A Biblioteca Xela Arias de Chapela adiantou á xornada de onte a celebración do Día da Biblioteca, e fíxoo achegando a literatura oral aos maiores, da man dun dos contadores máis queridos do panorama galego actual.
Avelino González, coñecido actor e afamado narrador, é tamén un concienzudo investigador das lendas e dos contos tradicionais de toda a xeografía galega, amén dun namorado da fantasía épica e mordaz de Álvaro Cunqueiro.
Coa súa voz, Avelino foi quen de achegarnos a mundos antigos, de facernos rir, soñar e pensar. E cos libros da biblioteca, que formaron parte do espectáculo, foi quen de situarnos eses mundos nun universo enteiro de papel no que da gañas de mergullarse.
O público, convocado no auditorio do Piñeiral do Crego por superar o aforo da biblioteca, gozou dunha viaxe por un mundo de contos misteriosos, de fadas, mouras e encantamentos, e foi testigo e copartícipe dunha agarimosa transgresión da épica e dos xéneros, para subverter o protagonismo dos personaxes femininos desas historias. Porque se as contaramos pola boca das súas mulleres... como cambiaría o conto!
A actividade realizouse dentro do programa Ler conta Moito para a promoción da Igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario