Mostrando entradas con la etiqueta 50 aniversario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 50 aniversario. Mostrar todas las entradas

sábado, 13 de abril de 2019

Gala 50 Aniversario das Bibliotecas de Redondela

A biblioteca pública Valle-Inclán de Redondela celebrou onte o seu cincuenta aniversario cun acto no Multiusos da Xunqueira no que se proxectou un audiovisual sobre a historia deste servizo desde a súa inauguración en 1968, así como as distintas actividades desenvoltas nos últimos meses para conmemorar o seu medio século impulsando a lectura e a promoción da cultura.

Durante a gala entregáronse recoñecementos a persoas e entidades que ao longo destes anos colaboraron de forma especial coa biblioteca, entre as que se destacou aos xornais Faro de Vigo e Atlántico Diario polo labor de difusión das actividades que organiza este servizo municipal.
 
 Tamén recibiron recoñecementos a Fundación Filomena Rivero Alonso pola súa colaboración ao longo dos últimos anos no desenvolvemento de distintas e enriquecedoras actividades; a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais  de Redondela, polo seu labor para fomentar a lectura; a Asociación de Veciños de Chapela, por impulsar a creación dunha biblioteca nesta parroquia; a Asociación Cultural e Social de Chapela, pola súa colaboración no desenvolvemento de distintas actividades culturais; o artista redondelano José Migueles "Se", polo deseño da mascota "Leolo O Contadelo", imaxe da biblioteca; e a todos os  usuarios que ao longo destes anos pasaron polas bibliotecas, en representación de todos eles o socio máis antigo, vivo, da biblioteca, o redondelano Álvaro Bastos Crespo, que mantén o seu carné de socio desde o ano 1968.
Accede aquí ás fotografías do evento
Durante o acto interviñeron o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, o alcalde de Redondela, Javier Bas,  a concelleira de Cultura, Teresa París, e a directora das Bibliotecas Municipais de Redondela, María Elena Becerra, que destacaron o importante labor que desempeñan as bibliotecas na sociedade, como unha porta de acceso aos coñecementos e á cultura.


O acto pechouse coa actuación da  Xingro's Big Band
A Biblioteca Municipal de Redondela creouse en 1968 con 325 socios e un fondo de libros rexistrados de 1.626 volumes. Hoxe en día, dentro do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as bibliotecas redondelanas teñen 427.693 usuarios potenciais e os seus lectores, grazas ao carné único da Rede de Bibliotecas, poden acceder a un catálogo de 2.971.498 exemplares e 951.883 títulos aos que hai que engadir os dispoñibles na plataforma de préstamo de libros dixitais, Galicia Le.


Moitas grazas a Roberto Solano por este documento gráfico que nos permitirá manter no recordo ao longo do tempo esta tarde entrañable:





lunes, 8 de abril de 2019

Gala de peche dos 50 anos das Bibliotecas Municipais de Redondela


O Auditorio do Multiúsos da Xunqueira de Redondela, acollerá o vindeiro venres 12 de abril ás 20:30 horas a Gala do 50 Aniversario da Biblioteca P. M. Valle-Inclán que incluirá a entrega de recoñecementos a persoas e entidades que ao longo destes anos colaboraron dun xeito especial coas bibliotecas de Redondela e contará coa actuación da Xingro´ s Big Band do Conservatorio de Música de Redondela, agrupación, guiada polo director e compositor José Pérez, que naceu coa intención de achegar a música moderna ao público.


Con esta gala, que ten lugar nun mes emblemático para a lectura e os libros (o mes de abril conta coas dúas grandes efemérides do Día Internacional do Libro Infantil e do Día Mundial do Libro), péchanse os actos conmemorativos do 50 aniversario da Biblioteca Pública Municipal de Redondela que se viñeron desenvolvendo ao longo do 2018 e inicios do 2019

martes, 29 de enero de 2019

As bibliotecas recoñecen aos seus Mellores Lectores Infantís do ano 2018

Miguel Álvarez, Tenente Alcalde e Mª Teresa París, Concelleira de Cultura entregaron os premios “Mellores Lectores Infantís do Ano 2018” aos usuarios menores de 14 anos que máis utilizaron o servizo de préstamo nas Bibliotecas Municipais de Redondela
As Bibliotecas Municipais de Redondela recoñeceron un ano máis aos lectores que maior uso realizaron do servizo de préstamo, atendendo aos datos que rexistraron as súas  estatísticas. Miguel Álvarez, tenente de alcalde do concello de Redondela, fixo entrega dos premios durante a “Gala Infantil 50 Aniversario” que tivo lugar no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira en Redondela, o pasado 25 de xaneiro.


    
Os lectores galardoados foron Antón Pekka, de catro anos, na Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela e Raquel Rodríguez, de 8 anos,  na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela (Redondela) que  recibiron como obsequio un diploma que os fai merecedores dun premio para a adquisición de libros nunha librería do municipio e unha figura conmemorativa do 50 aniversario das Bibliotecas Municipais de Redondela.
 

O acto de entrega de galardóns pechouse coa Gala Infantil conmemorativa do 50 aniversario das Bibliotecas Municipais de Redondela na que 277 persoas gozaron da actuación do grupo musical “ Uxia Lambona e a Banda Molona”

domingo, 20 de enero de 2019

Gala Infantil "50 aniversario" con Uxia Lambona e a Banda Molona


 Actuación de "Uxia Lambona e a Banda Molona" no Multiúsos da Xunqueira de Redondela e Entrega de premios aos Mellores Lectores Infantís do 2018.



Venres 25 de xaneiro
No Multiúsos da Xunqueira
Ás 18:00 h.
De balde

Gala conmemorativa do 50 aniversario das Bibliotecas Municipais de Redondela



viernes, 21 de diciembre de 2018

Máis de 300 persoas súmanse á lectura radiofónica de Verne

 Colexios, institutos, políticos, xentes da cultura e veciños en xeral participan desta iniciativa promovida polas Bibliotecas municipais e a Radio Local coa que se busca conmemorar os 150 anos da “chegada” do Nautilus a enseada de San Simón.
En total máis de 15 horas de radio que se emitirán os luns 24 e 31 de decembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00 horas e que permitirán aos oíntes achegarse dun xeito diferente a un texto de referencia nas novelas de aventuras, a novela “Vinte mil leguas baixo dos mares” de Jules Verne.
 

 Nas últimas semanas foron ducias de persoas as que se foron achegando aos estudios da Radio Municipal de Redondela para participar desta iniciativa que busca conmemorar a chegada do Nautilus á Enseada de San Simón. A iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades que as Bibliotecas Municipais están a desenvolver co gallo do seu 50 aniversario, busca dar a coñecer a obra de Jules Verne centrándose nun dos seus textos máis vinculados coa nosa vila. De feito, un dos capítulos de referencia deste “Vinte mil leguas baixo dos mares” recolle a viaxe que traería ao famoso submarino Nautilus a mando do capitán Nemo ata a enseada de San Simón.

Desde a Radio e as Bibliotecas, agradecen a implicación veciñal nesta iniciativa xa que dende o primeiro momento foron numerosísimos os veciños que se achegaron aos estudios da emisora a gravar coas súas voces un fragmento deste libro. Unha colaboración que chegou tamén dende os colexios coas voces de nenos e nenas da Unitaria de Ventosela, do CEIP de Reboreda, do CEIP de Cedeira así como os estudantes dos Institutos de Chapela, Floriani, Illa de San Simón e Mendiño. Así mesmo destacar tamén a participación  daeditorial Ir Indo que ademáis de  autorizar o uso da súa obra para esta actividade tamén participou na lectura

 Accede aquí a algunhas das fotografías das gravacións:

Mergullándonos nas ondas con Verne

A participación veciñal foi tal que se logrou gravar a totalidade do libro. 472 páxinas que se traducen en máis de quince horas de gravación que se poderán escoitar os días 24 e 31 de decembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00 horas na Radio Municipal de Redondela no 94.9.
Ademais de render homenaxe ao escritor e festexar a “visita” do submarino ao noso concello, as Bibliotecas e a Radio Municipal consideran que se ten logrado todo un récord con esta iniciativa ao tratarse da lectura radiofónica máis longa feita dunha obra destas características.

Os audios tamén se atoparán dispoñibles na plataforma iVoox:

miércoles, 5 de diciembre de 2018

O Pleno aproba o nome de Xela Arias para nomear á biblioteca de Chapela

O Pleno do Concello de Redondela, celebrado o xoves 29 de novembro, acordou por unanimidade aprobar a proposta de nomear á biblioteca de Chapela co nome da poetisa e tradutora luguesa Xela Arias.
 Xela Arias. Foto da AELG

   A concelleira de Cultura , María Teresa París, expuxo a proposta, levada previamente a Comisión,  para dotar de nome a esta biblioteca que forma parte da unidade administrativa das Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela as cales teñen como biblioteca central á Biblioteca P. M. Valle-Inclán.
 
 Xela Arias. Foto da AELG
  Xela Arias Castaño (1962-2003), foi portadora dunha poética moi persoal e audaz que aportou á poesía galega elementos innovadores, tanto no contido como na forma. Debido ao seu prematuro falecemento aos 41 anos de idade, a obra de Xela Arias é escasa pero de grande calidade de feito a poeta salienta entre os poetas galegos da xeración dos 80. Segundo palabras da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) "Xela cuestionou e subverteu as construcións xenéricas e lingüísticas, tamén os límites tradicionais impostos ao texto, mediante un labor creativo na que a provocación sempre estivo intimamente ligada á reflexión fonda, lúcida e intelixente".

 
 Xela Arias. Foto da AELG (http://www.aelg.org)
  O seu primeiro libro Denuncia do equilibrio (1986) presenta unha temática heterogénea onde unha deliberada despreocupación pola forma cede o protagonismo ao fondo, nel debulla obsesións que se repiten ao longo da súa obra, cun linguaxe poético persoal que poderiase calificar como vanguardista, facendo fincapé en códigos e símbolos propios. No poemario Tigres coma Cabalos (1990) hai xa unha clara evolución no estilo da poeta, coidando máis a forma e utilizando maiores puntuación e unha síntexe menos arbitraria. No seu libro Dario a Diario (1996) experimenta a maternidade dun xeito intimista. Coa súa obra Lili sen pistolas quedou finalista no prestixioso premio de poesía Esquio. O seu derradeiro libro Intempériome (2003) que non pudo presentar porque a morte a sorprendeu dúas semanas antes, deixa patente a madurez literaria e o momento creativo que vivía a autora. 


Xela Arias foi unha muller excepcional, unha galega comprometida coa cultura e coa lingua do país, coñecedora das correntes literarias que viñan de fóra fronte á temática social que mantiña a poesía galega anterior. A autora comprométese directamente na súa obra co individuo, polo que se podería afirmar que Xela Arias foi unha das principales artífices da renovación temática e estética da poesía galega podendo encaixala na corrente de "poesía da muller" e polo tanto ser precursora do literario feminino dos anos 90. 


A proposta do nome de  Xela Arias foi presentada desde a biblioteca do Instituto de Chapela onde a autora foi profesora

miércoles, 31 de octubre de 2018

A campaña de celebración do 50 aniversario das bibliotecas, premiada nos María Moliner 2018

As Bibliotecas Municipais  de Redondela foron seleccionadas,  por oitava vez, como beneficiarias dun dos premios María Moliner de Animación á Lectura que concede anualmente o Ministerio de Cultura e Deporte.



A campaña dos citados premios celébrase a nivel nacional e está convocada polo Ministerio de Cultura, a Fundación Coca Cola e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O  proxecto presentado polas bibliotecas de Redondela para este ano leva o título de "Que 50 años no son nada" e xira ao redor das actividades realizadas neste ano en que as bibliotecas do municipio cumpren 50 anos de existencia.
 
A Comisión de Valoración da XIX Campaña de Animación á Lectura María Moliner, convocada polo Ministerio de Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e Fundación Banco Santander, realizou a súa selección de entre 546 proxectos de toda España. Os seleccionados recibirán un premio en metálico de 1.706 euros, financiado por Ministerio de Cultura e Deporte, que será destinado á compra de libros para as bibliotecas.

  A Campaña María Moliner incentiva as actividades de promoción da lectura nas bibliotecas españolas de municipios menores de 50.000 habitantes e é un dos programas principais da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura.

  O proceso de selección lévase a cabo segundo criterios como a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, así como a orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que conteña a proposta. Xa no seu XIX aniversario, os Premios de Animación á Lectura María Moliner contaron ao longo de todas as súas edicións con máis de 13.000 proxectos presentados e máis de 2.560 municipios participantes. Máis de tres lustros despois do nacemento desta iniciativa, a Campaña de Animación á Lectura María Moliner segue estando presente en toda España, e continúa demostrando que todas as iniciativas son válidas, independentemente do número de habitantes que teñan as localidades que as propoñen, ao tempo que poñendo en valor a grande creatividade e innovación nas actividades de fomento da lectura en pequenas localidades de toda España. 

En Radio Redondela 

sábado, 27 de octubre de 2018

Jella Lepman, a muller que cambia vidas

   A Casa da Cultura de Redondela acolleu este pasado venres un acto   conmemorativo do Día da Biblioteca centrado na figura da escritora e xornalista alemá Jella Lepman, unha muller que organizou o primeiro evento internacional despois da Segunda Guerra Mundial en Alemaña: unha exposición internacional de libros infantís que foi a orixe da maior biblioteca do mundo en materia de literatura infantil e xuvenil, a Biblioteca Xuvenil Internacional situada no Palacio Blutenburg, nos arredores de Múnic.

http://www.creotz.com/velda-/55-un-puente-de-libros-infantiles.html?search_query=lepman&results=1
Teresa Zataraín coa autobiografía de Lepman
O evento, organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela coa colaboración da Asociación de Amigos das mesmas, estivo conducido por Teresa Zataraín xornalista e editora da viguesa editorial Creotz que conseguiu no 2017 os dereitos de publicación da autobiografía de Lepman, "Un puente de libros infantiles". 

 Teresa Zatarín que acaba de regresar, convidada polo Instituto Goethe, da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, cativou aos asistentes coa semblanza desta descoñecida autora alemá sen cuxa labor é imposible comprender o panorama editorial actual. 
Jella Lepman (Foto, Stiftung Internationale Jugendbibliothek (IJB)


O acto comezou cunha emocionante referencia á destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito dos Balcáns. O incendio destruíu centenares de miles de libros e numerosos incunables. Varios miles de volumes puideron ser salvados nos primeiros momentos do incendio, cando os empregados da biblioteca, arriscando as súas vidas, comezaron a arroxar libros e documentos polas xanelas. Para evitar que esta dolorosa historia fose esquecida, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil propuxo celebrar o Día da Biblioteca. 

A editora viguesa con Cristina Rivas, da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, que presentou o acto
Con esa concomitancia co vivido na época nazi, Teresa foi esfiañando as vivencias de Jella Lepman ao longo de 12 anos da súa vida e con elas a situación das mulleres e nenos alemáns na posguerra e a transformación acontecida, grazas a súa labor a través dos libros infantís, no devastador panorama cultural e social  tras a Segunda guerra Mundial.


 Nun momento en que Alemaña saía dun período de illamento a todo o que proviñese do exterior e no que non existiu produción literaria algunha que non tivese caracter propagandístico, Jella Lepman organizou o primeiro evento internacional despois da guerra, unha exposición internacional de libros infantís chegados de numerosos países e diferentes linguas, atrevéndose a pedir axuda para o mesmo aos países que sufriran, ata facía pouco, a violencia alemá.

 Ninguén que queira comprender o panorama editorial infantil actual poderá facelo sen coñecer a achega desta gran muller que foi Jella Lepman.
 
Imaxe de Jella Lepman tomada do blog Palabras que hablan de historia
 Desde estas liñas, o noso agradecemento a Teresa Zataraín e a súa familia por compartir connosco un encontro inesquecible nunha semana de gran traballo para a editora e, sobre todo, grazas por darnos a coñecer a unha persoa que transformou e continúa a tranformar a todo o que se achega a ela.

A nova en Comarcas na Rede
No Faro de Vigo 
En Radio Redondela 
En redondela.gal 

miércoles, 10 de octubre de 2018

#eubibliotecasredondela50 con a Lingua de Signos

Desde o pasado mes de febreiro, as bibliotecas de Redondela estamos a desenvolver a campaña #eubibliotecasredondela50 que nos está a proporcionar grandes satisfaciones grazas ao agarimo que nos demostrades a través dela. O último exemplo, o de Raquel González, de XOGA
Servizo de Intérpretes e Guíaintérpretes de Lingua de Signos,  que nos anima a facer o carné das bibliotecas desde a LSE.
Moitas grazas! Encántanos!


domingo, 7 de octubre de 2018

Concentración lectora co CEIP de Reboreda

A biblioteca do CEIP de Reboreda deu inicio, o pasado xoves,  ao novo curso e quixo facelo xunto á Biblioteca P. M. Valle-Inclán como homenaxe ao seu 50 aniversario. 256 nenos aos que houbo que engadir pais, nais, profesores e persoal da biblioteca municipal concentráronse, dentro dun ambiente festivo,  diante do Multiúsos da Xunqueira onde está ubicada a biblioteca municipal, para proceder a unha lectura silenciosa levada a cabo por tódolos participantes.

 Ao remate...intercambio de agasallos: libros, por suposto, e uns preciosos marcapáxinas con Margarida, mascota da biblioteca de Reboreda. Moitas grazas, encantáronnos!!! Nunca vos agradeceremos bastante o convidarnos a participar neste evento de fermosa lectura outonal! 
 Accedede aquí a todas as fotografías:
Concentración Lectora co CEIP de Reboreda
                   Video da actividade realizado polo CEIP de Reboreda:                            

miércoles, 3 de octubre de 2018

Xela Arias, nome proposto para a Biblioteca de Chapela

  
O nome da poetisa e tradutora Xela Arias foi o proposto para a Biblioteca de Chapela polo tribunal técnico  que levou a cabo a elección entre as propostas da veciñanza.

A partir deste momento a proposta pasará á  Comisión Informativa e ao Pleno que é o órgano decisorio
   Acta do tribunal

lunes, 1 de octubre de 2018

O Club de Lectura Fácil rende homenaxe a Jules Verne no Meirande

O Club de Lectura Fácil rende a súa particular homenaxe a Jules Verne nunha sesión extraordinaria que se desenvolveu o pasado venres no Museo Meirande.
Con motivo do 150 aniversario da chegada literaria do submarino Nautilus á enseada de San Simón, o Club de Lectura Fácil, organizado por Andaina Redondela e que conta coa colaboración das Bibliotecas Municipais de Redondela, achegouse ás instalacións do Meirande para desenvolver alí a súa reunión mensual. 
 
  Os mozos puideron gozar dun documental sobre a batalla de Rande e dunha visita guiada polas instalacións e a exposición; acabada a mesma reuníronse para traballar o capítulo da “Baía de Vigo” de 20.000 leguas baixo dous mares nunha recente edición dentro dunha nova colección de Lectura Fácil.
Aquí todas as fotografías da actividade
 

 O Club de Lectura Fácil , que comezou o pasado 27 de abril nas instalacións da biblioteca municipal de Redondela, está destinado a persoas con distintas capacidades lectoras e/ou dificultades de comprensión 

lunes, 24 de septiembre de 2018

Unha viaxe no tempo...

Non sei por onde comezar esta entrada, de tantas cousas...

 Na biblioteca estabamos moi ilusionados con esta actividade que se ía a desenvolver xustamente no día que facía 50 anos que se inuguraba a Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela.

Ilusionados polo que supoñía de homenaxe á mesma a través de todos os lugares onde se situou e ilusionados porque estaba dedicada aos máis novos; Queriamos que, ademais do aspecto instructivo, o pasasen xenial.


Aquí podedes acceder ás fotografías da "Ruta das Bibliotecas" (cun toque "vintage" que non sabemos de onde saíu... a cámara que ten vida propia):

Ruta das Bibliotecas
 Creo que se conseguiu, os nenos sempre levan consigo o seu espírito de curiosidade, diversión e alegría e Soledad Chayán, guía avezada, foi a "fada madriña" que soubo impregnar ao grupo do seu carisma e bo facer. 

