Mostrando entradas con la etiqueta Poesía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Poesía. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de marzo de 2019

Día da Poesía con Sophia


O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía e nas bibliotecas de Redondela celebrámolo coa posta en marcha do segundo centro de interese do proxecto Literaturas Irmás que vira ao redor da figura da poeta Sophia de Mello

Centro de interés de Sophia de Mello  na sala xeral

O proxecto Literaturas Irmás/Irmãs pretende visibilizar a cooperación existente entre as dúas rexións (Portugal e Galiza) a través da promoción de libros en galego en bibliotecas portuguesas e libros en portugués en bibliotecas galegas, para que os usuarios das mesmas en ámbolos dous lados do Miño poidan gozar da riqueza das dúas literaturas.

Poemas de Sophia de Mello a disposición dos lectores  no Día da Poesía


 
Reverso das follas de poemas
 
Os materiais, que se atopan nos centros de interese,  e que se poden levar en préstamo, son facilitados polas respectivas  bibliotecas: a biblioteca de Monçao facilitounos as obras de Sophia de Mello, mentres que desde Redondela enviamos unha selección de obras do noso lembrado Agustín Fernández Paz, autor que sustitúe a Manuel Rivas na nosa biblioteca irmá.

viernes, 21 de octubre de 2016

Con Barqueira e Remador. Recital poético multilingüe no Multiúsos de Redondela


"Con barqueira e remador. Recital poético multilingüe" - Acto de despedida no que cada poeta recitará no seu idioma orixinal, seguido das versións en galego realizadas para este encontro.
A illa de San Simón, en Redondela, volveu ser esta semana o escenario do Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, que celebra a súa quinta edición coa participación de seis recoñecidos poetas e tradutores procedentes de diversos países. 
A galega Dores Tembrás, o croata Damir Šodan, a búlgara Tsvetanka Elenkova, o estoniano Igor Kotjuh, a galega e poeta en castelán Miriam Reyes e o ucraíno Ostap Slyvynsky son os protagonistas dunha edición que se desenvolverá do 17 ao 22 de outubro baixo a dirección da tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, co patrocinio da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Redondela, ademais do apoio de diversas entidades.
  • VER MÁIS SOBRE O ENCONTRO AQUÍ.
  • Aquí e aquí podedes ver o encontro en anos anteriores.

ESTE VENRES, 21 DE OUTUBRO, NO AUDITORIO DO MULTIUSOS DA XUNQUEIRA DE REDONDELA, ÁS 20:00 H. celebrarán un recital poético onde amosarán o froito desta intensa semana de traballo na poesía e na tradución.
Como en anos anteriores, cada autor recitará na súa lingua orixinal, seguidos de cadansúa tradución ao galego dos seus poemas, da man da galega Dores Tembrás.
Entrada libre e de balde.

lunes, 11 de julio de 2016

A decepción non estivo presente en Redondela

O venres, 8 de xullo, foi un día moi especial. Da man de Carmen Castejón Cabeceira, vivimos unha gala poética intensa e sorprendente, na Casa da Cultura de Redondela. O recital acompañaba á  presentación do seu último libro  "La decepción se pinta". A voz, a música, perfectamente escollida, e a personalidade de Carmen (canta humanidade e afabilidade!) fixeron que o que ela temía que fose un tempo excesivo, voase.
Un invitado que nos arroupou e contribuíu  á maxia do acto, foi o espazo, embelecido  pola exposición #violencia Zero, á que vos animanos a visitar.
Moitas grazas á editorial Discursiva, representada no acto polo seu editor Enrique Sánchez Sotelo, por ofrecernos a oportunidade de gozar deste evento en Redondela e, por suposto a Carmen Castejón, por compartir connosco o seu arte e o seu cariño.
Ata a próxima e ata sempre!


lunes, 27 de junio de 2016

"La decepción se pinta" Presentación na Casa da Cultura

Sobre a autora
Presentación do libro de poemas "La decepción se pinta", de Carmen Castejón Cabeceira 
Venres, 8 de xullo, ás 20:30 h. Na Casa da Cultura de Redondela (Praza Figueroa) Entrada libre e de balde 
"La decepción se pinta", da editorial viguesa Discursiva, componse de 26 poemas, agrupados en tres grandes bloques: "De las primeras decepciones", "Del método de vivir" y "De las consecuencias del programa amoroso", onde a autora, en clave autobiográfica, percorre etapas da súa vida. Está ilustrado por Elisa Bravo A presentación correrá a cargo do editor e escritor Enrique Sánchez Sotelo. En palabras do mesmo "A Editorial Discursiva nace en Vigo coa intención de dar cabida a esas voces que discorren, esas voces poéticas, soñadoras, investigadoras... esas voces que nos golpean a alma e a mente. Ese é o noso discurso." 
 Carmen Castejón Cabeceira (Pontevedra 1964): poeta autora de tres poemarios. Foi catalogada en diversas antoloxías nacionais e estranxeiras. Ofreceu conferencias e espectáculos poéticos en distintos puntos de Galicia e México. Está integrada en varias organizacións de renome nacional e internacional entre as que destacan a IWA (International Writers and Artists); Prometeo y Asolapo Internacional da que é Presidenta en España e Presidenta da súa comisión para nomeamento de Premio Nóbel de Literatura. Desde o ano 2009 é Embaixadora de Paz en España do Círculo de Embajadores de la Paz de Ginebra y Francia. Como autora móvese entre o social e o existencialismo, entendendo a Poesía como algo non estático.
 Ao final da presentación a autora asinará a súa obra a todos os que o desexen
 Organizan: Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela

miércoles, 21 de octubre de 2015

Recital poético multilingüe no Multiusos da Xunqueira

Este venres, ás 20:00 h. no Auditorio do Multiusos da Xunqueira

No marco do IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador" desfrutaremos das obra e das voces dos poetas Sholeh Wolpé (Irán), Tal Nitzán(Israel), Yasuhiro Yotsumoto (Japón), Nikola Madzirov(República de Macedonia), Estíbaliz Espinosa (Galicia), Josep M. Rodríguez(Cataluña) e Ostap Slyvynsky(Ucrania)
 Accede aquí ao programa da actividade e a biografía dos participantes
 
A cuarta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética vólvese celebrar durante unha semana na illa de San Simón, ata o 24 de outubro, logo de tres exitosas edicións que tiveron lugar en datas semellantes de 2012, 2013 e 2014. Aloxado e inspirado na illa de San Simón, o VI Obradoiro internacional de tradución poética "Con barqueira e remador" é unha iniciativa pioneira no noso país aínda que concibida a semellanza de outras moitas que se celebran no mundo, e que xa se está a converter nunha cita anual do outono en Galicia.



Yolanda Castaño e Xosé Leal, na  presentación en Pontevedra
Un traballo intensivo, presencial e recíproco de intercambio entre linguas e poéticas coordinado por Yolanda Castaño. Nesta edición conta con actos abertos ao público e gratuitos. Este recital poético é un deles, en colaboración co Concello de Redondela.
Trátase da mellor mostra tanto do traballo poético dos autores/as participantes en Con barqueira e remador coma do labor de tradución (ao galego) durante o proxecto.

viernes, 27 de febrero de 2015

Día de Rosalía... As lecturas en Radio Redondela

Este martes, 24 de Febreiro, festexouse en toda Galicia o Día de Rosalía, cun sinfín de actividades de recordo e moitas manifestacións de achegamento e de agarimo á nosa grande escritora.

Doodle de Rosalía de Castro en Google, 0 24 de Febreiro
Radio Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela festexaron esta actividade convidando a todos os que o quixeren, a gravar na radio a lectura dalgún texto da escritora. Durante toda a semana estas lecturas se emitiron na nosa radio municipal.

Cartel de Rosalía de Castro difundido pola editora El Patito Editorial
O persoal das Bibliotecas Municipais de Redondela, xunto con outros veciños e veciñas, amantes e amigos da poesía, e mais da escritora, participamos con moito agrado nesta acción. 

