Ana Facchini hoxe nun momento da actuación |
Desafiando as duras condicións climáticas, unha contadora extraordinaria, Ana Facchini, achegouse á Biblioteca Xela Arias cunha maleta chea a rebosar de contos, humor, diversión e creatividade, para ofrecernos o seu espectáculo "Encóntame o Nadal".
O reto era difícil, facer fronte á borrasca "Elsa" para animar ás familias a subir ata o Piñeiral do Crego, en Chapela para escoitar contos, versos e historias.
Fermosa e orixinal árbore de Nadal con contos e adiviñas, a que acompañaba a sesión de contos desta tarde |
Os (máis ben "as", porque a maioría era feminina) valentes que se achegaron non se arrepentiron da súa decisión, e gozaron moito desta cálida benvida ao Nadal que lles ofreciamos dende a biblioteca.
E a calidez a sacamos con radiadores extra, con árbores de Nadal desprazadas e coa ilusión, gañas e maxia da nosa fantástica contadora desta tarde.
Grazas aos/ás que vos achegáchedes hoxe a participar no noso espectáculo, e grazas a Ana Facchini por unha sesión de contos tan fermosa e orixinal. Agardamos poder gozar de novo das túas historias.
#nadalenredondela
No hay comentarios:
Publicar un comentario