lunes, 8 de agosto de 2016

Richard Scarry, o encanto de aprender

A Exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela, continúa o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración, dedicando o mes de agosto e setembro a Richard Scarry 
A mostra de Scarry estenderase ata o 30 de setembro en que dará paso a un novo artista e pode ser visitada na entrada do Multiusos da Xunqueira (Redondela) no horario de apertura do mesmo. A Fundación Filomena Rivero pon a disposición dos centros educativos algúns dos títulos da serie para ser traballados na aula. Os centros interesados poden poñerse en contacto coa biblioteca municipal de Redondela.

RICHARD McCLURE SCARRY

Richard McClure Scarry (Boston, 5 de xuño de 1919 – Gstaad - Suíza, 30 de abril de 1994), foi un popular autor e ilustrador americano de contos infantís. Publicou máis de 300 álbums, e vendeu en vida máis de 100 millóns de exemplares en todo o mundo, sobre todo ata finais de 1980. Especializouse en álbums ilustrados dirixidos a nenos de ata 6 ou 7 anos de idade, cunha clara intención pedagóxica, nos que utilizaba animais humanizados, compoñía pequenas enciclopedias sobre oficios, máquinas da vida cotiá, países, e os seus costumes, letras e números.

O gran salto na súa carreira sucedeu en 1949, cando empezou a colaborar con Little Golden Books na edición do seu primeiro libro. 

 
 En Gstaad (Suíza) fundou o seu estudo, no que pasaba a maior parte do día dedicado a escribir e ilustrar os seus libros, e que unicamente se compoñía dun escritorio con lámpada e cadeira. Nos anos 80 comezou a ter problemas de visión debido a unha dexeneración macular. Foi alí, en Gstaad, onde, tras enfermar de cancro de esófago e someterse a quimioterapia, finalmente faleceu dun ataque ao corazón á idade de 74 anos. As súas notas e debuxos consérvanse na colección de arquivos da Universidade de Connecticut.

A serie de libros infantís máis famosa de Scarry céntrase na ficticia cidade de Busytown (traducible como "cidade traballadora" ou "cidade atarefada") que se atopaba habitada por animais con aparencia antropomorfa e en actividades sociais humanas.
Esta serie fíxose moi popular na súa época en nenos de todas partes do mundo chegando a vender máis de cen millóns de exemplares e foi traducida a máis de trinta linguas.

  Aínda que os libros se fixeron moi coñecidos polas características humanas dos animais que os compoñían (como gatos, coellos, porcos domésticos e ratos), Scarry demostrou a súa habilidade á hora de adaptar as características propias dos humanos a un número aparentemente interminable de criaturas: castores, mapaches, hipopótamos, rinocerontes, bufos, osos, cabras, elefantes, raposos, gorilas, crocodilos, cans, lobos, osos formigueiros, hienas, babuinos, pitos, vermes e centos de insectos son só algúns dos outros animais que utilizou Scarry nas súas obras.

Tamén eran comúns as imaxes que mostraban debuxos de arquitectura de casas de madeira típicas de Centroeuropa, os estudos de debuxos de dispositivos mecánicos tales como os aparellos de barcos de vela que eran debuxados con gran exactitude. Unha serie de álbums contaban, ademais, historias con automóbiles como fío condutor, representando vehículos inverosímiles que reflectían as características tópicas dos animais propietarios (como coches-cenoria para coellos ou coches con forma de eiruga). As láminas convertíanse en grandes espazos de animais cheos de elementos e interrogantes coa intención de que o neno se convertese nun activo lector das imaxes que se lle mostraban.

 As súas obras aínda son reeditadas aínda que con algunhas omisións en canto aos roles sexuais dalgúns personaxes femininos ou a trazos doutras culturas que se consideraban politicamente incorrectos. En España foron adaptados e publicados por Editorial Muíño, Plaza y Janés, Bruguera, Lúa Rising, SM, Susaeta, Kókinos e Lata de Sal.

No hay comentarios: