e sobre o que lembramos das ensinanzas dos máis maiores cando somos nenos.


Por último achegámosvos os comentarios da escritora, contacontos e actriz Soledad Felloza sobre este libro, do que se declara auténtica fan, e sobre o que recoñece a influencia que exerceu na súa vida. Podedes ver aquí os seus comentarios.

No hay comentarios: