Mostrando entradas con la etiqueta Asociación Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Asociación Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela. Mostrar todas las entradas

lunes, 25 de febrero de 2019

Cima coroada!

O pasado venres, os asistentes a charla-coloquio"Porque está aí" puideron experimentar de primeira man e grazas ás experiencias compartidas por Rosa Paredes na Casa da Cultura, o que supón unha expedición motañeira con maiúsculas: a preparación, a dureza e riscos da aventura, a convivencia cos compañeiros e cos habitantes de remotos lugares, as secuelas,.... Sempre con tres premisas na cabeza: -Volver vivo -Volver como amigos -E, se é posible, chegar ao cume

Fotografías de Roberto Solano
As marabillosas fotografías con que nos deleitou Rosa Paredes non opacaron a paixón que transmitiu a escaladora no relato das súas expedicións. 
As 22:00 h. chegaron rapidísimo! e todos quedamos con ganas de máis, que é o mellor que se pode dicir de calquera acto.

Moitas grazas a Rosa Paredes e a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela por facer posible este encontro.
 

viernes, 15 de febrero de 2019

Rosa Paredes. Porque está aí

 O seu é vivir ao límite. Embarcar nunha aventura tras outra, odiseas que lle permiten respirar nos lugares máis fermosos da face da terra. Móverse ao fío do imposible, e despois de meses de preparación, abordar próximos retos.

Enfermeira de profesión, alcanzou a cima do Aconcagua arxentino e, debido ás condicións meteorolóxicas, quedou coas ganas de contemplar o paraíso desde a cima da maciza Muztagh Ata, situada na cordilleira chinesa de Kunkun.

No 2013 viaxou ata Kirguizistán, unha das repúblicas da xa extinta Unión Soviética coa intención de hollar a cima do pico Lenín, unha montaña da cordilleira de Pamir que conta cunha altitude de 7.165 metros sobre o nivel do mar.
(Información obtida de La Voz de Galicia)

Na Casa da Cultura de Redondela
Ás 20:30 h.
Entrada libre e de balde
Organiza: Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela

Colabora: Bibliotecas Municipais de Redondela

sábado, 27 de octubre de 2018

Jella Lepman, a muller que cambia vidas

   A Casa da Cultura de Redondela acolleu este pasado venres un acto   conmemorativo do Día da Biblioteca centrado na figura da escritora e xornalista alemá Jella Lepman, unha muller que organizou o primeiro evento internacional despois da Segunda Guerra Mundial en Alemaña: unha exposición internacional de libros infantís que foi a orixe da maior biblioteca do mundo en materia de literatura infantil e xuvenil, a Biblioteca Xuvenil Internacional situada no Palacio Blutenburg, nos arredores de Múnic.

http://www.creotz.com/velda-/55-un-puente-de-libros-infantiles.html?search_query=lepman&results=1
Teresa Zataraín coa autobiografía de Lepman
O evento, organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das mesmas, estivo conducido por Teresa Zataraín xornalista e editora da viguesa editorial Creotz que conseguiu no 2017 os dereitos de publicación da autobiografía de Lepman, "Un puente de libros infantiles". 

 Teresa Zatarín que acaba de regresar, convidada polo Instituto Goethe, da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, cativou aos asistentes coa semblanza desta descoñecida autora alemá sen cuxa labor é imposible comprender o panorama editorial actual. 
Jella Lepman (Foto, Stiftung Internationale Jugendbibliothek (IJB)


O acto comezou cunha emocionante referencia á destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito dos Balcáns. O incendio destruíu centenares de miles de libros e numerosos incunables. Varios miles de volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio, cando os empregados da biblioteca, arriscando as súas vidas, comezaron a arroxar libros e documentos polas xanelas. Para evitar que esta dolorosa historia fose esquecida, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil propuxo celebrar o Día da Biblioteca. 

A editora viguesa con Cristina Rivas, da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, que presentou o acto
Con esa concomitancia co vivido na época nazi, Teresa foi esfiañando as vivencias de Jella Lepman ao longo de 12 anos da súa vida e con elas a situación das mulleres e nenos alemáns na posguerra e a transformación acontecida, grazas a súa labor a través dos libros infantís, no devastador panorama cultural e social  tras a Segunda guerra Mundial.


 Nun momento en que Alemaña saía dun período de illamento a todo o que proviñese do exterior e no que non existiu produción literaria algunha que non tivese caracter propagandístico, Jella Lepman organizou o primeiro evento internacional despois da guerra, unha exposición internacional de libros infantís chegados de numerosos países e diferentes linguas, atrevéndose a pedir axuda para o mesmo aos países que sufriran, ata facía pouco, a violencia alemá.

 Ninguén que queira comprender o panorama editorial infantil actual poderá facelo sen coñecer a achega desta gran muller que foi Jella Lepman.
 
Imaxe de Jella Lepman tomada do blog Palabras que hablan de historia
 Desde estas liñas, o noso agradecemento a Teresa Zataraín e a súa familia por compartir connosco un encontro inesquecible nunha semana de gran traballo para a editora e, sobre todo, grazas por darnos a coñecer a unha persoa que transformou e continúa a tranformar a todo o que se achega a ela.

A nova en Comarcas na Rede
No Faro de Vigo 
En Radio Redondela 
En redondela.gal 

domingo, 3 de junio de 2018

Un encontro sen incerteza

"Principio de incerteza" fala de conexións, da necesidade do encontro entre as persoas. Creo que isto mesmo define á reunión que tivo lugar o pasado venres na Casa da Cultura de Redondela, coa autora desta premiada novela.


Foi, unha vez máis, a demostración de como calquera creación literaria, artística, etc,  enriquécese, revélase, cando o creador e os receptores da obra congréganse aredeor da mesma.

E...cantas cousas pode conter unha novela curta! 

O núcleo de "Principio de incerteza", como xa indicamos, é  o encontro , a conexión, dun modo particular entre unha profesora que se pasa a vida fuxindo e un dos seus alumnos, pero tamén é unha novela que, en palabras da súa autora, desexa visibilizar o tema dos abusos sexuais en nenos e novos; e todo isto cunha preciosa escrita, cun xeito de contar sensible e delicado.
Que dicir de Pilar Ortega, ademáis de magnífica escritora é unha muller encantadora que demostra que se pode ser de ciencias e amar a escritura e a lectura, rompendo así un absurdo estereotipo.

 Os que nos reunimos esa tarde pasámolo de marabilla pero, do mesmo xeito que rematamos a  novela con ganas de máis, a velada fíxosenos curta e suxerimos á autora reunirnos de novo nunha sesión de club de lectura.

Non quero terminar esta entrada sen facer referencia á presentación de Olga Rodríguez Puga, amiga da infancia da escritora, que realizou unha semblanza da mesma chea de calidez e que nos fixo sorrir con algunhas anécdotas como aquela na que recoñece que se, a día de hoxe, escribe sen faltas de ortografía débello á nai de Pilar, a súa profesora durante algún tempo.
Moitas grazas ás dúas e á Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela polo espléndido agasallo que supón esta presentación.

 Ata sempre, Pilar!

 Esta actividade estivo organizada pola Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración das mesmas

martes, 29 de mayo de 2018

Comunicación efectiva, a saúde nas relacións persoais, coa doutora Susana Daviña



O pasado venres recibimos na biblioteca de Chapela á doutora Susana Daviña, médica de atención primaria do Centro de Saúde de Chapela e experta comunicadora. 
Falamos, comunicación efectiva, con Susana Daviña
Preme na imaxe para ver as fotografías
Presentada pola súa irmá, Loli Daviña, a doutora Susana achegounos os aspectos básicos da comunicación, en todos os contextos: tanto os elementos que a favorecen, os que a dificultan, e moitas claves para resolver os conflictos cotiáns que se producen pola falla de entendemento da mensaxe. 

Cunha linguaxe cercana e cun xeito comunicativo moi ameno, cheo de exemplos do cotián, a nosa conferenciante abriu un rico debate acerca da comunicación na nosa sociedade contemporánea, e os aspectos particulares que ésta ten no mundo profesional da atención sanitaria.

Agradecemos moito a Susana a súa presencia na biblioteca, e aos Amigos das Bibliotecas o ternos achegado este interesante faladoiro.


Susana Daviña, co carné xigante das bibliotecas de Redondela, nos felicita polo 50 aniversarios 


lunes, 28 de mayo de 2018

Principio de incerteza...Presentación



O venres, 1 de xuño, na Casa da Cultura de Redondela, teremos a oportunidade de gozar dunha nova actividade da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela . Neste caso da presentación da novela gañadora do XIX Certame de Narración Curta Ánxel Fole "Principio de incerteza".

Pilar Ortega, a autora, foi premiada no
II Certame Literario de Relatos Curtos Os Viadutos
A súa autora, a viguesa Pilar Ortega Pereiro, presentaranos esta narración que mestura de forma moi orixinal a física e a literatura para relatar unha historia de maltrato. A inecuación de Heisenberg explica o feito de que resulta imposible coñecer o lugar exacto que ocupa un corpo no espazo xa que a simple presenza dun observador que trate de apreixalo coa ollada provoca unha alteración, unha vibración case imperceptible que o impulsa a oscilar constantemente arredor do seu centro, coma se o corpo observado sentise a necesidade de fuxir.

As 20:30 h.
Entrada libre e de balde
Organiza, Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración das mesmas

lunes, 21 de mayo de 2018

Falemos: charla sobre comunicación efectiva, con Susana Daviña e os Amigos das Bibliotecas



Falemos: Comunicación efectiva.

A doutora Susana Daviña, médica de familia no Centro de Saúde de Chapela, traeranos esta interesante charla grazas ao ciclo de conferencias que organizan os Amigos das Bibliotecas de Redondela

Neste caso o tema da conversa non será tanto o coidado da saúde, senón máis ben o perfecionamento das habilidades de expresión, e os recursos para mellorar a nosa fala en público.

Cómo mellorar a nosa comunicación en público? Susana Daviña achéganos as claves.

Será o venres 25 de maio, ás 20:30 h, no Multiúsos de Chapela.

Organiza a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, en colaboración coas bibliotecas municipais.

Non vola perdades!


miércoles, 28 de marzo de 2018

O lobo... cos Amigos das Bibliotecas



Lobo ibérico, anxo ou demo?... é o título dun novo encontro dos Amigos das Bibliotecas. Para os amantes da caza e do monte, para os namorados dos nosos ecosistemas, proponse unha mesa redonda onde se intercambiarán coñecementos sobre esta especie animal e a influencia del sobre a vida dos pobos.

Velaquí a presentación realizada por Jerónimo Pomares, coordinador dos clubs de lectura das bibliotecas:

Non é por levantar a lebre pero... que vén o lobo!

E non o fai só, non, senón que estará magníficamente escoltado. Iñaki de Miguel, veterinario e sabio, e Francisco Lema, veterinario e naturalista, iluminarán recunchos ignotos sobre o máis mítico dos animais ibéricos, levándonos nun faladoiro moi suxestivo máis aló das fronteiras do tótem.

Desde un enfoque multidisciplinar repasarán os hábitos e hábitats do lobo e achegarannos á situación real deste carnívoro en lle ecosistema actual. Un perigo a controlar ou unha especie a protexer?, como conxugar os intereses naturais e gandeiros?, que papel corresponde ás administracións? Un debate apaixonante que arroxará unha visión global sobre o asunto.

Todo iso e moito máis, este venres, día 6, na Casa dá Cultura de Redondela. Ás 20:30 h.

  Loable lobo, como o vedes?

domingo, 11 de marzo de 2018

Os Viquingos conquistan Redondela cos Amigos das Bibliotecas


Desta vez Marga, dos Amigos das Bibliotecas, foi a encagada de presentar ao poñente desta xornada

Este venres as naves viquingas achegáronse a Redondela para traernos unha actividade de moito interese para os amantes da historia. 
A cargo do medievalista Mario López Vittori sumámonos a unha intensa expedición para coñecer máis de cerca as incursións destes viaxeiros nórdicos polas nosas terras, os restos achados nos nosos territorios e os documentos e as crónicas nas que se basean os historiadores para coñecer a este pobo.

Mario López Vittori durante a súa presentación

E falando de crónicas, tamén referiremos aquí algunhas máis actuais, e recomendadas polo noso poñente.
Como bibliografía principal recoméndanos achegarnos a unha das maiores especialistas españolas nos viquingos: Laia San José Beltrán, e ao seu blog: The Valkirie´s vigil, para seguir profundizando neste terreo. 
O noso historiador tamén confía en que en poucos anos poderemos coñecer máis, grazas a novas investigacións que se están a facer no terreo da arqueoloxía.

domingo, 4 de marzo de 2018

Viquingos na Galicia, charla-coloquio na Casa da Cultura de Redondela

O venres 9 de marzo, ás 20:30 h., a Casa da Cultura de Redondela acollerá unha charla-coloquio, da man do medievalista Mario López Vittori sobre os "Viquingos na Galicia"
 Entrada libre e de balde 
Organiza: Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración das mesmas

lunes, 26 de febrero de 2018

A España rural, a debate no Multiúsos de Chapela



Este pasado venres o Multiúsos de Chapela acolleu a charla mensual organizada pola asociación dos Amigos das Bibliotecas de Redondela

Desta vez o encontro versaba sobre a vida no entorno rural, ao fío do interesante ensaio publicado por Sergio del Molino: "La España vacía".

Participaron no mesmo David Faro, profesor de historia, Paco González, xerente do grupo de desenvolvemento local do Condado-Paradanta, Rosi Covelo, voluntaria do grupo medioambiental Voltea Condado, Carmela Pérez, profesora de bioloxía no IES Val Miñor de Nigrán, Ángel García, mestre do CPI de Mondariz, e Severino Estévez, neolabrego de Moscoso.

A todos eles, e aos asistentes ao coloquio, todos eles moi participativos, dámosvos as grazas desde as bibliotecas.

  • A vindeira xuntanza dos Amigos das Bibliotecas estará enfocada nos Vikingos en Galicia, e conduciráa o profesor de historia Mario López-Vittori; oVenres 9 de Marzo, ás 20:30 h, na Casa da Cultura de Redondela.

jueves, 8 de febrero de 2018

"A España baleira": nova cita cos Amigos das Bibliotecas


Os Amigos das Bibliotecas xa nos teñen preparado un novo coloquio. Desta vez o profesor de historia David Faro falaranos de "A España baleira". Así, baseándose no homónimo libro de Sergio del Molino "La España vacía: viaje por un país que nunca fue", percorreremos as peculiaridades dun país onde a despoboación progresiva do rural configura unha nova realidade xeográfica, onde as paisaxes fantasmagóricas e baleiras viven agochadas detrás da existencia do territorio coñecido.

Será na sala de exposicións do Multiúsos de Chapela, o venres 23 de Febreiro, ás 20:30 h.

Colaboran as Bibliotecas Municipais de Redondela.

jueves, 18 de enero de 2018

Visitamos o Pergameo Vindel cos Amigos das Bibliotecas


Trala interesantísima charla que os Amigos das Bibliotecas nos ofreceron o sobre o Pergameo Vindel, chegou o momento de achegarnos físicamente a el. 


Esta tarde un grupo de usuarios das bibliotecas de Redondela, así como de membros da Asociación de Amigos desprazáronse ata o Museo do Mar de Galicia, na parroquia viguesa de Alcabre, para coñecer tan importante documento da historia da nosa literatura, dentro da exposición "O pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas".

A visita, conducida pola guía do museo Aroa, foi do agrado de todos os asistentes, e o encontro co pergameo, un momento moi emocionante.

E aos/ás participantes, grazas por compartir esta xornada museística coas bibliotecas.

miércoles, 17 de enero de 2018

Coñecendo o Pergameo Vindel cos Amigos das Bibliotecas

O Pergameo Vindel música para Martín Códax

O pasado venres a Casa da Cultura de Redondela encheuse para recibir a primeira das conferencias programadas polos Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela para este 2018.

O poñente desta ocasión era Julio Alonso Monteagudo, profesor do departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo e anterior edil de cultura no noso concello.

Un poñente de luxo para unha charla de non menor interese, xa que nos achegou de xeito moi claro, completo e moi didáctico, todas as circunstancias relacionadas co Pergameo Vindel, o que del se ten coñecemento, así como o seu magnífico e singular achádego.

Coñecemos a súa magnífica importancia dentro da documentación que se conserva sobre a lírica galegoportuguesa do medievo, e a súa singularidade para o estudo da música desa época na nosa contorna.

E en relación coa devandita charla, as bibliotecas municipais e mais os Amigos das Bibliotecas propoñémosvos achegarvos ao documento aproveitando a súa estadía temporal no Museo do Mar de Galicia.

VISITA AO PERGAMEO VINDEL:

Os interesados en facer unha visita guiada a esta xoia do medievo coas bibliotecas, podedes facelo este xoves, previa inscrición:

  • A cita será o  xoves 18 de xaneiro, ás 17:45 h. no Museo do Mar de Galicia (Avda de Atlántida, 160, 36208 Vigo), para ver a exposición "O pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas".
  • É preciso inscribirse antes na biblioteca (Biblioteca Valle-Inclán de Redondela, tlf: 986-401-561, de luns a venres: de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.), xa que as prazas son limitadas.
  • O prezo da entrada ao Museo, por ser unha visita de grupo, será de 1,50€ por persoa, que se aboarán no despacho de billetes.
  • A visita durará 1 hora, e está pensada para público adulto. En caso de apuntar nenos/as á visita, é preciso informar á biblioteca no momento da inscrición.

martes, 9 de enero de 2018

Anotade ben en papel pois se falará de Vindel...

Lectores: 
Os Amigos das Bibliotecas infórmannos do descubrimento dun documento excepcional, inédito ata a data, que ampla o coñecemento da poesía trovadoresca. En exclusiva, aquí tédelo para o voso uso e goce. Pode cantarse coa axuda dun laúde ou unha cítara :D


---

" ¡El año nuevo ha venido,
  con un tema entretenido!
  Que la primera gran cita
  no se la pierda ni Rita.
  Anotad bien en papel
  pues se hablará de Vindel.
  La obra de Códax, Martín,
  da para hablar un ratín.
Máis información
   Haremos un gran camino
  comentando el pergamino.
  Expectante está la gente,
  Julio Alonso es el ponente.
  Aumenta más el fervor:
  Iñaki, presentador.
  La cita este viernes doce,
  nadie se olvide ese goce.
  En la casa da Cultura,
  ocho y media, hora segura.
  Oferta de clase alta,
  ¡acudan todos sin falta!"

jueves, 4 de enero de 2018

O pergameo Vindel, charla-coloquio na Casa da Cultura de Redondela

Descobre o pergameo Vindel, a xoia das cantigas de amigo da literatura medieval galaicoportuguesa, da man da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de RedondelaJulio Alonso Monteagudo, profesor do Departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Vigo. 
O 12 de xaneiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Redondela. 
Entrada libre e de balde

martes, 21 de noviembre de 2017

Verdade e mito, suceso e lenda das revoltas dos Irmandiños, a historia medieval de Galicia nos parladoiros dos Amigos das Bibliotecas de Redondela



Este pasado venres tivemos un novo parladoiro dos Amigos das Bibliotecas de Redondela. O profesor e investigador Mario López Vittori falounos dun tema do que é profundo coñecedor, non ben ven de facer sobre el a súa tese de doutoramento: as guerras dos Irmandiños.

A verdade dos feitos, os documentos recollidos de primeira man en multitude de arquivos foron contrastados con moitos aspectos máis míticos ou lendarios cos que nos ten chegado este período da historia ao noso tempo.

A abundancia de documentación e a precisión dos seus datos, fixeron o encontro unha ocasión moi interesante. Un luxo poder coñecer de primeira man, grazas ao noso poñente, moitos aspectos destas guerras tan significativas da nosa historia. 


Aledámonos tamén porque contamos cun público participativo que preguntou e engadiu, cos seus comentarios, moitos detalles e diferentes puntos de vista ao aquí exposto.

A actividade foi realizada pola Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, en colaboración coas bibliotecas municipais

viernes, 10 de noviembre de 2017

Os Amigos das Bibliotecas achégannos as Revoltas Irmandiñas no Multiúsos de Chapela


Ás armas! Ou mellor aínda, aos libros!

A Asociación de Amigos das Bibliotecas convídanos a todos a un tempo de reunión moi especial na que se revisará o histórico e o lendario, o real e o imaxinado, sobre un momento apaixonante do pasado galego: as Revoltas Irmandiñas.

Unha cuaderna vía de Pero López de Ayala, chanceler maior de Castela, ábrenos a porta do encontro:


Cobdician cavalleros las guerras de cada día,        
por levar muy grant sueldo e doblar la cuantía:    
e fuelgan quando veen la tierra en robería         
de ladrones e cortones que llievan en compañía.


Vaia coa imaxe! Eses cabaleiros dando mamporrazos diariamente só para aumentar a súa bolsa...

O profesor Mario López Vittori, o noso excepcional relator, é un preclaro experto medievalista, cuxa tese doutoral se desenvolve sobre, precisamente, os Irmandiños. No encontro desvelará os últimos avances sobre estes acontecementos singulares e subliñará os sutís lazos que enlazan pasado e presente.

Que hai de verdade, que hai de mito destes lendarios soldados que derruíron torres e fixeron tremer á nobreza galega no século XV?

Os gorrións volverán correr tras os falcóns e ofrecerannos todas as respostas o venres 17, ás 20:30 h., no Multiúsos de Chapela.

Porque quizais torres máis altas caeran... pero nunca foron tan ben explicadas!

domingo, 5 de noviembre de 2017

Tarde "Cyborg" en Redondela

Este pasado venres, da man do escritor coruñés Felix Carreira Viso, indagamos no apaixonante, pero bastante descoñecido para a maioría do público, mundo do "cyberpunk".

Éste movemento, ligado á ciencia-ficción, xurdiu a principios dos anos 80 e presenta un futuro distópico, urbano e decadente, dirixido por grandes corporacións e moi computadorizado; unha sociedade opresiva dominada pola tecnoloxía informática e a realidade virtual.

A esencia do cyberpunk aseméllase á do xénero negro, onde o protagonista, neste caso adoitan ser os hackers informáticos, tenta manter algo de integridade frente aos malvados plans dos poderosos. 

"España Cyborg"
Preme na imaxe para ver máis fotografías
Entre as súas principais obras, atópanse: ¿Sueñan los androides con ovejas eléctricas? (en el cine Blade Runner con Harrison Ford), Ghost in the Shell de Masamune Shirow, Akira de Katsuhiro Otomo e moitas outras.

"Matrix" dos  Wachowski, a finais dos 90, supuxo un punto de inflexión no xénero.


  O éxito desta tecnolóxica tarde, veu propiciado desde o primeiro momento pola excelente presentación  do acto realizada por José  Manuel Soto, bibliotecario de Pazos de Borbén, que coas súas palabras xestou un ambiente de proximidade entre todos os participantes, no que todos sentímonos moi, moi a gusto.
A disertación do Félix Carreira, que, aunque coruñés, ten lazos familiares en Redondela, foi sumamente entretida e enriquecedora; o certo é que nos quedaron ganas de máis, fíxosenos curto. Moitas grazas  Felix, polo teu interés e esforzo para poder compartir esa tarde con todos nós.
 
E por suposto o noso agradecemento, sempre, á Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, presidida por Mercedes Méndez, pola súa  incansable colaboración nas actividades que desde as bibliotecas levanse a cabo.

"España cyborg: a novela cyberpunk" foi unha actividade organizada polas Bibliotecas Municipais de Pazos de Borbén e Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela.

martes, 31 de octubre de 2017

"España Cyborg" Félix Carreira Viso introdúcenos no cyberpunk coa colaboración da Biblioteca de Pazos de Borbén e os Amigos das Bibliotecas de Redondela


O escritor coruñés Félix Carreira Viso, estará o primeiro venres de novembro en Redondela para presentar as súas obras: 850 aniversario e Lágrimas de neón e para introducirnos no ciberpunk, unha corrente literaria dentro da ciencia ficción que está a acadar moito éxito nos últimos anos. 

O ciberpunk, xénero no que se ambientan as novelas de Félix Carreira, coñécese por reflectir visións distópicas do futuro, onde a ciencia, e particularmente, a cibernética, adoitan provocar algún tipo de cambio de paradigma social que se reflicte nunha sociedade en crise. Nas tramas deste subxénero o argumento adoita estar centrado nos hipotéticos conflitos entre hackers, intelixencias artificiais e megacorporacións, situados nun futuro próximo do planeta Terra.

Respecto ás novelas que xa leva publicadas o noso convidado, e ás que nos vai introducir durante a charla, ambas foron publicadas por Mablaz.

- 850 aniversario, que foi finalista do II Premio Somnium de Ciencia Ficción e Fantasía 2016, convocado pola editorial Libros Mablaz, paséanos pola cidade de A Coruña no ano 2058 que, disposta a celebrar o 850 aniversario do súa refundación, vese sorprendida por unha serie de atentados.

- No seu segundo traballo: Lágrimas de neón, o autor trasládanos esta vez ao ano 2059 á cidade de Nox City, no que "as políticas neoliberais levaron a un mundo dominado por grandes corporacións". Nese mundo onde a xustiza privatizouse, a protagonista vese envolvida no roubo dun importante proxecto da corporación Quick Z, que non reparará en gastos no seu empeño por recuperar esa información. Este proxecto comezouno o autor no ano 2009 para finalizalo en 2012 e esperou ata o 2017 para ve-la luz xunto a dous relatos –unha precuela e secuela- na editorial Libros Mablaz.


Félix Carreira Viso nace na Coruña en 1985. Na súa adolescencia afecciónase aos xogos de rol, e no contexto de escribir as crónicas das partidas comeza o seu blog: The attitude is everything, que paulatinamente vai gañando en contido literario. Os xéneros nos que se atopa máis cómodo na súa producción narrativa son: ciberpunk, fantasía escura, ciencia-ficción e novela negra.

O acto terá lugar o venres 3 de novembro ás 20:00h., na Casa da Cultura de Redondela, e se programa no eido das actividades colaborativas de animación á lectura que empezaron a organizar conxuntamente as Bibliotecas municipais de Redondela e a Biblioteca de Pazos de Borbén durante este ano 2017. Nesta ocasión tamén colabora activamente a Asociación Amigos das Bibliotecas de Redondela.