sábado, 31 de mayo de 2014

Fin de festa nas tardes de contacontos e títeres da Biblioteca de Chapela

Este venres gozamos dunha das máis maravillosas xornadas de actividades de animación infantil que realizamos co alumnado do C.S. de Educación Infantil do IES Chapela. Un fermoso fin de festa que deixou ao numeroso público asistente coa boca aberta e con moita ledicia.

  •  Co divertido e orixinal conto-teatro: O camaleón ligón 

  •  Coa beleza dos títeres de A ratiña presumida


  • A inconsciencia animal de A vaca Nicolasa

  • A marcha e a amizade de Os Trotamúsicos 
 
  •  E o talento nos fogóns de Patatouille


 Pasamos unha tarde magnífica, na que non faltaron as cancións, os bailes, os xogos, e na que, ademáis, todos os cativos recibiron divertidos agasallos:
Fermosas pulseiras para ratiñas e ratiños presumidos
Instrumentos musicais de percusión de fabricación 100% manual


Bolas de queixo, de merenda, como sorpresa
Nun equipo de estudantes, que están a aprender co que fan na clase, pero tamén co que experimentan sobre un terreo real como é a biblioteca, e diante dun público, as cousas non sempre saen de todo ben. Atopar os erros e recoñecelos honestamente é algo que saben facer estes alumnos, para aprender deles e dar o mellor de sí mesmos. 
Tras unha primeira sesión, o pasado martes, que serviu para avaliar erros e atopar melloras, hoxe había moita gaña de facelo ben, moitos nervios pero tamén moi boas espectativas. E ese entusiasmo, gañas e ilusión se transmitiron ao cen por cen co público presente. 

Non só os cativos o pasaron xenial, senón tamén os pais e adultos que acompañabamos, que quedamos admirados cos títeres, contos, co atrezzo do espectáculo e tamén co enxeño con que completaron todas as actividades, para facer unha actuación redonda, chea de espontaneidade, intelixencia e ilusión contaxiosa.


Por último, os alumnos agasallaron á biblioteca con esta árbore conteira. Non é fermosa? Os que querades, podedes pasar pola biblio para facer fotografías con ela.

Árbore conteira, agasallo á biblioteca dos alumnos do IES Chapela
Grazas a todos e vos agardamos para o ano que vén!

No hay comentarios: