sábado, 11 de junio de 2016

Os Clubs de Lectura das Bibliotecas de Redondela pechan o curso cun encontro coa directora do IMELGA


A Biblioteca Municipal Valle-Inclán de Redondela, acolleu este venres un encontro que reuniu a integrantes  dos dous  clubs de lectura das bibliotecas que compoñen a unidade administrativa con Beatriz Otero Abadín, directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA). O acto, que serviu para pechar o curso destes grupos, a falta da última reunión ordinaria, durou  dúas horas, nas que Beatriz Otero compartiu cos asistentes os seus coñecementos e experiencia sobre a medicina legal e a práctica forense  e sobre a presenza das mesmas na  ficción literaria e cinematográfica.
(Fotografías cortesía de Roberto Solano)
 No transcurso do encontro, houbo tempo para as preguntas, as cales recibiron contestacións claras e enriquecedoras, o que non foi óbice para que unha vez acabado o acto a directora do IMELGA alongase a súa estancia atendendo ás demandas dos participantes.

Foi unha reunión deliciosa e queremos agradecer desde esta páxina a Beatriz o compartir connosco unhas horas cheas de interesantísimos coñecementos e a súa cercanía e amabilidade

Para terminar, as palabras, literais, dun dos participantes nun correo electrónico enviado á biblioteca:
"Una reunión muy agradable, divertida y, además, aprendimos un montón. La duda ahora es, ¿cuándo vuelve? :)

  Un abrazo y gracias por todo." 


 E non podemos, nin queremos, esquecernos de Jerónimo Pomares, magnífico coordinador dos nosos clubs, sen el nada sería o mesmo. Grazas polo teu traballo mes tras mes, querido amigo
O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) é un órgano da Administración de xustiza en Galicia, que ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense.
Esta organización, integrada polos médicos forenses e persoal técnico e auxiliar, ten a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados, ademais de nesta cidade, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Os clubs de lectura están formados por un grupo de persoas  que se reúnen unha vez ao mes para debater e comentar un libro, do mesmo título. Así mesmo as bibliotecas de Redondela contan cun club de lectura infantil que se encontra unha vez ao mes na Axencia de Lectura Municipal de Chapela

Faro de Vigo e Atlántico Diario recollen a nova o martes 14.



No hay comentarios: