martes, 18 de mayo de 2021

“Xela a Diario. O poema sodes vós”

 Aquí tedes o podcast deste programa tan especial que se emitiu no día de onte a través das ondas de Radio Redondela no que, despois de seis semanas repasando a diario a vida e obra de Xela Arias con persoeiros da cultura e das letras, contamos coa participación de alumnos/as e mestres/as de diferentes centros de ensino que puxeron voz á poesía de Xela. Foron o Club de Lectura do IES Illa de San Simón, o CEIP de Laredo, o CEIP de Cedeira, o CEIP Porto Cabeiro e o CEIP Josefa Alonso de Matamá (Vigo).

✴  Con este broche de ouro, de 120 voces proclamando os versos de Xela Arias, púxose punto e final ao programa “Xela a diario” organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela, coa colaboración de Radio Redondela, e coordinado e conducido pola dinamizadora cultural Ana Facchini.

Que o gocedes❗️



Xela na Voz Amiga de... Darío Gil Arias

 


  Achégase o Día grande das nosas letras. Onte contamos cos recordos de Amparo Castaño, nai de Xela Arias. Hoxe coa voz do seu fillo, Darío Gil, nun dos últimos programas de “Xela a diario”.

Un espazo moi especial que inclúe un agasallo musical: Marcos Acuña, de Truque Matruque, pon música e voz a un poema de Xela. Moitísimas grazas! 💗

 

Aquí, na web de Radio Redondela

 

 

 


lunes, 17 de mayo de 2021

Unha biblioteca para Xela Arias

 

No ano 2018 Redondela recoñeceu a figura da poeta Xela Arias ao poñer o seu nome a unha das súas bibliotecas municipais.

Nese ano, o Concello de Redondela convidara á cidadanía a participar na elección dun nome para a Biblioteca situada no Multiúsos do Piñeiral do Crego, na parroquia de Chapela.

Foi o nome de Xela Arias, proposto pola biblioteca do IES Chapela, instituto no que ela deu clases, o escollido entre varias suxestións de nomes de persoeiros vencellados á literatura e mais á lingua galega que foron achegados pola veciñanza. A escolla recibiu a aprobación unánime do Pleno municipal en novembro dese ano.


Nunha cerimonia que tivo lugar xa no 2019, distintas autoridades descubriron a placa conmemorativa que asignaba o nome de "Biblioteca Pública Municipal Xela Arias" á biblioteca de Chapela. Ademáis un mural lembra á escritora na entrada interior da biblioteca, en cuxa fachada tamén se gravou o nome de Xela.

Ao acto asistiran entre outros Manuel Bragado, pedagogo, escritor e vencellado á editorial Xerais, da que foi o seu director durante 24 anos, unha representación do IES de Chapela, onde Xela Arias levou a cabo labores docentes e tamén o fillo, a nai e mais un irmán da poetisa falecida en 2003.

Cerimonia nomeamento da biblioteca Xela Arias.
Fotografía Atlántico Diario

Familiares de Xela Arias na cerimonia de nomeamento da biblioteca.
Fotografía de Alba Villar, para Faro de Vigo

Por iso este ano as bibliotecas de Redondela están a promover con especial intensidade a celebración das Letras Galegas, cunha serie de actividades desenvolvidas con moitísimo agarimo e admiración cara o persoeiro á que van adicadas:

- O programa radiofónico "Xela a diario", coordinado e conducido pola dinamizadora cultural Ana Facchini.

- O encontro virtual cos centros de ensino superior de Redondela ao redor da figura da autora lucense, coa participación da filóloga Chus Nogueira e mais Darío Gil, o fillo de Xela Arias.

- O vídeo “Buscando a Xela”, videovisita á biblioteca para coñecer á escritora, coa dirección e interpretación de Raquel Queizás e a gravación de Fernando Carreira.


Grazas, Xela, polo teu legado e por significar tanto para a cultura galega. Grazas polo vencello que te une ás nosas bibliotecas municipais.



viernes, 14 de mayo de 2021

Xela na Voz Amiga de… Amparo Castaño

 ✴Marabilloso programa o que nos regalan hoxe Ana Facchini e as ondas de Radio Redondela a través do programa “Xela a Diario. Voces Amigas”, organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela.

✴Unha honra contar coas lembranzas e as palabras de Amparo Castaño, nai de Xela Arias. 

Moitísimas grazas pola túa afabilidade e cariño, Amparo, e por compartir a Xela con todos nós

Aquí, na web de Radio Redondela

 

jueves, 13 de mayo de 2021

Biblioteca Xela Arias-O desenlace: "Buscando a Xela: visita virtual á Biblioteca Xela Arias de Chapela"

Velaquí está! Misterio resolto!



Compracémonos en presentarvos o vídeo completo de "Buscando a Xela": visita virtual á Biblioteca Xela Arias de Chapela

Unha videovisita á nosa biblioteca situada en Chapela, que leva o nome de Xela Arias, e que festexa así este ano especial dedicado á escritora.

O vídeo paga a pena. Dura uns 10 minutos... pero pásanse voando!, xa que a narración do mesmo é dinámica, con misterio e efectos moi divertidos.

Veremos a biblioteca e coñeceremos moito sobre a figura literaria da escritora.

Agardamos que vos guste, xa que está feito con moito entusiasmo e agarimo. Conta coa dirección, guión e interpretación de Raquel Queizás, e a gravación de Fernando Carreira.

Podedes velo aquí:


Neste ano en que as Letras Galegas se lle adican á poeta e tradutora Xela Arias, as bibliotecas municipais de Redondela estamos comprometidas como nunca coa celebración desta festa do noso calendario literario.