O pasado venres a Casa da Cultura de Redondela encheuse para recibir a primeira das conferencias programadas polos Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela para este 2018.
O poñente desta ocasión era Julio Alonso Monteagudo, profesor do departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo e anterior edil de cultura no noso concello.
Un poñente de luxo para unha charla de non menor interese, xa que nos achegou de xeito moi claro, completo e moi didáctico, todas as circunstancias relacionadas co Pergameo Vindel, o que del se ten coñecemento, así como o seu magnífico e singular achádego.
Coñecemos a súa magnífica importancia dentro da documentación que se conserva sobre a lírica galegoportuguesa do medievo, e a súa singularidade para o estudo da música desa época na nosa contorna.
E en relación coa devandita charla, as bibliotecas municipais e mais os Amigos das Bibliotecas propoñémosvos achegarvos ao documento aproveitando a súa estadía temporal no Museo do Mar de Galicia.
VISITA AO PERGAMEO VINDEL:
Os interesados en facer unha visita guiada a esta xoia do medievo coas bibliotecas, podedes facelo este xoves, previa inscrición:
- A cita será o xoves 18 de xaneiro, ás 17:45 h. no Museo do Mar de Galicia (Avda de Atlántida, 160, 36208 Vigo), para ver a exposición "O pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas".
- É preciso inscribirse antes na biblioteca (Biblioteca Valle-Inclán de Redondela, tlf: 986-401-561, de luns a venres: de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.), xa que as prazas son limitadas.
- O prezo da entrada ao Museo, por ser unha visita de grupo, será de 1,50€ por persoa, que se aboarán no despacho de billetes.
- A visita durará 1 hora, e está pensada para público adulto. En caso de apuntar nenos/as á visita, é preciso informar á biblioteca no momento da inscrición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario