Mostrando entradas con la etiqueta Obradoiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Obradoiros. Mostrar todas las entradas

miércoles, 23 de septiembre de 2020

Aprendendo sobre robótica e máquinas na biblioteca


A Biblioteca Xela Arias de Chapela celebrou este martes o obradoiro Robótica na biblioteca, coa escola Átomos.

Un grupo de nenos e nenas, de entre 8 e 12 anos, achegáronse ás nosas instalacións para tomar o seu primeiro contacto (nalgúns dos casos os e as participantes eran máis experimentados) coa robótica e coas tecnoloxías, e puderon saír da actividade co seu "cachivache" eléctrico xa montado e funcionando... e cun novo horizonte de posibilidades para xogar, explorar e seguir aprendendo.

Foron moitos os nenos e nenas que se interesaron en participar nesta sesión de aprendizaxe, de xeito que as prazas se completaron no primeiro día en que abrimos as inscricións.

A actividade realizouse seguindo todas as recomendacións de seguridade e hixiene frente ao Covid-19, e tivo lugar dentro do programa Ler conta moito da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia


 

 Agradecemos á escola Átomos esta clase tan divertida e instructiva, e tamén, o pequeno agasallo que lle fixeron ao noso Leolo, quen goza agora xogando co seu robot.


@bibliotecasredondela

♬ Dirty Harry - Gorillaz

miércoles, 16 de septiembre de 2020

Completadas as prazas para o obradoiro de robótica

 

 

Completadas as prazas para o obradoiro de robótica que imos celebrar na Biblioteca Xela Arias o vindeiro martes. Grazas a todos e a todas polo voso interese e agardamos que os e as participantes aprendan moito 🙂🤖

miércoles, 11 de marzo de 2020

A pluma, máis poderosa que a espada...


A pluma é máis poderosa que a espada dixo o inglés Edward Bulwer- Lytton; pluma,  bolígrafo, lapis,....son instrumentos da forza da escritura, do seu poder transformador.  
 
  Así o pensan as participantes no obradoiro de escritura expresiva que comezou no día de hoxe, conducido por Marisé Barreiro, nas nosas bibliotecas.

Participantes no obradoiro en Chapela

Deixar saír á luz as nosas experiencias positivas e negativas e velas desde outra perspectiva,  recoñecernos,  modificar a nosa maneira de pensar, o efecto sanador sobre as nosas emocións negativas, potenciar a nosa creatividade e imaxinación, fortalecer a nosa identidade e autoestima,...cantas cousas que nos pode axudar a conseguir o exercicio de escribir!

Bolígrafos en alto sostidos polas participantes no obradoiro en Redondela




lunes, 24 de febrero de 2020

Escribindo a vida

PIca aquí para ver as fotografías

O pasado venres, na Casa da Cultura de Redondela, con Marisé Barreiro, tivemos o mellor final de semana posible.

Descubrimos moitas cousas sobre a escritura expresiva pero, sobre todo, en algo máis dunha hora, saímos transformados e ata xeramos un fermoso poema que emerxeu da aportación de cada un dos asistentes.


Despois desta experiencia, xa nos tarda que comece o "Obradoiro de Escritura Expresiva" o próximo mes de marzo.


Marisé coa mascota das bibliotecas de Redondela, LEOLO
  Moitas grazas a Roberto Solano por algunhas das fotografías👍😊

viernes, 7 de febrero de 2020

Escribir a vida: Charla-obradoiro


ESCRIBIR A VIDA  
Charla-obradoiro sobre os beneficios da escritura expresiva

Unha reflexión teórica e práctica sobre a escritura expresiva na que trataremos as seguintes cuestións:


-Diferenzas entre a escritura expresiva e creativa.
-Historia e descubrimentos ao longo de case cinco décadas de investigación neste campo.
-Por que funciona a escritura expresiva?
-Beneficios esperables. Por qué escribir a vida é “vivila dúas veces”.
-Suxestións para obter o máximo proveito da escritura persoal e autobiográfica e para afrontar as dificultades que se poden presentar.
-A escritura expresiva como viveiro de proxectos creativos.
-Lectura de exemplos.
-Unha pequena sesión práctica.


MARISÉ BARREIRO.  Filóloga, docente e gestaltista especializada en escritura expresiva. Formada no Center for Journal Therapy, é coautora, xunto coa súa directora Kathleen Adams, de The teacher´s journal e participa na antoloxía Expressive writing: classroom and community. Imparte cursos regularmente en Galicia, Madrid, Barcelona, Menorca e outras cidades. 
Creadora de varios cursos de escritura expresiva, entre eles Escribíndome, o Diario do profesor e Historias de muller.

Fundadora de CAFUNÉ, escola de escritura creativa, expresiva e literaria.

Venres 21 de febreiro, ás 19:00 h.
Na Casa da Cultura de Redondela
Entrada libre e de balde

miércoles, 5 de febrero de 2020

Obradoiro de Escritura Expresiva nas Bibliotecas de Redondela

O termo escritura expresiva define á escritura persoal, onde o mundo interno do escritor, coa súa experiencia, pensamentos e recordos é o protagonista. Exemplos comúns deste tipo de escritura son os diarios persoais, as cartas, e os poemas e relatos autobiográficos. 


O simple acto de escribir regularmente sobre a nosa experiencia e reaccións ten un impacto positivo na autoestima, proporciona claridade e perspectiva, axúdanos a coñecernos e expresarnos, a reducir tensións, a atravesar dificultades e a explorar a nosa creatividade. 

É unha práctica na que mans, corazón e cabeza traballan en sintonía aprendendo a coordinarse, primeiro sobre o papel e logo na vida. 

Escribindo descubrimos a poesía na nosa vida, o drama que subxace ao anodino, a maxia do cotián. 

Aprendemos a recoñecer nosa propia humanidade e a aceptarnos, a darnos ánimos nos riscos que necesitamos afrontar, a asomarnos á vida que soñamos. 

Escribir axuda a que as pezas vaian encaixando e a que a senda se faga visible na néboa. 


Por todo isto, desde as Bibliotecas de Redondela, propoñémosvos esta actividade, simplemente para que tod@s @s que participedes nela sexades moito máis felices ao final da mesma.

Marisé Barreiro, condutora do obradoiro

 O Obradoiro de escritura expresiva consta de 6 sesións de dúas horas e de carácter quincenal, podendo elixir entre estas dúas opcións:



 
Opción 1. LUGAR: Biblioteca P. M. Valle-Inclán (Redondela)
     Mércores, 11 e 25 de marzo
     Mércores, 15 e 29 de abril
     Mércores, 13 e 27 de maio 
                  En horario de mañá: 11:00 a 13:00 h.


Opción 2. LUGAR: Biblioteca P.M. Xela-Arias (Chapela-Redondela)
     Mércores, 11 e 25 de marzo
     Mércores, 15 e 29 de abril
     Mércores, 13 e 27 de maio
                  En horario de tarde: 19:00 a 21:00 h. 

De balde. Prazas limitadas. Inscrición previa


Picade AQUÍ para acceder ao tríptico no que a condutora do obradoiro, Marisé Barreiro, fala acerca do mesmo.

martes, 17 de diciembre de 2019

Creatividade con moito agarimo no noso obradoiro de postais de Nadal


O venres a Biblioteca de Chapela celebrou un obradoiro de postais de Nadal coa rapazada da contorna. 20 nenos e nenas participaron nesta actividade, enmarcada dentro da programación das festas de Nadal do Concello de Redondela.

A artista plástica Macarena González achegou aos rapaces diferentes técnicas artísticas e exemplos de creatividade e composición para elaborar felicitacións de Nadal orixinais e de moi bo gusto.

Agradecemos a todos os pequenos artistas ter pasado esta tarde tan creativa coa biblioteca.

VER AQUÍ AS FOTOGRAFÍAS

#nadalenredondela

martes, 26 de noviembre de 2019

Obradoiro de postais de Nadal creativas na Biblioteca de Chapela


Velaquí chega a nosa primeira proposta de Nadal na programación das bibliotecas municipais!

Se es un/a artista, tes entre 4 e 10 anos, e queres felicitar as festas aos teus amigos e familia como se merecen, este taller é para tí.

Aprenderás novas técnicas, o uso de ferramentas especiais e a forma de combinar cores e estilos para que as túas postais sexan xeniais!!!

Só tes que te apuntar na Biblioteca Municipal Xela Arias de Chapela.
A cita é o venres 13 de decembro, ás 18:30 h. 

Lembra traer un mandilón para non mancharte!

Prazas limitadas.


Faremos postais distintas, nas que:

• Aprenderemos técnicas como o collage, a estampaxe e o estarcido.
• Coñeceremos materiais que nos acheguen distintas texturas e acabados: cartolinas de cores, papeis estampados, sobres, teas como tea de saco e feltro, cintas, cordóns,…
• Daremos conta de novas ferramentas e o seu uso, como pinceis de estarcido, selos de estampaxe ou cuños. 

O obradoiro está conducido pola artista plástica Macarena González.
 

viernes, 6 de septiembre de 2019

Próximas actividades infantís nas Bibliotecas Municipais de Redondela



As bibliotecas municipais de Redondela temos programada unha chea de actividades  para nenos e nenas. 

Pequenos, medianos e grandes poderán gozar de experiencias divertidas, emocionantes e sempre achegadas aos libros e á lectura.
  • Contacontos: Contacontos en verso para nenos e nenas
con Yolanda Castaño
Venres 20 de setembro, ás 18:30 h.
Dirixido a…. Rapazada a partir de 3 anos. Entrada libre
Lugar: BIBLIOTECA XELA ARIAS DE CHAPELA


  • Bebecontos: Que animaliño é?
con Trémola Teatro
Luns 30 de setembro, ás 18:00 h.
Dirixido a…. Cativos/as de 6 meses a 3 anos. Inscrición previa
Lugar: BIBLIOTECA XELA ARIAS DE CHAPELA


  • Contacontos: Soñando inventei
con María Faltri e Jorge Juncal
Venres 4 de outubro, ás 18:30 h.
Dirixido a…. Rapazada a partir de 3 anos. Entrada libre
Lugar: BIBLIOTECA VALLE-INCLÁN DE REDONDELA


  • Espectáculo interactivo: A ciencia de Harry Potter
con Ceo Aberto
Xoves 10 de outubro, ás 18:30 h.
Dirixido a… Rapazada a partir de 7 anos. Inscrición previa
Lugar: BLIOTECA XELA ARIAS DE CHAPELA


  • Escape room: Atrapados con Alicia
con Ceo Aberto
Venres 18 de outubro, 3 sesións: 17:00, 18:00, 19:00
Dirixido a… Rapazada a partir de 9 anos. Inscrición previa
Lugar: BIBLIOTECA VALLE-INCLÁN DE REDONDELA



Xa vos podedes anotar en calquera delas.

Se non sodes socios da rede de bibliotecas, este é o momento de que vos inscribades nos nosos centros.

A gozar da lectura nesta volta ao cole!

As actividades realízanse dentro do programa Ler Conta Moito, da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, para a dinamización da lectura nas bibliotecas e mais de Ler Conta Moito Igualdade, froito do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.



lunes, 12 de agosto de 2019

Biotecnólogos resolven un crime na biblioteca


Actividade para nenos desde os 7 anos
Día: 6 de setembro
Hora: 12:00 da mañá
Lugar: na Biblioteca de Redondela
De balde. Prazas limitadas. Inscrición previa na biblioteca de Redondela (986401561)

Alguén roubou un valioso manuscrito na biblioteca. Afortunadamente temos restos biolóxicos do ladrón. Para descubrilo haberá que extraer ADN das mostras e comparalo cos sospeitosos. No obradoiro resolveremos o caso con material de cociña e aprenderemos que é a biotecnoloxía con Manuel Vicente, responsable do programa de divulgación científica da Radio Galega "Efervesciencia"
 
Programa Ler conta Moito da Xunta de Galicia

lunes, 23 de julio de 2018

Fotoconto: a rapazada de Verán con Simona xoga a escribir o seu conto na Biblioteca de Chapela

Fotoconto - obradoiro na Biblioteca de Chapela
Preme na imaxe para ver as fotografías

Este pasado xoves a rapazada do obradoiro Verán con Simona do Multiúsos de Chapela achegouse á biblioteca para participar nun obradoiro creativo.

Os protagonistas elaborando a historia a partir da proxección das fotografías

Con Fotoconto, realizado polo grupo de animación Eduvía, xogaron xuntos a elaborar e narrar a súa propia aventura. A partir das fotografías dos participantes, cunhas boas doses de imaxinación e grazas ao tratamento dixital das imaxes, os cativos crearon un conto dinámico, enxeñoso e cheo de acción desbordante, onde o humor coas situacións e as personaxes máis variopintas adoptaron o seu protagonismo.

Ao rematar, asinamos o conto.

Podedes ver aquí a disparatada e divertidísima historia creada por estes cativos na biblioteca:
Aventura máxica na Biblioteca de Chapela de Bibliotecas de Redondela


Agradecemos o seu traballo ao grupo Eduvía por traernos esta divertida proposta, e asimesmo a todos os participantes no obradoiro pola creatividade empregada para construir este conto colectivo.

Este taller creativo desenvolveuse grazas ao programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.




martes, 3 de julio de 2018

Obradoiro de submarinos para nenos


As Bibliotecas de Redondela conmemoramos o 150 aniversario da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón con este "Obradoiro de Submarinos" dirixido por Ciencia en Ruta

Coñeceremos a Jules Verne, Isaac Peral, Antonio Sanjurjo Badía,... e como funcionan os submarinos; mesmo construiremos un, do que comprobaremos o seu funcionamento no acuario de probas de Ciencia en Ruta. 

Para nenos de 6 a 12 anos 
Actividade gratuíta 
PRAZAS LIMITADAS. INSCRICIÓN PREVIA NA BIBLIOTECA DE REDONDELA
(986 40 15 61)

PROGRAMA LER CONTA MOITO DA XUNTA DE GALICIA


ATENCIÓN: Comunicamos que as prazas para a actividade están xa completadas.

jueves, 26 de abril de 2018

Rosaura a cociñeira visitou a Biblioteca de Chapela

Esta é a parrandeira historia 
de Rosaura a cociñeira, 
que as noites de lúa chea, 
mentres os demais durmían 
elaboraba receitas ao ritmo dunha muiñeira 
enchendo de estraños cheiros 
a casa da costureira.

Onte presentouse o libro "As receitas de Rosaura" na Biblioteca de Chapela. Un libro infantil de poemas moi belamente editado por Belagua

Presentación do libro "As receitas de Rosaura"
Preme na imaxe para ver as fotografías
Rosaura é unha namorada da cociña e o libro nos presenta, a través duns animados versos, o seu traballo nos fogóns. O libro tamén nos describe en verso as súas receitas, e que están pensadas para que os rapaces e rapazas as podan facer nas súas casas.

Os trebellos, os ingredientes, as cantidades, e os procesos de elaboración están todos presentados nesta historia rimada de gastronomía e pucheiros, a través das mans dunha cociñeira desenvolta e simpática como Rosaura.

O libro foi escrito por Isabel Blanco, e ilustrado por Luz Beloso, que vai collendo cada vez máis forza no panorama da ilustración galega. 

O libro ten un fermoso booktrailer, realizado pola ilustradora, e para o que contaron coa axuda do pianista Alejo Amoedo, que interpretou para el unha peza do compositor, redondelano de adopción, Reveriano Soutullo: "En la playa".

Rosaura ten agora unha nova historia, Rosaura e o mar, novamente escrita e ilustrada polas mesmas creadoras.

Rosaura son moitas mulleres, as mulleres de Galicia, que teñen forza e deixan a súa pel aló onde traballan.

Ao rematar a presentación, fixemos un obradoiro con pais e cativos, para definir cal podería ser unha futura Rosaura. 
Saíron moitas ideas, desde enfermeiras ata astronautas, pasando por superheroínas... Agardamos poder velas nun futuro nos versos de Isabel Blanco e nos trazos e as cores de Luz Beloso.

Graciñas a todos os que participastes na actividade, e grazas ás responsables deste fermoso proxecto literario por vírnolo presentar.

martes, 17 de abril de 2018

Coñece a Rosaura e ás súas autoras, con "As receitas de Rosaura"


Se vos chama a poesía e vos gusta cociñar
tedes que vir á biblioteca, a coñecer un libro singular.

O mércores 25 aquí vos esperamos
coas súas autoras pasaredes un bo rato.

Isabel Blanco, poeta e cociñeira, recitando
Luz Beloso, a ilustradora, debuxando.

Poderedes coñecer o seu mundo, e aprender con elas
na biblioteca de Chapela, aquí vos esperan.

O MÉRCORES 25 DE ABRIL, ÁS 19:00 H.

Debuxaremos coas autoras, recitaremos, cantaremos e coñeceremos como traballan os libros... e haberá algunha sorpresa!


A actividade está pensada para rapazada a partir de 6 anos, e a entrada é libre.


Aquí podedes ver o booktrailer do libro:

As receitas de Rosaura from Luz Beloso on Vimeo.

Aquí a autora: Isabel Blanco
Aquí a ilustradora: Luz Beloso

Aquí a editorial: Belagua

viernes, 13 de abril de 2018

As bibliotecas municipais no Arte Lixo



Mañá sábado comeza a edición 2018 de Arte Lixo en Redondela, unha proposta creativa, artística e reivindicativa, para concienciar sobre o elevado volume de refugallos que producimos, e fomentar a vida artística.

O acto inaugural terá lugar en Chapela a partir das 17:00 horas, no Paseo de Cardona, e celebrarase con obradoiros para os nenos e actividades literarias e musicais.

As bibliotecas municipais estaremos presentes no certame, como un xeito de celebración do noso 50 aniversario e tamén como apoio á iniciativa.


Poderedes ver exposta a nosa peza a partir de mañá no chapelano paseo de Cardona. Encantaravos!

De momento vos amosamos a cartela que a vai acompañar.


Moitas grazas a todos/as os/as participantes, fixestes un bo traballo!

Grazas, Arte Lixo, por promover a actividade!

jueves, 5 de abril de 2018

Derradeira sesión do noso obradoiro de papel reciclado



Obradoiro creativo con papel reciclado
PREME NA IMAXE PARA VER AS FOTOGRAFÍAS


Para a próxima semana comeza o Arte Lixo, e expoñeremos a peza realizada nos seus espazos. Para a semana desvelarémosvos onde estará ubicada a peza.

Moitas grazas a todos os e as participantes. E sobre todo, grazas a Gladys e a Carmen polo seu traballo como formadoras da actividade.

- AQUÍ a SEGUNDA SESIÓN do obradoiro.
- AQUÍ a PRIMEIRA SESIÓN do obradoiro.