Moito sorprenderon a todos as historias que agochaban estes edificios: os baixos da casa consistorial (no 1968, biblioteca, e agora un departamento do concello), o busto de Valle-Inclán, na Praza Figueroa e, orixinalmente, na biblioteca que leva o seu nome, a Casa da Cultura, antigo cárcere, sede da biblioteca nos 90 e, nestes tempos, entre outras cousas, emplazamento da Radio Municipal,...

Foi na Radio onde se viviu un dos momentos máis entrañables cando  Luís Gustavo Cuntín Docampo, ao frente do programa Tempo de Jazz, dedicou unhas palabras en directo, dentro do seu programa, aos rapaces que nese momento estaban a escoitalo. Moitas grazas a Lorena da Radio Municipal polo seu agarimoso acollemento.


A ruta continuou ata o antigo conservatorio, desde este ano Turismo Redondela; como sempre, hospitalarios e afables os compañeiros do servizo.

  A casa de Casto Sampredro, a Casa da Torre, a exposición de Sargadelos,....

 
E, para remate, o edificio que acolle á biblioteca central de Redondela (xa sabedes que somos dúas bibliotecas: a Valle-Inclán de Redondela e a biblioteca de Chapela á que lle estamos a buscar nome) na actualidade: o Múltiúsos da Xunqueira. 
Na sala infantil da biblioteca remataron esta viaxe polo tempo, ollando os antigos libros e materiais e recibindo...sorpresa!... unha bolsa do cincuentenario chea de agasallos.



Moitas grazas Xulia, Xoel, Carmela, Davinia, Blanca, Manuel, Marta, Sofía, María e Begoña por compartir connosco esta data tan especial

 Ata o centenario! (aínda que a que aquí escribe xa non o vexa)

viernes, 21 de septiembre de 2018

Hoxe, as Bibliotecas Municipais de Redondela cumpren 50 anos

21 de setembro de 1968 inaugúrase a Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela nos baixos da casa consistorial.
22 de setembro de 1968,  abre as súas portas ao público
 Era alcalde, naqueles anos, D. Pedro Otero Rey.
Esta mañá realizouse na sala infantil da biblioteca redondelana a presentación dun tríptico conmemorativo e das actividades e actos cos que se celebrará e se está a celebrar a efeméride.   
Mergullando polos libros de rexistro daqueles anos atopámonos con que a finais de 1968 eran 325 os socios da biblioteca e 1626 os libros rexistrados. Hoxe en día, e xa dentro do catalogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as bibliotecas de Redondela teñen 427.693 usuarios potenciais que poden acceder a un catálogo de 2.971.498 exemplares e 951.883 títulos aos que hai que engadir os dispoñibles na plataforma de préstamo de libros dixitais, Galicia Le.


Dentro dos mesmos destaca a proposta de poñer nome á biblioteca de Chapela, a lectura radiofónica de 20.000 leguas baixo dos mares en conmemoración da chegada literaria do Nautilus á enseada de San Simón, unha charla-coloquio e unha exposición contorna á figura de Jella Lepman, a campaña nas redes sociais #eubibliotecasredondela50 e, a final de ano, unha celebración na que se recoñecerá o apoio dalgunhas entidades ao labor das mesmas.



En ambas bibliotecas festexamos o día agasallando aos usuarios con filmes para levar para a casa. Durante toda a semana, os nosos usuarios poderán gozar deste agasallo.




Pero para agasallos, o que recibimos esta mañá por parte do Concello: o Arquivo Municipal de Redondela obsequiounos con este interesante álbum fotográfico das bibliotecas de Redondela, que podedes consultar aquí ou accedendo á súa páxina de Facebook. Un percorrido fotográfico por algúns momentos destes 50 anos das bibliotecas de Redondela. Un fondo que se vai ir enriquecendo paulatinamente. Moitas grazas!


Moitas grazas a Radio Redondela pola difusión de todas as nosas actividades.


  Tamén a Atlántico Diario e a Faro de Vigo por difundir esta nova.