viernes, 12 de julio de 2019

Bebecontos na Biblioteca de Chapela


Despois dun longo tempo, estreamos este mes unha actividade das que máis nos gustan e das que máis éxito teñen: un contacontos pensado para os máis pequenos da casa. 

Cativos e cativas de 6 meses a 4 anos poderán gozar dun contacontos marabilloso, que nos achega a compañía Trémola Teatro, co suxestivo título "Que animaliño é?"


"Que animaliño é?" É un espectáculo de dinamización, onde se mestura teatro, música e danza creando un espectáculo sensorial. Durante a obra, a medida que Paula, toca o xilófono, dunha caixa máxica, van saíndo marionetas de diferentes animais que lle traerán distintos agasallos. Paula irá así descubrindo a un paxaro, un pez e un gato cos que vivirá divertidas aventuras acompañadas de diferentes elementos sensoriais. Os nenos e as nenas poderán gozar e participar de todo o que vai sucedendo nesta selva. A liña argumental que segue esta peza comeza con Paula tentando facerlle unha canción ao seu pai co xilófono, tarefa que terminará facendo grazas a axuda da súa amiga a Señora Gato.

O contacontos terá lugar o Luns 29 de xullo, ás 11:30 h.

Para participar na actividade é preciso inscribirse previamente na biblioteca, xa que as prazas son limitadas.

Podedes anotarvos para o contacontos:
- Achegándovos á Biblioteca de Chapela

- Por teléfono, chamando ao 986-454-226
- No correo electrónico: bibliotecachapela@redondela.gal

A actividade é de balde, e ofrecémola grazas ao programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.


No hay comentarios: