Mostrando entradas con la etiqueta Arquivos de audio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arquivos de audio. Mostrar todas las entradas

martes, 2 de abril de 2019

Le e escoita, "Os libros fannos acougar"

Unha nai le ao seu neno, un bebé de poucos meses; esta é sempre unha situación fermosa, pero si esa nai é a nosa compañeira María José e o bebé o seu pequeno, esa lectura é, ademais de fermosa, algo moi entrañable para todos nós. 
   
Os libros fannos acougar
  Sen máis, deixámosvos para que escoitedes a María José, contando ao seu fillo como os libros fannos acougar. Shhh! comeza:


Escrito por Kęstutis Kasparavičius 
Ilustrado por Kęstutis Kasparavičius
Traducido por Antía Marante Arias (GÁLIX)




Accede aquí ao texto impreso da mensaxe deste ano

jueves, 18 de diciembre de 2014

Recomendacións dos libreiros para estas Festas

Aquí podedes acceder un ano máis ás  RECOMENDACIÓNS DOS LIBREIROS de Redondela para regalar nestas Festas, tamén as tedes dispoñibles na web de Radio Redondela.



lunes, 12 de mayo de 2014

Os libreiros de Redondela recomendan nas Letras Galegas

Que vou regalar ou que "me vou regalar" o 17 de maio?

Achégase o Día das Letras Galegas, unha data, que como o Día do Libro invita a adquirir unha obra que nos guste dos nosos escritores (recordade ademais que ese día hai desconto).

Se temos dúbidas acerca de en que libro investir ou, se non somos lectores afeccionados a ler en galego e non sabemos por que libro decantarnos, achegarvos, o 15 de maio, ao dial de Radio Redondela (94.9) onde os libreiros da nosa localidade nos suxerirán libros para público infantil e adulto cos que non erraremos a compra.

Será un espazo especial dentro das emisións de Radio Redondela realizado en colaboración coa Biblioteca Municipal.



A Libraría A Carambola (Reboreda), Libraría La Imprenta de Amador (Redondela), Libraría Moliere (Redondela), Libraría Doble Pauta (Redondela) e Mandamamá (Redondela), compartirán cos oíntes os libros que consideran máis acertados para regalar (e regalarse) nesta data. Por certo, un saúdo afectuoso á Libraría Rivero de Chapela que, por causas maiores, non pode participar nesta edición.

Nesta ocasión teremos unha convidada moi próxima a todos nós, Eva M. García Rei, do Servizo de Normalización Lingüística Redondela, que tamén nos achegará as súas propostas. 

Non podía faltar tampouco, Mª Elena Becerra, a nosa directora, que ten no máis absoluto dos segredos o libro que vai suxerir.



Unha vez emitido, poderá accederse aos audios do programa a través da web da Radio e do blog das Bibliotecas de Redondela:




(ilustración de Violetno)

lunes, 2 de abril de 2012

O Xastriño, Cincenta e os Músicos de Bremen en Radio Redondela

(Na fotografía a nosa compañeira Eva do Servizo de Normalización Lingüística radiando hoxe as novas grimmosas en Radio Redondela)


Como viñemos anunciando en entradas anteriores,  hoxe celébrase en todo o mundo o Día do Libro Infantil e Xuvenil. As bibliotecas de Redondela non queremos faltar á cita  con tan sinalada data e, coa colaboración inestimable da nosa compañeira Eva, de Radio Redondela e de Cote e de Elena por parte da Biblioteca Municipal, quixemos achegar os contos dos irmáns Grimm a todos os recunchos de Redondela. Para conseguir isto, que mellor que as ondas radiofónicas!, así,  retransmitiranse ao longo do día, distintos sucesos que lles aconteceron nestes días aos personaxes destes relatos, xunto con fragmentos explicativos das súas historias.

Abrindo esta conmemoración, por suposto, a lectura radiofónica da mensaxe deste ano que corre a cargo do poeta, narrador e editor mexicano Francisco Hinojosa.
    
O Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celébrase desde 1967 cada 2 de abril, data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, coa intención de fomentar a lectura entre pequenos e novos.

E por que non lemos enton, hoxe, os contos de Andersen?
Que non se nos cele o autor pero como este ano se celebra o Bicentenario da primeira publicación dos Contos para a infancia e o fogar dos irmáns Grimm,  pareceunos bonito axuntar deste xeito aos grandes (xunto con Charles Perrault) recopiladores e autores dos contos máis inmortais.

Poñede a radio e descubride que lles pasou ao Xastriño valente, a Cincenta e aos músicos de Bremen!

PODEDES ESCOITAR AQUÍ OS PODCAST: 

  • MANIFESTO DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2012:
 
  • CINCENTA:

  • OS MÚSICOS DE BREMEN:

  • O XASTRIÑO VALENTE: 


viernes, 9 de septiembre de 2011

"Esmorga" literaria no mar...

uQe grande pracer ler poesía mentres as olas do mar acariñan o teu barco...

Non é por dar envexa aos lectores deste blog, mais onte no Club de lectura de adultos de Chapela realizamos unha das máis novidosas, divertidas e emocionantes actividades que acordamos... ata o punto de que aínda estamos a gozar hoxe da experiencia.

A tarde de onte embarcámonos no mar da nosa ría, pero non só dun xeito literario, como outras veces, senon que tamén o fixemos dun xeito literal.


Marcos e de Selene, dous socios da biblioteca, moi xenerosos e tamén moi implicados nas nosas actividades, decidiron participar de xeito activo na vida da biblioteca, e nos ofreceron a súa embarcación para facer nela a actividade literaria que nos apetecese. O Club de lectura tomou o testigo e, despois de discutir e analizar as posibilidades, na tarde de onte embarcamos a bordo deste fermoso e grande veleiro. Para os entendidos e interesados en materia náutica diremos que se trata dun ketch, co simpático nome de Sueño Loco.

Convidamos tamén a Nolim González, o noso poeta chapelán de adopción, e sumáronse Berto e Jose, o Roxo, coas súas guitarras, que animaron (e de que xeito!) esta xornada literaria de poesía e música no mar.


Nolim comezou lendo unha composición do escritor brasileiro Manoel de Andrade, e continuamos todos a ler (e tamén a cantar) diversos poemas. Non faltaron Mendiño, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, X. M. Álvarez Blázquez, María Mariño... e outros poetas galegos e de alén doutras terras que lle cantaron ao mar.


Xunto con cancións e cantigas, tivemos tempo a merendar e, dado o bo tempo, por que non?, a gozar tamén da auga (as máis ousadas).

Rematamos a xornada cuns divertidos xogos de maxia que nos amosaron Leo e mais Carmen. Que mais se pode pedir para que unha tarde sexa maravillosa?


En breve subirémosvos un vídeo con imaxes da nosa travesía literaria. Polo de pronto, aquí tedes unha mostra das nosas recomendacións literarias do mar en Radio Redondela.


Tamén podedes ver Aquí a nova en Redondela TV.