Este venres 18 de outubro, ás 20:00 h, terá lugar no Auditorio do Multiusos da Xunqueira o recital poético multilingüe ATENDENDO Ó MEU AMIGO, incluído no II Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” comezou a súa andaina na Illa de San Simón en outubro de 2012, da man de Yolanda Castaño, coma un evento que pretendía dar novas oportunidades a poetas galegos e internacionais, realizando traballos de tradución literaria da poesía contemporánea para o galego, contribuíndo a dar a coñecer o noso contexto cultural a novas personalidades intelectuais e seguir a estreitar os lazos de intercambio con outros sistemas literarios.
Os participantes nesta II edición chegan dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Xunto á poeta galega Yolanda Castaño, organizadora do evento, recitarán Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (EEUU), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia). Este último e mais Yolanda Castaño serán os encargados de traducir ao galego as intervencións dos distintos poetas.
Con esta segunda edición o Obradoiro Internacional de Tradución Poética na Illa de San Simón consolídase como unha iniciativa cultural estable, que sitúa a Galicia no mapa da rede de obradoiros de tradución semellantes existentes por toda Europa e contribúe a que a Illa de San Simón se reafirme coma un escenario poético que nos fai lembrar a súa importancia na época medieval.
A entrada é libre e de balde.
Colabora a Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal de Redondela.
2 comentarios:
Onte pasei un tempo moi agradable no recital poético.
É a primeira vez que asisto a un recital poético como este no que a poesía fluía en moitos e diferentes idiomas como o turco, o galego, o bable, o húngaro, o francés ou o inglés.
Parabéns ao Concello de Redondela e a Bibliotecas de Redondela por traballar duro para acoller esta interesante iniciativa cultural que permitiu aos creadores desenvolver a súa actividade en un ámbito natural tan marabilloso e único como a enseada de San Simón.
Anímovos a seguir fomentando este e outras moitas mais actividades culturais para seguir fomentando a lectura en todos os seus ámbitos e xéneros.
Moitísimas grazas, José Manuel!
Publicar un comentario