Se queredes escoitar estas lecturas, podedes premer na seguinte imaxe:

PICA NA IMAXE PARA ESCOITAR AS LECTURAS DE ROSALÍA EN RADIO REDONDELA

domingo, 19 de octubre de 2014

Ata o ano que vén!



"Sentada na ermida de São Simeão 
Cercaram-me as ondas, que grandes são! 
Eu atendendo o meu amigo! 
Eu atendendo o meu amigo! 

Estando na ermida, frente ao altar, 
Cercaram-me as ondas, grandes do mar! 
Eu atendendo o meu amigo! 
Eu atendendo o meu amigo! 

Não tenho barqueiro nem armador 
Morrerei formosa no mar maior! 
Eu atendendo o meu amigo! 
Eu atendendo o meu amigo!"


Moitas grazas Karlis Verdinis, Katerina Rudcenkova, Leire Bilbao, Marilar Aleixandre, Alvin Pang, Catharina Gripenberg, Cosmin Perta, Yolanda Castaño e a todos os que a compartistes connosco. Coma sempre, unha velada inesquecible. Ata sempre amigos!


viernes, 10 de octubre de 2014

Atendendo ao meu amigo: Recital poético multilingüe en Redondela


 Baixo a coordinación de Yolanda Castaño o vindeiro 17 de outubro, Karlis Verdins (Letonia), Katerina Rudcenkova (República Checa), Leire Bilbao (Euskadi), Marilar Aleixandre (nacida en Madrid e cuxa obra literaria desenvolveu en galego), Alvin Pang (Singapur), Catharina Gripenberg (Finlandia) e Cosmin Perta (Romanía) terán oportunidade de compartir con todos os redondeláns o enriquecedor traballo que desenvolveron na Illa de San Simón,  a través dun sorprendente recital multilingüe que a ninguén deixará indiferente, "Atendendo ao meu amigo

Venres, 17 de outubro
No Auditorio do  Multiusos da Xunqueira
Ás 20:00 h.
 Entrada libre e de balde. 


Biografías dos poetas participantes

 O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia, concibida a semellanza das que se realizan noutros países, que se completa cunha programación de actividades abertas a todo o público e gratuítas 

jueves, 20 de febrero de 2014

Sorteo "De amor e de palabras" (2)

Hoxe, pasou pola biblioteca o gañador de "De amor e de palabras" a recoller o seu premio: o libro "Veintiún sonetos de amor y otros poemas" de Juana Inés de la Cruz, un marcapáxinas coa ilustración da fisionomía de Tolstoi e unha práctica funda-portalibros
Parabéns, Andrés!

viernes, 24 de enero de 2014

"Farrapos de boneca"


Aquí tedes unhas imaxes da presentación do poemario "Farrapos de boneca"
de Rochi Nóvoa, no Ateneo de Ourense

sábado, 19 de octubre de 2013

Atendendo ó meu amigo

Máxico, esta é a palabra que mellor define o recital poético ao que onte asistimos
Moitas grazas a Yolanda Castaño, a Gökçenur Ç, a Xuan Bello, a Samira Negrouche, a Lawrence Schimel, a Anna T. Szabó, a Isaac Xubín e a todo o público presente
Aquí, deixámosvos unha fotografía-próximamente subiremos máis-que é unha "mostra da mellor das receitas": autores + bibliotecarios. Acompáñanos o noso compañeiro José Manuel, da Biblioteca de Pazos de Borbén.

viernes, 11 de octubre de 2013

Recital poético multilíngüe no Multiusos da Xunqueira de Redondela

Tedes papel e bolígrafo a man? Apuntade esta cita  para o venres 18 de outubro ás 20:00 h.: o recital poético multilingüe ATENDENDO AO MEU AMIGO, incluído no II Obradoiro Interrnacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’
Esta é a segunda edición e o recital do pasado ano foi inesquecible e marabilloso. 
Non volo perdades, é unha ocasión única! 

Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegan dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU.  Xunto con Yolanda Castaño, organizadora do evento, Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (EEUU), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) 

Entrada libre e gratuíta







II Obradoiro Internacional de Tradución Poética na Illa de San Simón

  A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Concello de Redondela, a través da Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal,  promove o II Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, unha iniciativa pioneira en Galicia que se celebra por segundo ano consecutivo na illa de San Simón, berce simbólico da poesía trobadoresca galego-portuguesa.

Sete recoñecidos poetas pertencentes a outras tantas comunidades lingüísticas –galega, estoniana, turca, húngara, asturiana, inglesa e alxeriana– participarán este ano, do 14 ao 19 de outubro, nesta iniciativa coordinada pola escritora Yolanda Castaño, na que cada poeta traduce a cadansúa lingua e, á vez, é traducido ás demais, tomando como referencia o inglés como idioma vehicular.
Gökçenur Ç (Turquía), Ana T. Szabó (Hungría), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos) e Isaac Xubín (Galicia), poetas recoñecidos nos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores literarios, terán ocasión de compartir, durante unha semana, un enriquecedor traballo mutuo de transvasamento entre linguas.

Biografías breves dos poetas
Tríptico 
Tríptico(2)

Programa de actos paralelos, que  servirá  para poñer en contacto ao público galego con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo: 
  - Mércores 16 outubro, 20h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra). 
  - Xoves 17 outubro, 19:30h: Mesa redonda “CERCANDO AS ONDAS. Tradución poética en mans de poetas”. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
  - Venres 18 outubro, 20h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).
 Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín

viernes, 17 de mayo de 2013

Vídeo da actividade "Tecín soia a miña tea", no homenaxe a Rosalía de Castro realizado polas Bibliotecas de Redondela

Durante a pasada Semana do Libro as Bibliotecas Municipais de Redondela fixemos unha homenaxe especial a Rosalía de Castro, autora fundamental na historia das nosas letras, e cunha obra moi destacada que serviu para recuperar a creación literaria en galego.

Cantares Gallegos cumpre hoxe 150 anos máis vivo que nunca, como demostran os numerosos actos conmemorativos en toda Galicia e tamén en outras partes do mundo.

A nosa adicatoria a Rosalía levouna a cabo Ana Hermida, maravillosa actriz, divertida e moi dinámica, que se transformou na poetisa durante unha espléndida interpretación do recital Tecín soia a miña tea, na Biblioteca de Chapela.

Hoxe, Día das Letras Galegas, temos o pracer de amosarvos o vídeo que resume esta actuación, para que o gocedes e que sintades a esta Rosalía con tanto agarimo coma nós.

Feliz 150 aniversario!

viernes, 26 de abril de 2013

Centro de interese sobre Rosalía de Castro na Biblioteca de Chapela

Nestes días tedes á vosa disposición o noso interesante centro de interese sobre Rosalía de Castro, protagonista do noso recital poético deste xoves: "Tecín soia a miña tea", con Ana Hermida.

Aquí as nosas amigas Alba e mais Rocío nos fan a presentación:


E para aqueles que gozáchedes onte co noso recital sobre Rosalía de Castro (ou os que non), e querades afondar un pouco máis nos seus textos en prosa, tan descoñecidos pero, como vimos, tan interesantes, feministas e atrevidos:
  • Podedes pedir este libro na biblioteca, que recolle as súas obras en prosa (PREMEDE NA IMAXE):

Arrebatadora Rosalía de Castro na Biblioteca de Chapela

Este xoves gozamos na Biblioteca de Chapela dun momento máxico, intenso e arrebatador, con Ana Hermida, unha excelente condutora das nosas sensacións, e unha incomparable recitadora de Rosalía de Castro.


A través de versos, pero tamén daqueles textos en prosa, menos coñecidos dentro da obra rosaliana, a nosa intérprete nos achegou unha faceta bastante diferente da poeta de Padrón. O humor, a retranca, a carraxe, a reivindicación ante as inxustizas, e un marcado feminismo no seu pensamento.
Unha Rosalía forte e paixoal, e unha Rosalía tamén irónica cos costumes do seu tempo, facetas que moitos apenas coñeciamos.

Ana Hermida, caracterizada como Rosalía de Castro, interpretou á poeta, falándonos do seu sentir hacia o teatro, da súa atracción polos versos, e das dificultades de querer escribir no seu tempo sendo muller.


Con "A estrela perdida do teatro", de Miguel Anxo Fernán-Vello, comezou o recitado, aludindo á vocación teatreira de Rosalía.

Continuou con poemas das diferentes obras de Rosalía
 "San Antonio Bendito" ou o fermoso poema cantado "Hora meu meniño hora", de Cantares Gallegos
E tamén: "Vaguedás", "Decides que o matrimonio", "Tanto e tanto nos odiamos", "Xan", "Calade!", "Brancas virxes de cándidos rostros", "Ti onte, mañán eu", "Ladraban contra min que camiñaba", "A xustiza pola man", de Follas Novas.

Dende o máis humorístico e irónico ata o máis tenro, e lírico, pasando polo reivindicativo feminista e de defensa da súa terra. Ana Hermida nos fixo vibrar co seu recitado e coa musicación vocal dos poemas.
 Rematou co ton máis intenso e dramático, neste caso, co poema que daba nome a este recital: Tecín soia a miña tea, onde nos fala da soidade da muller, que nada pode esperar do home que non chega.
Pola súa forza e intensidade, deixámosvolo aquí para que o gocedes:

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.
 

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

A actividade realizouse dentro da programación da V Semana do Libro, elaborada conxuntamente polas bibliotecas municipais e o Servizo de Normalización do Concello de Redondela; e grazas, tamén, á participación do programa Ler Conta Moito, promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Aquí podedes ver o noso centro de interese bibliográfico, con libros de Rosalía de Castro da nosa biblioteca.

viernes, 19 de abril de 2013

Recital homenaxe a Rosalía de Castro, na Biblioteca de Chapela





Lembrando o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", que terá lugar o 17 de Maio deste ano, as Bibliotecas Municipais de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística preparamos con moita ilusión esta actividade, que temos a honra de incluir dentro da nosa "V Semana do Libro: A Festa das Palabras".


A actriz Ana Hermida e a asociación cultural Lisístrata ofreceranos unha Rosalía actual e descoñecida “eu quería ser actriz e non me deixaron”; Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa e dura, ahora narrada, ahora cantada... unha visión diferente da nosa escritora.

Ana Hermida, unha muller interpretando a outra muller, traeranos poemas, teatro e cancións para honrar á nai da nosa terra.

A actividade desenvólvese a través do programa cultural Ler conta moito da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para as bibliotecas públicas.

jueves, 21 de marzo de 2013

21 de Marzo: Día Mundial da Poesía


A nosa amiga Sheila posa ante o primaveral centro de interese que creamos en Chapela sobre a poesía

Non hai nada mellor para celebrar o comezo da Primavera que adicarlle o día a un xénero literario tan maravilloso e cotián, íntimo e manifesto, real e mais fantástico, veraz e recóndito, suxerente e mais descarnado, profundo e livián, doce e mais tamén acedo... como é...

xa o sabedes....

a POESÍA.

Así, alo menos, pensáronno os responsables da UNESCO, que a partir do ano 1999 decidiron adoptar o Día Mundial da Poesía; co obxectivo de soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética e darlle aos que están ameazados a posibilidade de expresarse nas súas comunidades respectivas. Tamén para apoiar á poesía, á volta da tradición oral dos recitais, e para favorecer a integración entre a poesía e outras manifestacións artísticas.

Se queredes achegarvos á poesía con libros que non son nada serios nin aburridos, preguntade nas bibliotecas, que seguro que vos han atopar algún libro en verso que vos guste de verdade.


Para mostra, a nosa amiga Sheila, da Biblioteca de Chapela, accedeu a posar no noso centro de interese de poesía infantil. Moitas grazas!

miércoles, 27 de febrero de 2013

Poesía nas lúas 2013

A noite do 1 de marzo (ou a mañá do 2) se repetitrá o evento xurdido no ano 2012: Encheranse as lúas dos coches de poemas!!!
Ponche de acordo coa túa panda de amigos ou familia e  a inundar a rúa de multas poéticas!!!!
Iso si.. Non che esquezas sacar fotos ou videos para colgar no grupo Poesía Lunática. Ánimo !!