jueves, 12 de diciembre de 2013

EnTRENando: especial Tren e Literatura cos Clubs de Lectura das Bibliotecas de Redondela



Este pasado luns os clubs de lectura das nosas bibliotecas, Redondela e mais Chapela, celebraron EnTRENando, unha das súas xuntanzas máis especiais.
 

A proposta da Cantina El Apeadero de Chapela, os clubs xuntáronse neste lugar tan máxico e evocador para facer un percorrido pola historia do ferrocarril e, asimesmo, para facer fincapé na presenza mítica, simbólica e real que este medio de transporte veu a ocupar na literatura.
  
  O lugar da nosa xuntanza

Para a sesión contamos cun convidado moi interesante: o periodista, redondelán de adopción, Francisco J. Gil, diletante e grande coñecedor do mundo ferroviario, vicepresidente da Asociación Viguesa de Amigos do Ferrocarril e Tranvías, así como redactor do magnífico blog Redondelan Express.

O periodista Francisco Gil, lendo unha pasaxe da vida do escritor Bohumil Hrabal

O encontro celebrouse dun xeito distendido. Nun primeiro momento pudemos escoitar un poema "Canción del Maquinista", libre adaptación da Canción del Pirata de Espronceda, adaptada ao mundo dos raíles por Antonio, alma mater deste sabor ferroviario do local.
Antonio recítanos a "Canción del Maquinista", acompañado á guitarra por Marcos

A continuación Francisco Gil nos fixo un interesante relato sobre o nacemento do ferrocarril e sobre como este se desenvolveu en Galicia, afectando particularmente, aos contornos de Redondela e mais de Chapela.
Francisco Gil, durante o seu relatorio


Quedounos mágoa porque non lle pudemos adicar o tempo que queriamos a comentar as nosas lecturas do mes. Neste caso, un compendio de relatos de diferentes autores, todos eles ambientados no mundo do tren, que o noso recopilador particular, Jerónimo, deu en chamar EnTRENando. Quedará animar a todos os participantes a facer os seus comentarios no blog dos clubs de lectura.

Tamén sinalamos que para participar nesta viaxe literario-ferroviaria todos tivemos que traer o noso billete de tren, especialmente editado para a ocasión polas bibliotecas, e sen o cal non poderiamos ter acceso a este percorrido, porque... tamén tiñamos revisor! 

Os billetes do tren e Marcos, o noso revisor
  
A xuntanza serviu tamén como despedida do ano para os dous clubs de lectura, polo que, como non, acabou cunha petiscada.


 

E non faltaron as postais de Nadal. Dentro de todas elas incorporábanse poemas adicados ao tren, para goce dos nosos participantes.


Elena nos entrega as postais de Nadal

  A proposta de Fanny, unha das nosas participantes do club, deixámosvos aquí un poema de Curros Enríquez, adicado á chegada do ferrocarril a Ourense. Gozádeo!


Como resumo, aquí podedes ver o vídeo que resume a actividade, cortesía de Roberto R. Solano.



Con esta actividade, os clubs de lectura volven facer unha nova incursión na relación entre a literatura e os medios de transporte. Despóis de dúas sesións nos pasados anos onde, a bordo dun veleiro, exploramos a poesía adicada ao mar; a suxestión evocadora do tren neste apeadeiro, transpóñenos no romantismo da literatura máis clásica.

Grazas a todos os participantes por virdes e por aportar moitas cousas. Pero especialmente llas queremos dar a Francisco Gil polo seu relatorio, a Amalia, a Antonio, a Juan e mais a Marcos, pola preparación do local e polas riquísimas viandas; así como a Roberto polo seu reportaxe video-fotográfico. 

Desexámosvos a todos unha boa despedida do ano e vémonos con novas lecturas no 2014.

2 comentarios:

Marta dijo...

¡Que ben o pasamos! :)

Novas das Bibliotecas dijo...

Efectivamente...MOI REQUETEBEN! ;)