lunes, 31 de mayo de 2010

Cuando el rojo es negro: novela negra chinesa no club de lectura de Chapela

Por primeira vez tocamos o xénero da novela negra no club, e para tal escollemos a creación dun autor chinés actual, Qiu Xiaolong, cunha historia ambientada no Shanghai de finais do século XX, e que ten un título moi suxerente: Cuando el rojo es negro.



A novela gustounos polo seu achegamento a un mundo que para nós é descoñecido, tocando aspectos históricos e políticos referentes á historia dos últimos 50 anos do país chinés:
. A revolución cultural da China de Mao Tse-Tung
. As escolas cadre da época da Revolución
. A irrupción do capital privado na China postcomunista
. Os costumes sociais da China tradicional e o contraste cos novos valores
. O papel da muller
. A memoria histórica e o drama con que se viven os acontecementos da historia recente
. O problema da vivenda, a tradición shanghainesa das casas shikumen
. A riqueza gastronómica e culinaria chinesa, na que insiste de xeito constante ao longo de toda a novela.
...
E moitas outras cousas que espertaron a nosa curiosidade por coñecer algo máis dun país e unha cultura que para nós son lonxanos, exóticos e cheos de misterio.

Mais literariamente, a obra non convenceu a todos os nosos lectores. Coidamos que, aínda que é entretida e ten achados moi interesantes, á historia lle falta forza, sobre todo conforme se achega á resolución da trama. Aspectos como a relación de respecto e fraternidade entre os dous inspectores, ou a que se establece entre o detective Yu e a súa muller ao longo da historia agradáronnos e nos pareceron moi ben tratadas, mais coidamos tamén que o libro se fai un pouco lento en determinadas pasaxes. Por outra banda, a sobreabundancia de versos no medio da historia ou o xeito de insistir na descripción dos menús, así como nos sabores, arrecendos ou texturas das comidas, ás veces con excesiva asiduidade, fixéronnos pensar en eles máis como un recurso consciente por parte do autor, destinado a facer presente, non sen certa demagoxia, a visión exótica e tradicional da China, cecáis aquela que pode resultar máis atractiva para os lectores occidentais, a quenes está destinado o libro.

Fora desas cuestións, insistimos en que a novela atraerá a nosa curiosidade por unha cultura lonxana e descoñecida.

Para rematar a sesión, lemos un álbum infantil ambientado na historia dunha rapaza oriental: Aiko, de Ánxeles Ferrer. Ainda que triste, é unha historia chea de tenrura e sensibilidade, cunhas ilustracións belas e moi evocadoras.






No hay comentarios: