Mostrando entradas con la etiqueta Contacontos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contacontos. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de marzo de 2021

Debullando contos, o desenlace


 O pasado 26 de febreiro os maiores que acuden aos Centros de Día de Redondela tiveron a oportunidade de gozar cunha sesión de contacontos moi especial creada,  pensando específicamente neles, da man da  Fundación Filomena Rivero Alonso e a narradora Raquel Queizás.

   As Bibliotecas Municipais de Redondela tivemos a alegría de poder colaborar nesta iniciativa de contacontos en liña que reuniu a cento dez do nosos maiores ao redor dunha serie de divertidos contos da tradición oral que Raquel debullou lembrando á súa avoa.

 

Captura dun momento do contacontos

 Moitísimas grazas aos centros de día Os Cortizos, Galeón, Arela e á residencia de Cesantes e de modo especial ao seu persoal pola súa calorosa e agarimosa acollida.

Captura  do inicio do contacontos

   E un agradecemento moi, moi grande, a Raquel Queizás por todo o seu traballo, cheo de tenrura e mimo, pensando sempre nos seus espectadores  e coa súa avoa, Brígida, sempre presente. Se nolo permites, Raquel, moitas grazas a ela tamén da nosa parte.

 

lunes, 15 de febrero de 2021

Contos en liña para os centro de día de Redondela


👉O 26 de febreiro ás Bibliotecas Municipais de Redondela temos a honra de colaborar nunha actividade organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso e destinada aos nosos maiores.
 
👉“ Debullando contos”, que é o título que recibe a actividade, consiste nunha vídeo sesión gravada especificamente para os usuarios/as dos centros de día do noso municipio pola contacontos Raquel Queizás , un dos nomes con máis soleira dentro do campo da narración oral.

👉En “Debullando contos” Raquel Queizás recompila historias de tradición oral que lle contaba a súa avoa, unha muller chea de forza e humor.
 

 

No Atlántico Diario

 

En Radio Redondela
 

lunes, 17 de agosto de 2020

Queres que che contemos un conto por teléfono?

O mércores 26 de agosto, a partir das 10 da mañá ata as 14 horas e, en horario de tarde, de 17:00 a 21:00 h., contarémosche historias por teléfono na voz da contacontos viguesa Ana Facchini.

 

  É tan sinxelo como achegarse ou chamar á biblioteca de Redondela (tfno. 986 40 15 61) para incribirse e escoller a hora á que se quere escoitar o conto.

 Que non vos dea vergoña, Ana Facchini está agardando para levarvos por un ratiño (cada conto dura non máis de 5 minutos) a un mundo divertido, a nosa infancia ou quen sabe onde, porque cada un dos contos é unha viaxe diferente. Hainos para todos, grandes e pequenos, porque esta actividade non ten idade e para todo tipo de público desde os 5 aos 190 anos

  Esta iniciativa  xorde da man da Fundación Filomena Rivero Alonso coa colaboración das Bibliotecas Municipais de Redondela

 

No Faro de Vigo 

En Radio Redondela 

No Faro de Vigo o propio día da actividade


miércoles, 12 de agosto de 2020

Cinema Marabillas

 O venres 28 de agosto ás 11:30 da mañá, gozaremos, durante 50 min., dun espectáculo moi, moi especial: o Cinema marabillas, da man de Raquel Queizás.

Pasarémolo xenial vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos clásicos e marabillosos da literatura : Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño,...

Redescubriremos eses contos tradicionais e imperecedoiros e que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida.

Non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación.

A literatura é e sempre será unha gran fonte de inspiración para o cine. O cinema tamén se le!


Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño, as protagonistas destas historias son nenas e nenos que teñen preocupacións e reflexionan sobre o mundo no que viven. Son fortes, sensatos e pensan por si mesmos.


Reflexan as etapas evolutivas d@s espectador@s máis cativ@s. Axudan a formar o seu pensamento crítico, e a súa capacidade reflexiva sobre temas como a amizade, o amor, o respecto polo diferente…

Estas historias nacen dentro de nós cando somos crianzas. A unha nena, a un neno gústalle vivir aventuras, explorar diferentes lugares, xogar a ser piratas…

Benvidas, benvidos ao “Cinema Marabillas”


DESDE OS 6 ANOS.

 DE BALDE. PRAZAS LIMITADAS. INSCRICIÓN PREVIA NA BIBLIOTECA DE REDONDELA (TFNO. 986401561)

Dirección e interpretación: Raquel Queizás

Duración: 50 min.

 

No Atlántico Diario (19/08/2020)

 

No Faro de Vigo

En Radio Redondela

viernes, 20 de marzo de 2020

Hora do conto nas bibliotecas municipais

Bibliotecas municipais de toda Galicia unímonos nunha iniciativa para amenizar as tardes ás crianzas durante os días de encerro e confinamento.

Co cancelo (#) #horadoconto, subiremos un videoconto cada día da semana, ás 5:00 da tarde nas nosas redes sociais.

Podedes velos no noso Facebook.

#horadoconto

Foto de Bibliotecas de Redondela.

lunes, 9 de marzo de 2020

Contacontos para nen@s na biblioteca de Redondela

- MÉRCORES 18 DE MARZO, ÁS 18:00 h.: Os contos da pota - Con Ana Facchini.
Para rapazada desde os 4 anos. 
BIBLIOTECA VALLE-INCLÁN DE REDONDELA.
Entrada libre e de balde 

"Unha extravagante cociñeira elaborará unha receita familiar arredor dunha pota moi especial na que viven marabillosas personaxes e, mentres remexe a lume baixo, os ingredientes irán cobrando vida e transportarannos a un mundo de sabores e emocións, onde as cousas non sempre son o que parecen".

viernes, 6 de marzo de 2020

Victoria e as historias contadas na Biblioteca de Chapela


A tarde de hoxe a Biblioteca Xela Arias brillou de ledicia. A contadora Ana Facchini deu vida aos contos no pequeno espazo da nova sala infantil. Aínda que cativa, hoxe creceu para dar cabida a un nutrido grupo de de nenos, nenas e adultos acompañantes, que a encheron para gozar da maxia das historias. 

Moitas grazas a todos por vir, e por darlle tanta vida á nosa biblioteca.

Ver aquí as fotos do contacontos.


jueves, 5 de marzo de 2020

"A verdadeira historia de Victoria" - mañá venres na Biblioteca Xela Arias de Chapela

 
Mañá venres, ás 19h, estaremos moi contentos de recibir a magnífica contadora Ana Facchini para achegarnos historias divertidas, tenras e tamén estrafalarias, que de seguro vos van facer rir e pasalo ben.
Un mundo máxico e un pouco ao revés que sairá do papel e tomará vida na nosa sala infantil.

Atentos todos, que a vaca Victoria vai darnos volta á cabeza!

A verdadeira historia de Victoria - Con Ana Facchini.
BIBLIOTECA XELA ARIAS DE CHAPELA 
VENRES 6 DE MARZO, ÁS 19:00 h.
 
"Esta é a historia da vaca Victoria. Pero e se no lugar dunha vaca, Victoria fose unha serpe, ou un coello, ou un galo, ou un lobo, ou unha solitaria velliña, ou...?".
 
Para rapazada a partir de 3 anos.
A entrada é libre e de balde, ata encher a sala. 
 

viernes, 21 de febrero de 2020

Contacontos no mes de marzo nas Bibliotecas de Redondela

O mes de marzo vén cargado de contos ás bibliotecas municipais de Redondela. A narradora Ana Facchini estará nas nosas bibliotecas para facer dúas sesións de contacontos nas nosas bibliotecas.

Comezaremos a primeira sesión conteira na Biblioteca Xela Arias de Chapela:

- VENRES 6 DE MARZO, ÁS 19:00 h.: A verdadeira historia de Victoria - Con Ana Facchini.
Para rapazada a partir de 3 anos.
BIBLIOTECA XELA ARIAS DE CHAPELA.

"Esta é a historia da vaca Victoria. Pero e se no lugar dunha vaca, Victoria fose unha serpe, ou un coello, ou un galo, ou un lobo, ou unha solitaria velliña, ou...?".


E seguiremos, noutra volta, na Biblioteca Valle-Inclán de Redondela, na Sala Infantil:

- MÉRCORES 18 DE MARZO, ÁS 18:00 h.: Os contos da pota - Con Ana Facchini.
Para rapazada a partir de 4 anos. 
BIBLIOTECA VALLE-INCLÁN DE REDONDELA.

"Unha extravagante cociñeira elaborará unha receita familiar arredor dunha pota moi especial na que viven marabillosas personaxes e, mentres remexe a lume baixo, os ingredientes irán cobrando vida e transportarannos a un mundo de sabores e emocións, onde as cousas non sempre son o que parecen".
 


Os contos son con entrada libre e de balde, ata encher as salas. 
Non volos perdades!! Agardámosvos nas bibliotecas.

viernes, 3 de enero de 2020

"Nadal Total" na Biblioteca de Redondela


Pica aquí para acceder ás fotografías
A Fundación Filomena Rivero Alonso desenvolveu, do 23 ao 30 de decembro, unha programación de Nadal de caracter inclusivo baixo o título de "Nadal Total". Dentro da mesma desenvolvéronse na Sala Infantil da Biblioteca Municipal de Redondela, dous contacontos (26 e 27):
Un conto con moito conto con Az lengua de signos

Os esquios Diantres e Diaños xogan nunha fraga do Courel, cando de súpeto, un libro envolto cun lazo aparece baixo a árbore centenaria. Para quen será este conto tan fermoso? No intento de descubrir para quen será o ogasallo, faránse con moreas e moreas de máis contos e contiños. 

“Un conto con moito conto” é unha historia de intriga que fomenta a importancia da lectura. Personaxes apaixonados polos contos, que amosa a importancia de compartir os libros. Unha historia onde os contos non rematan e os valores están presentes
  
"Un conto con moito conto"
Perdido? con Az lengua de signos

Esta é a historia dun neno chamado Neno e dun pingüín chamado Pingüín. Dun humano e dun animal que deciden remar na mesma dirección. Unha historia de amizade sen condicións nin límites, dunha viaxe de ida e volta surcando os mares do planeta, que cambiará as súas vidas para sempre. De onde virán os pingüíns?

Perdido? é a historia dunha viaxe mariña ate o Polo Sur e o mesmo tempo, dunha viaxe interna polas emocións das personaxes a medida que vai transcorrendo o tempo. Nesta historia que plantexa aspectos coma a comunicación e a incomunicación; as certezas e as dúbidas; as preguntas e as respostas; a comprensión e a incomprensión acaban por confluír todas no valor da amizade entre seres diferentes e a importancia da cooperación.
 
O contacontos musical "Perdido?"
e unha actividade de "Maxia no Nadal"(o día 30)
Un espectáculo de maxia, a cargo da maga Leo Leiño, impregnado do espírito destas datas.
"Maxia no Nadal"

sábado, 21 de diciembre de 2019

CONTACONTOS E MAXIA PARA NEN@S na Biblioteca de Redondela para rematar o ano


 A Fundación Filomena Rivero Alonso organiza tres contacontos dentro da súa programación de "NADAL TOTAL" que se desenvolverán na Sala Infantil da Biblioteca Municipal de Redondela.



Lugar, Sala Infantil da Biblioteca Municipal de Redondela
Días, 26, 27 e 30 de decembro
Hora, 17:00 h.
Entrada libre e de balde


 
🎄Moitas grazas a Fundación Filomena Rivero Alonso por escoller as nosas instalacións para desenvolver estas actividades


jueves, 19 de diciembre de 2019

Na biblioteca "encóntanos" o Nadal, se trae contos e bos amigos

Ana Facchini hoxe nun momento da actuación
 VER AQUÍ MÁIS FOTOGRAFÍAS

Desafiando as duras condicións climáticas, unha contadora extraordinaria, Ana Facchini, achegouse á Biblioteca Xela Arias cunha maleta chea a rebosar de contos, humor, diversión e creatividade, para ofrecernos o seu espectáculo "Encóntame o Nadal"

O reto era difícil, facer fronte á borrasca "Elsa" para animar ás familias a subir ata o Piñeiral do Crego, en Chapela para escoitar contos, versos e historias.

Fermosa e orixinal árbore de Nadal con contos e adiviñas,
a que acompañaba a sesión de contos desta tarde
Os (máis ben "as", porque a maioría era feminina) valentes que se achegaron non se arrepentiron da súa decisión, e gozaron moito desta cálida benvida ao Nadal que lles ofreciamos dende a biblioteca.

E a calidez a sacamos con radiadores extra, con árbores de Nadal desprazadas e coa ilusión, gañas e maxia da nosa fantástica contadora desta tarde.

Grazas aos/ás que vos achegáchedes hoxe a participar no noso espectáculo, e grazas a Ana Facchini por unha sesión de contos tan fermosa e orixinal. Agardamos poder gozar de novo das túas historias.

 
E para rematar, unha panxoliña e un baile para divertirnos

#nadalenredondela

miércoles, 4 de diciembre de 2019

Contacontos de Nadal na Biblioteca Xela Arias


Tachaaaaan!!! Temos unha segunda actividade de Nadal para a Biblioteca Xela Arias de Chapela.

O xoves 19 de decembro, a contadora Ana Facchini achegaranos o espectáculo "Encóntame o Nadal", para cativos e cativas de 3 e ata 10 anos, e adultos acompañantes, que queran gozar de fermosas, tenras, divertidas e tolas historias relacionadas con estas datas.

A entrada é libre ata que enchamos o aforo da sala. 

O contacontos quedará enmarcado dentro dun espazo, o Multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela, que este ano está máis fermoso que nunca coa súa traballa dísima decoración de Nadal. Se non tedes espíritu de Nadal, seguro que vindo a este contacontos saídes ledos e cheos de xúbilo.

#nadalenredondela

miércoles, 30 de octubre de 2019

Pantasmas en Redondela

Onte, na sala Infantil da Biblioteca de Redondela, gozando da dramatización de "A Pantasma de Canterville", da man de Olga Cuervo.
Organizou, Fundación Filomena Rivero Alonso
Colaborou, Bibliotecas Municipais de Redondela
Aquí, tódalas fotografías do evento

viernes, 25 de octubre de 2019

A Pantasma de Canterville para nen@s

Hai que ir preparándose para o Día de Defuntos.. .

 Na Biblioteca de Redondela celebrarémolo cun contacontos para nen@s, organizado pola Fundación Filomena Rivero Alonso, conducido por Olga Cuervo e baseado, nada máis e nada menos, que na Pantasma de Canterville de Oscar Wilde 😱😱😱😱😱😱👻👻👻👻👻👻👻

viernes, 18 de octubre de 2019

Contos para namorar aos adultos con Avelino González na Biblioteca Xela Arias

 
A Biblioteca Xela Arias de Chapela adiantou á xornada de onte a celebración do Día da Biblioteca, e fíxoo achegando a literatura oral aos maiores, da man dun dos contadores máis queridos do panorama galego actual.


Avelino González, coñecido actor e afamado narrador, é tamén un concienzudo investigador das lendas e dos contos tradicionais de toda a xeografía galega, amén dun namorado da fantasía épica e mordaz de Álvaro Cunqueiro. 


Coa súa voz, Avelino foi quen de achegarnos a mundos antigos, de facernos rir, soñar e pensar. E cos libros da biblioteca, que formaron parte do espectáculo, foi quen de situarnos eses mundos nun universo enteiro de papel no que da gañas de mergullarse.

O público, convocado no auditorio do Piñeiral do Crego por superar o aforo da biblioteca, gozou dunha viaxe por un mundo de contos misteriosos, de fadas, mouras e encantamentos, e foi testigo e copartícipe dunha agarimosa transgresión da épica e dos xéneros, para subverter o protagonismo dos personaxes femininos desas historias. Porque se as contaramos pola boca das súas mulleres... como cambiaría o conto!
 
Avelino González coa imaxe de Xela Arias,
na entrada da nosa biblioteca

A actividade realizouse dentro do programa Ler conta Moito para a promoción da Igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
 
Agradecemos á Asociación Cultural e Social de Chapela e mais a UDP Redondela a súa participación na difusión desta proposta.