sábado, 27 de octubre de 2018

Jella Lepman, a muller que cambia vidas

   A Casa da Cultura de Redondela acolleu este pasado venres un acto   conmemorativo do Día da Biblioteca centrado na figura da escritora e xornalista alemá Jella Lepman, unha muller que organizou o primeiro evento internacional despois da Segunda Guerra Mundial en Alemaña: unha exposición internacional de libros infantís que foi a orixe da maior biblioteca do mundo en materia de literatura infantil e xuvenil, a Biblioteca Xuvenil Internacional situada no Palacio Blutenburg, nos arredores de Múnic.

http://www.creotz.com/velda-/55-un-puente-de-libros-infantiles.html?search_query=lepman&results=1
Teresa Zataraín coa autobiografía de Lepman
O evento, organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das mesmas, estivo conducido por Teresa Zataraín xornalista e editora da viguesa editorial Creotz que conseguiu no 2017 os dereitos de publicación da autobiografía de Lepman, "Un puente de libros infantiles". 

 Teresa Zatarín que acaba de regresar, convidada polo Instituto Goethe, da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, cativou aos asistentes coa semblanza desta descoñecida autora alemá sen cuxa labor é imposible comprender o panorama editorial actual. 
Jella Lepman (Foto, Stiftung Internationale Jugendbibliothek (IJB)


O acto comezou cunha emocionante referencia á destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito dos Balcáns. O incendio destruíu centenares de miles de libros e numerosos incunables. Varios miles de volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio, cando os empregados da biblioteca, arriscando as súas vidas, comezaron a arroxar libros e documentos polas xanelas. Para evitar que esta dolorosa historia fose esquecida, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil propuxo celebrar o Día da Biblioteca. 

A editora viguesa con Cristina Rivas, da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, que presentou o acto
Con esa concomitancia co vivido na época nazi, Teresa foi esfiañando as vivencias de Jella Lepman ao longo de 12 anos da súa vida e con elas a situación das mulleres e nenos alemáns na posguerra e a transformación acontecida, grazas a súa labor a través dos libros infantís, no devastador panorama cultural e social  tras a Segunda guerra Mundial.


 Nun momento en que Alemaña saía dun período de illamento a todo o que proviñese do exterior e no que non existiu produción literaria algunha que non tivese caracter propagandístico, Jella Lepman organizou o primeiro evento internacional despois da guerra, unha exposición internacional de libros infantís chegados de numerosos países e diferentes linguas, atrevéndose a pedir axuda para o mesmo aos países que sufriran, ata facía pouco, a violencia alemá.

 Ninguén que queira comprender o panorama editorial infantil actual poderá facelo sen coñecer a achega desta gran muller que foi Jella Lepman.
 
Imaxe de Jella Lepman tomada do blog Palabras que hablan de historia
 Desde estas liñas, o noso agradecemento a Teresa Zataraín e a súa familia por compartir connosco un encontro inesquecible nunha semana de gran traballo para a editora e, sobre todo, grazas por darnos a coñecer a unha persoa que transformou e continúa a tranformar a todo o que se achega a ela.

A nova en Comarcas na Rede
No Faro de Vigo 
En Radio Redondela 
En redondela.gal 

No hay comentarios: