Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións. Mostrar todas las entradas

martes, 22 de septiembre de 2020

Redondela adhírese a "Bibliotecas en Igualdade".

É a terceira institución de Galicia en facelo tras o Concello de Verín e a Universidade de Vigo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinou a adhesión do Concello ao manifesto "Bibliotecas en Igualdade", un proxecto posto en marcha pola "Asociación Clásicas y Modernas", asociación de carácter nacional que ten como obxectivo acadar a igualdade no eido da cultura.
   
 
No acto de sinatura, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e por Mariana Carballal, representante en Galicia da "Asociación Clásicas y Modernas" e, de xeito telemático dende Madrid, pola secretaria xeral da asociación, Marina Gilabert.
 
 
 O acto pechouse cunha emotiva lectura  dramatizada de "Voaxada e carmín" , unha comedia? que dá voz a Maruja e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías de Santiago de Compostela, da man das actrices Casilda e Sonia.
 

A nova en Radio Redondela

A nova no Faro de Vigo

viernes, 31 de julio de 2020

Todo #BiblioVeránEnGalicia

21 bibliotecas municipais galegas convidámovos durante estes días a descubrir #BiblioVeránEnGalicia🌞, compartindo con vós as nosas recomendacións de lectura 📚 para animarnos a coñecer o noso entorno máis próximo con recunchos de lectura, paisaxes🌳, tradicións, gastronomía🍲, arte, historia, lendas e moito máis que a terra galega nos pode ofrecer.
Agora, neste vídeo, podedes ver todas as propostas agrupadas.

Bo verán!🌞🌞🌞

lunes, 20 de julio de 2020

#BiblioVeranEnGalicia en Redondela

As bibliotecas do noso concello participan xunto con outras bibliotecas municipais no que se deu en chamar: #BiblioVeranEnGalicia, un xeito en que cada biblioteca da a coñecer os elementos culturais ou lugares máis interesantes do concello ao que pertence, e tamén os libros e a literatura de cada lugar. Esta é a aportación das bibliotecas municipais de Redondela:

                                                       ----

Hoxe no #BiblioVeranEnGalicia movémonos ata a comarca de Vigo para adentrarnos no concello de Redondela. Dende alí faremos un percorrido polos seus lugares máis emblemáticos da man das súas bibliotecas de Redondela e Chapela.



Coñecida como a Vila dos Viadutos, Redondela debe este alcume ás dúas grandes pasarelas que atravesan o seu centro, toda unha proeza técnica no momento da súa construción coa que mudou para sempre o perfil da vila, e que os converteu nun dos seus símbolos máis representativos. Os viadutos dan nome na actualidade a un premio literario que se falla no noso concello.

Redondela é recoñecida tamén polo seu patrimonio inmaterial, xa que é a vila galega que conserva con máis raigame a figura da Coca, vencellada á súa festividade máis senlleira.

O municipio sitúase na Enseada de San Simón, na parte máis interna da Ría de Vigo. A dita enseada comeza no estreito de Rande, onde está situada a súa famosa ponte atirantada, recoñecida como unha das infraestruturas máis relevantes do mundo. Este recuncho do mar é célebre por ser o escenario da famosa Batalla de Rande, e o lugar onde están afundidos os famosos galeóns cheos de tesouros, tras sufriren os ataques da escuadra anglo-holandesa durante a guerra de Secesión.

Os tesouros de Rande forman parte das lendas do territorio. O propio Capitán Nemo achegouse ás augas redondelás para coñecelos nun dos pasaxes do mítico “20.000 leguas baixo dos mares”. Hoxe podemos afondar neles visitando o Meirande, o museo situado nesta enseada, centro de interpretación da batalla e tamén da industria e a paisaxe desta contorna.

Pero o espazo máis singular deste recuncho da ría é sen dúbida a illa de San Simón, historia viva da nosa terra, símbolo da literatura galego-portuguesa, pero tamén testemuño de moitos feitos históricos ao longo dos seus diferentes períodos (cenobio, lazareto, cárcere franquista, orfanato), é un lugar que paga a pena visitar.

Voltando á terra, Redondela tamén é un punto destacado do Camiño de Santiago, pois é unha das paradas máis importantes da ruta portuguesa. Albergues e espazos para os peregrinos sitúanse nas súas rúas, entre os que destaca a Casa da Torre, edificación do século XVI que ademais acolle no seu interior unha das coleccións máis importantes de cerámica de Sargadelos.

Redondela é tamén Prehistoria. O Monte Penide, alén de ser un miradoiro excepcional da ría, abrangue no seu territorio un número importante de mámoas e petróglifos, pertencentes a épocas que van dende o Neolítico ata o Bronce Inicial.

Pero Redondela é moito máis: pazos e igrexas barrocas, cemiterios singulares, muíños, castros, fervenzas, praias, miradoiros excepcionais, roteiros pola natureza e tamén restos do noso patrimonio industrial son algúns dos moitos elementos singulares polos que paga a pena facernos unha visita

Redondela é tamén literatura: desde as cantigas de Mendiño coa illa de San Simón como escenario excepcional, pasando pola visita de Jules Verne á enseada, a súa paisaxe é protagonista envolvente de moitas obras literarias. 

Redondela é Cultura!

#BiblioVeranEnGalicia #bibliotecasmunicipais


lunes, 22 de junio de 2020

#biblioveranengalicia


  
A partir de mañá, 23 de xuño, comezamos unha nova colaboración entre as #bibliotecasmunicipais de Galicia. 

Todos os días (de luns a venres) ás 12:00 h. haberá unha publicación co cancelo #biblioveranengalicia co que cada biblioteca participante dará a coñecer lugares interesantes do seu concello🏞🌅🌉🌌, e tamén libros e outros documentos 📖📜📰📀🎞📸 para coñer mellor cada localidade.

Con esta iniciativa queremos provomer o turismo pola nosa terra durante este verán, animando a coñecer todos os recunchos que aínda nos quedan por descubrir.



Deste xeito queremos aproveitar os lazos establecidos entre as bibliotecas municipais da nosa comunidade durante o confinamento para ofrecer ás persoas usuarias da rede novas propostas conxuntas.

 #biblioveranengalicia

miércoles, 2 de enero de 2019

Momentos de Nadal con Irene a destemida...

...e con outros personaxes nados das historias de William Steig, un dos grandes nomes da literatura infantil.
Organizado pola Fundación Filomena Rivero Alonso coa colaboración das bibliotecas municipais de Redondela

martes, 30 de octubre de 2018

"Unha ponte de libros infantís. Jella Lepman" Exposición no Multiúsos da Xunqueira

 
A entrada do Multiúsos da Xunqueira de Redondela acolle, desde o pasado venres 26, unha exposición dedicada á escritora e xornalista Jella Lepman (1891-1970) que creou en 1949 a Biblioteca Internacional da Mocidade en Munich, un dos proxectos cos que contribuíu ao entendemento internacional a través da literatura infantil .
  A exposición articúlase contorna a unha selección bibliográfica de autores infantís e xuvenís que recibiron desde 1956 ata a actualidade o Premio Hans Christian Andersen, considerado o máis alto galardón outorgado na literatura infantil e xuvenil  e coñecido como o Pequeno Premio Nobel.

Aquí todas as fotografías:
"Unha ponte de libros infantís. Jella Lepman" Exposición

   A xoia da mostra son os Cuentos de las Buenas Noches”, JellaLepman (1951), nunha 1ª edición da editorial Juventud do ano 1967, unha rareza de moi difícil localización . Este libro contén unha selección de historias para durmir elaborada a partir da colaboración de cidadáns anónimos que enviaron miles de historias das que se fixo unha selección publicada orixinalmente en tres volumes.
 
  Na inauguración da exposición estivo presente Teresa Zataraín, editora para España da autobiografía de JellaLepman "Un puente de libros infantiles", Javier Bas, alcalde de Redondela, Mª Teresa París, concelleira de Cultura, Telmo Crespo, secretario da Fundación Filomena Rivero Alonso, organizadora da exposición, e Mª Elena Becerra, bibliotecaria das Bibliotecas Municipais de Redondela colaboradoras da mesma.
 
Mª Teresa París, concelleira de Cultura, Teresa Zataraín e Telmo Crespo, da Fundación Filomena Rivero Alonso
“Unha ponte de libros infantís. JellaLepman”, nome que designa á exposición,  permanecerá aberta ao público ata finais de ano.

En Radio Redondela
En redondela.gal 
No Faro de  Vigo 
No Atlántico Diario

martes, 26 de junio de 2018

Participamos nas xornadas sobre a axenda de desenvolvemento sustentable organizadas para persoal de bibliotecas

Os participantes fotógráfanse xuntos ao rematar a xornada

As bibliotecas de Redondela estivemos representadas nas xornada de traballo As bibliotecas como aliadas na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e a Axenda 2030, unha iniciativa da IFLA (a Federación Internacional de Bibliotecas) enmarcada no International Advocacy Programme (IAP). O IAP é un programa de acción e sensibilización que IFLA dirixe ás asociacións nacionais para que á súa vez traballen coas asociacións e profesionais de cada un dos países. 

Deste xeito unha asociación nacional de bibliotecarios FESABID (Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía, Documentación e Museística) foi a encarregada de realizar este obradoiro, xunto con BAMAD Galicia, a asociación correspondente de ámbito galego. O obradoiro realizouse na biblioteca Ágora de A Coruña.

Temos que dicir que estamos moi agradecidos por participar, xa que as impresións foron moi boas. Realizamos unha serie de actividades para coñecer e familiarizarnos coa Axenda 2030 da ONU e os seus 17 obxectivos, e para valorar como as bibliotecas podemos aportar o noso gran de area nesta mellora colectiva para as nosas sociedades.

O Fondo Galego de Cooperación, que leva traballando a fondo con esta axenda de obxectivos tamén estivo presente na actividade.

Grazas por todo a Bamad Galicia e mais a Fesabid por facelo posible.