jueves, 10 de julio de 2014

Horario e préstamos de verán na Biblioteca de Chapela


Como todos os anos, durante este mes de Xullo a Biblioteca de Chapela cambia o seu horario habitual para abrir as súas portas en horario exclusivamente de mañá:

Biblioteca de Chapela
De luns a venres, de 9:00 a 14:00 h.
Dende o 7 ata o 31 de Xullo
Pechada en Agosto.

Lembrámosvos que, como todos os anos, PECHAMOS durante todo o MES DE AGOSTO. E tamén, que para facilitarvos gozar dos nosos libros, películas, xogos e música durante esta tempada estival, permitimos este mes poder duplicar, triplicar e ata cuadruplicar o voso préstamo de libros.

Dese xeito, cada un dos usuarios poderá levar un bo feixe de libros para poder ter un bo verán lector, non tendo que devolvelos á biblioteca ata a primeira semana de setembro.



Para animarvos nesta achega aos libros, este ano propoñémosvos que non só vos levedes literatura, senón tamén que estimuledes as vosas aficcións favoritas a través dos libros. Por iso, preparámosvos este centro lector sobre lecer e actividades:

Fotografía, xardinería e cultivo de plantas, cociña, conservas e xelados orixinais, pero tamén traballos manuais, xogos de enxeño, experimentos, xogos de mesa, andainas pola natureza, exercicio físico, coidado persoal, e moitas máis... Todas son propostas que vos facemos para practicar neste verán, aproveitando os días que teñades para lecer e descanso. Para elo, é un bo xeito comezar por un achegamento dende os libros, como vos ofrecemos dende a biblioteca: pasando así da teoría -ou, neste caso, da lectura- á práctica, non é así?

Aproveitade estes días para achegarvos á biblioteca e ás nosas propostas. Agardamos que vos gusten.

No hay comentarios: