jueves, 23 de abril de 2020

As bibliotecas de Redondela participan nun vídeo conmemorativo con 31 bibliotecas galegas polo Día do Libro



As bibliotecas municipais de Redondela participan no vídeo elaborado por 31 bibliotecas galegas para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril.

As persoas responsables das bibliotecas, que están pechadas por mor da pandemia da COVID-19, son as protagonistas e as caras visibles deste audiovisual, que quere mostrar que estes centros seguen a traballar e a buscar novas formas de contactar co público lector.

A acción enmárcase dentro das actuacións cooperativas que está a poñer en marcha un grupo de traballo formado por 31 bibliotecas municipais pertencentes á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Desde marzo, abren novas canles para compartir experiencias e fomentar a participación, mesmo en tempos de confinamento.

O vídeo conmemorativo do Día Internacional do Libro é unha destas iniciativas. Nel aparecen as propias persoas encargadas das bibliotecas.
O espírito do vídeo é amosar a proximidade do servizo bibliotecario, aínda que as bibliotecas non estean abertas ao público. A ritmo da música de Guadi Galego (‘Chea de vida’) e Migallas (‘O libro máxico’), as bibliotecarias e bibliotecarios, un a un, van intercambiando libros en pequenas pezas realizadas desde as súas propias casas, simbolizando un traballo en rede cooperativo e de axuda común.
-------------------------------------------------

Outra iniciativa posta en marcha por este grupo ao comezo do estado de alarma é o deseño dun banco de recursos baixo o nome de #horadoconto, que consiste en recomendar unha lectura. As escollas fanse públicas de luns a venres a través das redes sociais e páxinas web municipais. Cada día, unha das bibliotecas é a responsable de realizar dita recomendación, en diferentes formatos, xéneros e idiomas. A proposta ten como propósito fomentar a lectura e o contacto cos libros.

Aquí un exemplo da hora do conto. Neste caso, co conto proposto pola biblioteca Valle-Inclán na súa quenda de selección de conto:

As bibliotecas públicas municipais que conforman esta iniciativa son as dos concellos de: Antas de Ulla, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Baiona, Boiro, Caldas de Reis, Chantada, Coirós, Corcubión, Miño, Mondariz Balneario, Narón, Noia, O Pino, O Saviñao, Ordes, Oroso, Portonovo, Redondela (na que participan as bibliotecas de Redondela e mais a de Chapela), Rianxo, Ribadavia, Rois, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Santa Comba, Sober, Teo, Xermade e Xinzo de Limia.

Na web do concello 

En Comarcas na Rede

No hay comentarios: