miércoles, 24 de noviembre de 2010

"El lector", de Bernhard Schlink no Club de Lectura de Chapela

A deste luns foi unha xuntanza na que, por unanimidade, lle demos unha boa valoración ao libro, recoñecéndolle un valor moi significativo pola súa calidade literaria, pero tamén pola axeitada exposición de diversas problemáticas que converxen na novela.



Nunha primeira presentación que nos preparou Jerónimo, coordenador desta sesión, achegámonos ao título orixinal do libro: Der Vorleser, en alemán. Non existe unha tradución exacta na nosa lingua, mais ven significando: "o lector en voz alta", algo, se cabe, máis representativo e axeitado ao contexto e o significado da obra.



En canto ao estilo literario, falamos da rotundidade das expresións. O libro se conduce con frases breves e sinxelas, impersonais ás veces, case cortantes. Nelas parecemos recoñecer a escrita propia dun xurista, profesión á que se adica o autor da novela.

O que comeza por parecer unha historia sobre o amor e o espertar sexual, convértese, avanzada a súa lectura, nun reflexo da loita interxeracional e nunha plasmación da difícil situación moral e política da sociedade alemana posterior á Segunda Guerra Mundial. Mais como, senon con tensión, puido desenvolverse en Alemania a convicencia da xeración posterior a 1945 con aqueles que perpetraron ou consentiron os crimes nazis?

Doutra banda atopamos na novela unha metáfora sobre a dificultade que habitualmente temos as persoas para recoñecer e enfrontarnos aos nosos medos, ás nosas limitacións ou aos nosos problemas, e como esta negación desta realidade acaba sempre por empeorar a situación.

Chamáronnos a atención a multitude de símbolos e metáforas presentes na novela. Estas están nos obxectos que toman protagonismo nas diferentes escenas, nas lecturas escollidas para cada unha das pasaxes ou, incluso, na propia linguaxe. Ademáis os personaxes énchense de matices, positivos e negativos, á vez que se moven en certa indefinición, de xeito que non nos queda claro: son os dous protagonistas sinceiros? a súa relación é de amor verdadeiro ou hai manipulación? hai unha situación de víctima e culpable?

Por último, fixemos moitas referencias á versión cinematográfica da novela, realizada no ano 2008 da man de Stephen Daldry, e que proporcionou á súa actriz protagonista, Kate Winslet, un ben merecido Oscar de Hollywood.

No hay comentarios: