Mostrando entradas con la etiqueta Ilustracións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ilustracións. Mostrar todas las entradas

lunes, 30 de enero de 2017

O HOME DETRÁS DE LEOLO. 30 de xaneiro, Día da Ilustración

O HOME DETRÁS DE LEOLO Neste DÍA DA ILUSTRACIÓN , desde as bibliotecas de Redondela queremos render recoñecemento a JOSÉ MIGUELES "SÉ" creador de Leolo, mascota das mesmas. José Migueles “Sé", deseñador e creador de banda deseñada,  e moi coñecido polo público  por “Golfón” un proxecto que arrincou en 2008 e fíxoo desde Redondela, unha vila que non é allea ao desenvolvemento téxtil, pois nela naceu e prosperou a que foi a fábrica de camisas máis grande de Europa, Regojo.  José Migueles é un deseñador  que ten na actualidade un catálogo de 15 deseños, algúns deles memorables, como o de "Versacho, moda rural", ou o de "Perdidiños", inspirado na serie de TV Perdidos, do que chegou a vender mil camisetas en menos dun mes. Pero no 2008 non soamente naceu “Golfón” senón que "Sé" tamén deu vida a un personaxe que se está a converter en memorable, o noso “Leolo O Contadelo “, mascota das bibliotecas de Redondela, que recibiu nome e apelido por votación popular e que cumprirá o próximo ano,  10 da súa vinda ás nosas vidas. Grazas Jose  por darnos tan bo amigo☺ #asnosasbibliotecas #Diadailustracion
Una foto publicada por Bibliotecas P. M. Redondela (@bibliotecas_de_redondela) el


viernes, 27 de enero de 2017

Leolo e a Coca Simona... como obras de arte

Leolo o Contadelo, a mascota das nosas bibliotecas, ven de pousar como modelo para os artistas máis reputados ao longo da historia [preme na imaxe]:

Leolo o Contadelo... na historia da arte

Coca Simona, voraz lectora das nosas bibliotecas, tampouco quixo perder a oportunidade de ser retratada por todos eles [preme na imaxe]:

Coca Simona... na historia da arte

E agora... tócavos a vós! O luns 30 de Xaneiro é o Día da Ilustración. Por tal motivo, animámosvos a que nos enviedes as vosas creacións con Leolo ou a Coca Simona ás nosas bibliotecas

Podedes mandalas ao Facebook das bibliotecas de Redondela, ao Instagram das nosas bibliotecasou tamén ao enderezo: 

Tamén, ao longo da vindeira semana, poderedes debuxalos na Biblioteca de ChapelaOs/as que asistades levaredes un agasallo da biblioteca.

Contamos coas vosas creacións artísticas!

jueves, 26 de enero de 2017

Día da Ilustración: converte a Leolo e á Coca Simona na túa obra artística


O 30 de xaneiro celébrase en Galicia, dentro do Calendario do Libro e da Lectura, o Día da Ilustración

A ilustración aporta beleza e atractivo aos libros e forma parte da 
experiencia estética e emocional que transmiten as lecturas, contribuíndo a unha vivencia lectora máis rica e intensa. Ademáis, gozar das ilustracións dos libros mellora a nosa experiencia como lectores e contribúe a educar a nosa sensibilidade. 
Leolo o Contadelo: do debuxo ao mundo en 3D
E a conto ven o traballo dos ilustradores... Nas Bibliotecas municipais de Redondela contamos con Leolo, o Contadelo, debuxado polo ilustrador redondelán , como a nosa imaxe; e ao tempo, mantemos unha estreita amizade coa Coca Simona, lectora dos nosos centros, debuxada por Pepe Carreiro.
A Coca Simona lendo
Pero.... que sucedería se Leolo ou a Coca foran representadas por outros artistas ou pintores ao longo da historia?

Esta pregunta nos fixemos, e esta pregunta tratamos de responder xogando coas imaxes dixitais:


Leolo artistizado

  Coca Simona artistizada


E agora propoñémosvos un xogo...
O Luns 30 de Xaneiro achegádevos á biblioteca de Chapela para debuxarnos a vosa versión de Leolo o Contadelo ou da Coca Simona lectora... e levaredes un agasallo.

Tamén podedes xogar a crear e transformar a Leolo ou á Coca Simona e mandárnolo ao Facebook das bibliotecas de Redondela, ao Instagram das nosas bibliotecas ou ao correo electrónico da biblioteca de Chapela.
Apetécevos?

A ver que bos artistas sodes!

martes, 13 de diciembre de 2016

Arthur Rackham, o pintor de fadas

A Exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela,remata  o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración,co británico Arthur Rackham, un dos grandes mestres da historia desta disciplina,  cuxa influencia chega ata os mellores ilustradores dos nosos días
A mostra estenderase ata o 10 de febreiro de 2017

 O libro ilustrado imaxes que contan foi gañador dun dos premios María Moliner e un do grupo dos mellor  valorados pola Comisión de Evaluación do devandito premio, a través do cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización lectora desenvolvidas nas bibliotecas.


"Arthur Rackham (Londres, 1867 - Limpsfield (Surrey), 1939) é, sen ningunha dúbida, o artista británico máis recoñecido cando se pensa en ilustración de contos infantís clásicos. Desde comezos do século XX, varias xeracións de nenas e nenos medraron coas súas fermosas imaxes.
Logo de acabar os seus estudos na City of London School, comezou a traballar nunha oficina de seguros, pero o seu interese pola ilustración levouno a compaxinar as súas obrigas laborais con estudos de arte. Para iso, asistía a clases nocturnas na Lambeth School of Art, onde coincidiu co destacado pintor de paisaxes victorianas William Llewellyn. Foi á idade de vinte anos cando comezou a colaborar en “Scraps” e “Chums”, dúas prestixiosas revistas da época, e cando a recente fama adquirida permitiulle abandonar a axencia de seguros para traballar como ilustrador profesional.


A súa primeira gran obra foi “Rip Van Winkle” (1905), de Washington Irving, onde as súas imaxes lucían cun colorido e definición notables grazas a un novo avance tecnolóxico que permitía a separación de cores ao imprimir. A editorial Heinemann, dirixida por Charles Seddon Evans, foi a que impulsou a súa carreira ao encargarlle unha nova colección de libros de luxo: edicións limitadas, numeradas, impresas en papel feito a man e asinadas polo propio ilustrador. A Gran Guerra impediu o desenvolvemento deste novo modelo, pero Rackham, que xa lograra renome internacional, decidiu cruzar o Atlántico para colaborar coa emerxente industria editorial de Estados Unidos.

Elixido membro da Real Sociedade da Acuarela, converteuse en mestre do Gremio de Traballadores da arte, e seguiu ilustrando libros até a súa morte, en 1939. Entre as súas obras, destacan Peter Pan nos xardíns de Kensington (1906), Alicia no país das marabillas (1907) e a súa última obra, publicada postumamente: O vento nos salgueiros (1940). En 1911 a Société Nationale deas Beaux-Arts celebrou en París unha exposición especial cos seus debuxos, e concedeulle unha medalla de ouro."
(Texto traducido ao galego e retrato tomados da web de “Libros del Zorro Rojo”)
    

miércoles, 9 de noviembre de 2016

Contos de medo ao Gorey

jueves, 3 de noviembre de 2016

Un dos premios María Moliner queda en Redondela

As Bibliotecas municipais de Redondela recibiron un dos premios María Moliner -premios que outorga o Ministerio de Cultura entre os mellores proxectos de animación lectora en municipios de menos de 50.000 habitantes de toda España-. O galardón consiste nun lote de 150 libros, fundamentalmente  de literatura infantil e xuvenil.

Os  proxectos  premiados foron elixidos entre os 605 presentados á edición deste ano, dos cales, a Comisión de Valoración seleccionou os mellores programas de promoción da lectura, cuxas bibliotecas recibirán en forma de premio un lote de 150  títulos financiado por Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que conta cun orzamento para esta compra de exemplares por valor de 640.000 euros.
 
O proceso de selección levouse a cabo mediante a análise dunha serie de criterios, puntuando cada un deles. Téñense en conta a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que conteña a proposta.
“O libro ilustrado, imaxes que contan”,  unha actividade que aglutina distintas exposicións bibliográficas, de caracter bimestral, ao longo de todo o 2016, no Múltiusos da Xunqueira,  foi a proposta presentada pola biblioteca municipal.
Con esta iniciativa tentábase promover o hábito da lectura a través dos libros ilustrados, fomentar o sentido estético,  incidir na relevancia que lles corresponde aos ilustradores no mundo da arte e no libro como obxecto de beleza e de exposición.
Con estes escaparates bibliográficos pretendeuse, ademais, gañar para a cultura uns espazos pequenos e, aparentemente, inservibles que, por mor desta actividade, convertéronse en puntos culturalmente dinámicos.
“O libro ilustrado, imaxes que contan” comezou en xaneiro de 2016 coa figura de Maurice Sendak e  pecharase a mediados de xaneiro de 2017 co artista británico Arthur Rackham.
Algunhas das exposicións complementáronse con contacontos, relacionados co artista do momento. Así, próximamente, a contadora de historias Charo Pita, con Edward Gorey como inspiración, relatará historias sobrenaturais e de misterio a un público composto por alumnos de primeiro de bacharelato e membros de Aspavi (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual)
“O libro ilustrado, imaxes que contan” está programado dentro dun convenio de colaboración da Fundación Filomena Rivero Alonso co Concello de Redondela, dentro dunha actuación global co devandito concello.

viernes, 14 de octubre de 2016

"Edward Gorey", mostra bibliográfica en Redondela


"Edward Gorey", mostra bibliográfica no "Espazo aberto" do Multiusos da Xunqueira (Redondela) Do 17 de outubro ao 4 de decembro 

Edward Gorey, o mestre da ilustración macabra (pero plena de elegancia e mesmo de humor), chega este luns ao Multiúsos da Xunqueira, onde poderedes gozar das súas obras ata o 4 de decembro, datas polo demais inmellorables para achegarse á obra de tan peculiar personaxe.
 Recomendámosvos que non vola perdades e que gocedes da ¿sinistra? lectura das súas obras 
Non queremos rematar sen agradecer á editorial Libros del Zorro Rojo e a Telmo Crespo, a súa inestimable colaboración para que esta exposición fose posible. 

Organizan: Concellería de Cultura e Bibliotecas Municipais de Redondela

lunes, 8 de agosto de 2016

Richard Scarry, o encanto de aprender

A Exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela, continúa o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración, dedicando o mes de agosto e setembro a Richard Scarry 
A mostra de Scarry estenderase ata o 30 de setembro en que dará paso a un novo artista e pode ser visitada na entrada do Multiusos da Xunqueira (Redondela) no horario de apertura do mesmo. A Fundación Filomena Rivero pon a disposición dos centros educativos algúns dos títulos da serie para ser traballados na aula. Os centros interesados poden poñerse en contacto coa biblioteca municipal de Redondela.

RICHARD McCLURE SCARRY

Richard McClure Scarry (Boston, 5 de xuño de 1919 – Gstaad - Suíza, 30 de abril de 1994), foi un popular autor e ilustrador americano de contos infantís. Publicou máis de 300 álbums, e vendeu en vida máis de 100 millóns de exemplares en todo o mundo, sobre todo ata finais de 1980. Especializouse en álbums ilustrados dirixidos a nenos de ata 6 ou 7 anos de idade, cunha clara intención pedagóxica, nos que utilizaba animais humanizados, compoñía pequenas enciclopedias sobre oficios, máquinas da vida cotiá, países, e os seus costumes, letras e números.

O gran salto na súa carreira sucedeu en 1949, cando empezou a colaborar con Little Golden Books na edición do seu primeiro libro. 

 
 En Gstaad (Suíza) fundou o seu estudo, no que pasaba a maior parte do día dedicado a escribir e ilustrar os seus libros, e que unicamente se compoñía dun escritorio con lámpada e cadeira. Nos anos 80 comezou a ter problemas de visión debido a unha dexeneración macular. Foi alí, en Gstaad, onde, tras enfermar de cancro de esófago e someterse a quimioterapia, finalmente faleceu dun ataque ao corazón á idade de 74 anos. As súas notas e debuxos consérvanse na colección de arquivos da Universidade de Connecticut.

A serie de libros infantís máis famosa de Scarry céntrase na ficticia cidade de Busytown (traducible como "cidade traballadora" ou "cidade atarefada") que se atopaba habitada por animais con aparencia antropomorfa e en actividades sociais humanas.
Esta serie fíxose moi popular na súa época en nenos de todas partes do mundo chegando a vender máis de cen millóns de exemplares e foi traducida a máis de trinta linguas.

  Aínda que os libros se fixeron moi coñecidos polas características humanas dos animais que os compoñían (como gatos, coellos, porcos domésticos e ratos), Scarry demostrou a súa habilidade á hora de adaptar as características propias dos humanos a un número aparentemente interminable de criaturas: castores, mapaches, hipopótamos, rinocerontes, bufos, osos, cabras, elefantes, raposos, gorilas, crocodilos, cans, lobos, osos formigueiros, hienas, babuinos, pitos, vermes e centos de insectos son só algúns dos outros animais que utilizou Scarry nas súas obras.

Tamén eran comúns as imaxes que mostraban debuxos de arquitectura de casas de madeira típicas de Centroeuropa, os estudos de debuxos de dispositivos mecánicos tales como os aparellos de barcos de vela que eran debuxados con gran exactitude. Unha serie de álbums contaban, ademais, historias con automóbiles como fío condutor, representando vehículos inverosímiles que reflectían as características tópicas dos animais propietarios (como coches-cenoria para coellos ou coches con forma de eiruga). As láminas convertíanse en grandes espazos de animais cheos de elementos e interrogantes coa intención de que o neno se convertese nun activo lector das imaxes que se lle mostraban.

 As súas obras aínda son reeditadas aínda que con algunhas omisións en canto aos roles sexuais dalgúns personaxes femininos ou a trazos doutras culturas que se consideraban politicamente incorrectos. En España foron adaptados e publicados por Editorial Muíño, Plaza y Janés, Bruguera, Lúa Rising, SM, Susaeta, Kókinos e Lata de Sal.

viernes, 3 de junio de 2016

Un paseo con Anthony Browne no Multiusos da Xunqueira

A exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela,  continúa o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración, dedicando o mes de xuño e xullo a Anthony Browne
 
 O conxunto da obra de Anthony Browne influíu decisivamente para dar conta de que os libros de literatura infantil e xuvenil son obxectos artísticos totais, coidadosamente elaborados, nos que conflúen e interveñen diversas linguaxes -texto, ilustración, deseño e edición- na construción que realiza cada lector dos múltiples significados da obra (Mónica Klibanski)
A  mostra de Anthony Browne estenderase ata o 31 de xullo en que dará paso a un novo artista e pode ser visitada na entrada do Multiusos da Xunqueira (Redondela) no horario de apertura do mesmo. A Fundación Filomena Rivero pon a disposición dos centros educativos algúns dos títulos da serie para ser traballados na aula. Os centros interesados poden poñerse en contacto coa  biblioteca municipal de Redondela.

miércoles, 6 de abril de 2016

O elefante Babar no Multiusos da Xunqueira

A exposición bibliográfica "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela,  continúa o seu percorrido polos grandes nomes da ilustración, dedicando o mes de abril e maio a Jean de Brunhoff creador dos álbums do elefante Babar serie coa que naceu o álbum ilustrado para nenos.

 

A  mostra "Jean de Brunhoff e Babar" estenderase ata o 31 de maio en que dará paso a un novo artista e pode ser visitada
na entrada do Multiusos da Xunqueira (Redondela) no horario de apertura do mesmo. A Fundación Filomena Rivero pon a disposición dos centros educativos algúns dos títulos da serie para ser traballados na aula. Os centros interesados poden poñerse en contacto coa  biblioteca municipal de Redondela.

 Desde aquí queremos enviar un forte agradecemento ás editoriais Blackie Books e Milenio pola súa xenerosa colaboración nesta mostra e polo gran labor editorial que levan a cabo.
 

 Así mesmo, aínda se pode visitar ao longo de todo este mes de abril, dedicado dun xeito especial ao libro,  a exposición Tes máis conto que Calleja! no espazo Sitio distinto: xanela cultural do Multiusos da Xunqueira, que se estrea como tal  con esta mostra  que está dedicada ao editor Saturnino Calleja polo centenario do seu pasamento.

martes, 15 de marzo de 2016

Retratado "in fraganti"

O noso compañeiro Cote, retratado na sala infantil por Marta, unha pequena gran artista. 
Obsérvese o detalle do debuxo coa webcam incluída

miércoles, 3 de febrero de 2016

10+1....Día da Ilustración na biblioteca de Chapela cos ilustradores galegos


... Non están todos os que son, pero sí son todos os que están. En Galicia contamos con moitos debuxantes e ilustradores de grande calidade, e de entre todos eles, escollemos 11 exemplos para este ano.




10 + 1 prestixiosos e recoñecidos ilustradores e ilustradoras do noso panorama editorial galego. 10 + 1 creadores que fan única a nosa experiencia de goce do libro.

Luz Beloso, Pepe Carreiro, Patricia Castelao, Anxo Fariña, Leandro Lamas, Noemí LópezDavid Pintor, Miguelanxo Prado, Ramón Trigo, Manolo Uhía e Xosé Tomás.Todos eles con estilos persoais, diferenciados e moi recoñecibles, e cuxos trazos abundan nos andeis da nosa biblioteca.

Festexamos así con eles o Día da Ilustración, que todos os anos se festexa a finais de xaneiro, na Biblioteca de Chapela.


 


Nestes días, ata o 29 de Febreiro, poderedes coñecer o traballo destes creadores, vendo os seus debuxos e consultando as publicacións ilustradas por eles que temos na biblioteca de Chapela.


Gústanvos?

viernes, 29 de enero de 2016

Día da Ilustración con Sendak

Mañá sábado, día 30, celébrase en Galicia o Día da Ilustración, con diversas actividades por toda Galicia. 
Se estás en Redondela achégate á mostra bibliográfica dedicada ao gran ilustrador Maurice Sendak, dentro da exposición "O libro ilustrado: imaxes que contan" organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e as Bibliotecas Municipais de Redondela. Que mellor xeito de celebrar o día!
No Multiusos da Xunqueira (Redondela)


miércoles, 27 de enero de 2016

“O libro ilustrado: imaxes que contan” Mostra bibliográfica en Redondela



A Fundación Filomena Rivero Alonso xunto coa Biblioteca Municipal Valle-Inclán de Redondela, a fin de promover o hábito da lectura, inauguran o vindeiro venres 29 de xaneiro, coincidindo coa véspera do Día da Ilustración, a mostra bibliográfica “O libro ilustrado: imaxes que contan”.
Esta exposición que se prolongará durante todo o 2016, xira ao redor dalgúns dos grandes nomes do mundo da ilustración, complementándose cunha serie de actividades paralelas.
A obra de Maurice Sendak, autor, entre outras, do clásico “Onde viven os monstros”, abrirá a mostra desde o 29 de de xaneiro ata o 30 de marzo.
“O libro ilustrado: imaxes que contan” está situada na entrada do Multiusos da Xunqueira (Redondela) e pode ser visitada no horario de apertura do mesmo.



martes, 5 de mayo de 2015

Exposición "A túa biblioteca imaxinada": Concurso de Debuxo das Bibliotecas Municipais de Redondela

Durante todo este mes de Maio poderedes visitar na sala de exposicións do Multiusos de Chapela os traballos presentados para o concurso de debuxo "A túa biblioteca imaxinada", convocado polas Bibliotecas Municipais de Redondela na celebración do 10º Aniversario da Biblioteca de Chapela.

O tema deu para moito, e recibimos un total de  50 debuxos de nenos e nenas nas dúas bibliotecas, ademáis de 3 debuxos fóra de concurso, que tamén están na exposición. Ademáis, fóra de concurso, pero cunha grande aportación para esta actividade, foron os 129 deseños que nos remitiron dende o CEIP Laredo de Chapela, a través da súa biblioteca escolar, e realizados por parte do alumnado de todos os cursos do colexio. Estamos moi agradecidos por contar con eles, podedes velos formando parte desta exposición.

No seguinte vídeo podedes ver os debuxos que participaron no concurso:

Lembrámosvos que o xurado dos premios estaba composto por membros da Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela. A decisión de nomear aos premiados foi dificil, e supuxo unha longa deliberación.
 O xurado deliberando para escoller os debuxos premiados: Tini, Marta, Loli, María e mais Mercedes valorando as propostas presentadas. Na foto podedes ver tamén os agasallos preparados na véspera da entrega dos premios.


Os autores dos debuxos premiados foron:
 CATEGORÍA 4-6 ANOS
  - 1º PREMIO - Adriana Calvo Aparicio
  - 2º PREMIO - Mara Castro Villar
  - 3º PREMIO - Jessica García Fernández

CATEGORÍA 7-9 ANOS
  - 1º PREMIO - Yaiza Arjones Rodríguez
  - 2º PREMIO - Xiana García Álvarez
  - 3º PREMIO - David Iglesias Rodríguez

CATEGORÍA 10-12 ANOS
  - 1º PREMIO - Sira Ricoy Cid
  - 2º PREMIO - Noelia Lago Carpintero
  - 3º PREMIO - Ismael Álvarez Mouriño 
Os gañadores recollendo o premio o día do Festival X Aniversario.
O Concelleiro de Cultura, Xulio Alonso, a directora das bibliotecas municipais, Elena Becerra e mais a responsable da Biblioteca de Chapela, Mª José Villar, fixeron a entrega dos galardóns.
Máis fotos AQUÍ.
Neste outro vídeo podedes ver os debuxos gañadores:


Damos as grazas a Marta RV por realizar os dous vídeos dos debuxos do concurso.

A prensa local publicou os nomes dos gañadores, como podedes ver en Atlántico Diario e mais en Faro de Vigo.

Aproveitade de pasar neste mes polo Multiusos Piñeiral do Crego de Chapela, gozaredes e tamén vos divertiredes con moitas das propostas dos nosos pequenos artistas: bibliotecas baixo do mar ou baixo a terra, bibliotecas forestais ou futboleiras, bibliotecas galácticas e, eso sí, bibliotecas con moitos libros...

Grazas a todos e todas por participar, por facernos chegar tantos debuxos e por retratar bibliotecas tan orixinais e inspiradoras.

martes, 31 de marzo de 2015

Concurso de debuxo das Bibliotecas Municipais de Redondela

As bibliotecas municipais de Redondela, co gallo da celebración do Décimo Aniversario da Biblioteca de Chapela, convocan un concurso de debuxo para rapaces/as.
O tema do concurso é:A túa biblioteca imaxinada.
  •  Velaquí algunhas ideas, ao azar, que vos poden inspirar:
Que che gusta das bibliotecas? Gústache participar nas actividades? E levar libros?..
Como sería para ti unha biblioteca fascinante? E que tal se imaxinamos unha biblioteca rara, diferente... ou terrorífica...
Como sería a biblioteca dos teus personaxes favoritos dos libros? E a do futuro?...
E se hai unha biblioteca noutro planeta? Ou baixo da Terra...
E que personaxes usarían esas bibliotecas, que farían nelas?




LEMBRADE!
  • O prazo para inscrición e participación será, nas dúas bibliotecas, dende o 6 ata o 15 de Abril.
  • A entrega de premios farase o Venres 17 de Abril, dentro da celebración do 10º Aniversario da Biblioteca de Chapela.
Animádevos a participar! Grazas por festexar connosco o 10º Aniversario do noso centro de Chapela.

lunes, 12 de enero de 2015

Contacontos do pincel máxico na Biblioteca de Chapela

 
O 30 de Xaneiro, aniversario do nacemento de Castelao, celébrase en Galicia o Día da Ilustración.

Na biblioteca de Chapela imos festexar este día tan especial cun contacontos cheo de maxia, a cargo da nosa benquerida maga e contadora Leo Leíño.
Haberá historias máxicas onde os debuxos, os debuxantes e os pinceis terán moito protagonismo.

A cita será o Venres 30 de Xaneiro, ás 18:30 h., na Biblioteca de Chapela.
O contacontos está orientado para rapaces e rapazas a partir dos 4 anos.
Entrada libre ata completar aforo.

PRÓXIMO CONTACONTOS:
Contacontos de Entroido, na Biblioteca de Chapela
Luns 16 de Febreiro, ás 18:30 h.