miércoles, 18 de abril de 2012

IV Semana do Libro. A Festa das Palabras


A Axencia de Lectura Muncipal de Chapela e mais a Biblioteca Municipal de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, dependentes da Concellería de Cultura, organizan a IV Semana do libro, a festa das palabras, que se desenvolverá do 17 ao 29 de abril de 2012.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve, un ano máis, como pretexto para facer unha campaña de animación á lectura e, ao mesmo tempo, de divulgación da realidade multilingüe do noso contorno máis próximo.

Esta exposición multilingüe pódese facer grazas á colaboración das diferentes institucións que achegaron libros en portugués (Instituto Camões de Vigo); éuscaro (Liburutegi Zerbitzua – Servizo de Bibliotecas; Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco); catalán e aranés (Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya); asturiano (Academia de la Llingua Asturiana); aragonés (Academia de L'Aragonés), e galego e castelán, dos propios fondos das bibliotecas redondelás.


Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro e procurar unha animación efectiva á lectura expoñendo os libros en lugares pouco habituais, co obxectivo transversal e multidisciplinario de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. Dende o coñecemento doutras realidades lingüísticas poderemos aprender a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.


A programación deste ano inclúe a exposición multilingüe de libros no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, do 17 ao 20 de abril; e no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, do 23 ao 29 de abril. Pero ademais conta con tres presentacións de libros que se desenvolverán os días 19, 25 e 27 de abril.

A primeira delas será no Auditorio da Xunqueira o xoves, 19 de abril, ás 12.00 h, á que asistirá convidado alumnado de primaria redondelá e as persoas que o desexen. Neste acto presentarase o libro A NOITE DO APALPADOR, e contará coa presenza dos seus autores: Xurxo Valcárcel e Pepe Carreiro.

Esta é unha edición limitada e exclusiva para o Concello de Redondela, que parte dunha iniciativa da Concellería de Cultura a partir dun texto poético do escritor chapelán Xurxo Valcárcel Gil, para dar a coñecer esta importante figura da nosa cultura mítica e poñer en valor as nosas tradicións e identidade.


O texto, que xa hai tempo que percorre Galicia con grande éxito en diferentes medios, foi musicado tamén por Xurxo Souto e divulgado na Radio Galega. Para lle dar forma a este noso Apalpador, incluíronse as ilustracións de Pepe Carreiro que lle imprimiu o seu particular selo. O libro está editado en papel reciclado e conta cun texto inzado de vocabulario das especies vexetais e arbóreas autóctonas, que axudará a achegar aos máis pequenos o valor do noso patrimonio natural e cultural.
Presentacións

19 de abril, ás 12.00 h. Auditorio da Xunqueira. Xurxo Valcárcel e Pepe Carreiro:
A noite do Apalpador


25 de abril, ás 20:00 h. Casa da Cultura. Moisés Quintas Suárez (Ed. Ouvirmos)
Guía didáctica dos instrumentos tradicionais galegos


27 de abril, ás 12.00 h. Casa da Cultura. Yolanda Castaño: Babelia en galego

No hay comentarios: