sábado, 10 de noviembre de 2018

O IES Chapela tamén se achega á exposición dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible


Este venres, un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES Chapela achegouse ao Multiúsos Piñeiral do Crego para visitar a exposición "Os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible", organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e achegada ao Multiúsos de Chapela grazas á colaboración das bibliotecas municipais.

A concelleira Teresa París, vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade neste exercicio e concelleira responsable do mesmo en Redondela achegouse esta mañá para recibir a estes estudantes.


A exposición, formada por caixas de cartón de tamaño xigante con viñetas de ilustradores/as galegos/as e da África lusófona sorprendeu aos seus visitantes polo seu formato, e gustou polo seu contido. Cada unha das imaxes facía referencia a cadanseu obxectivo dos 17 ODS fixados por Nacións Unidas de cara a Axenda 2030.

Aínda que algunhas viñetas resultaban máis difíciles de interpretar ou de asociar cos seus respectivos ODS, a exposición gustou aos visitantes, que a consideraron unha boa ferramenta de sensibilización social e de difusión do contido dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Dámoslles as grazas a estes alumnos pola súa visita e a Susana, a súa profesora, por incluir esta exposición dentro das actividades do módulo Expresión e Comunicación deste ciclo.

No hay comentarios: