lunes, 15 de noviembre de 2010

Redelibros: a rede social galega do libro

Abrir un espazo galego de literatura en Internet que sirva de punto de encontro para todo o todo o universo do libro en Galicia. Este é o principal obxectivo co que sae á luz Redelibros.es, unha plataforma virtual concibida como a primeira rede social galega dedicada exclusivamente á literatura e que pretende congregar nun mesmo espazo a lectores, escritores e profesionais procedentes da industria editorial.
A aplicación, presentada o venres 12 en Vigo, é de rexistro gratuíto e xa logrou congregar a máis de 200 usuarios. Trátase dunha rede social con "clara identidade galega, en que a literatura do país terá un peso primordial polo propio espazo en que nace e a proximidade das editoriais e as librarías que colaboran con ela", expón Rodríguez Lois, un dos artífices xunto con Fran Zabaleta e Gonzalo Pérez Nieves. Á marxe das aplicacións propias da rede social (mensaxes, taloleiro de anuncios, chat...) destaca a posibilidade de consultar unha ampla base de libros catalogados. Os usuarios poderán intercambiar opinións e recomendacións persoais sobre as súas lecturas, crear unha biblioteca virtual propia e personalizada e, sempre, decidindo o nivel de privacidade do propio perfil.
A web ten ademais un espazo reservado para os acontecementos arredor da industria do libro, como lanzamentos editoriais, charlas de escritores ou convocatorias de premios literarios. Redelibros.es ofrece igualmente unha sección que permitirá aos usuarios colgar os seus propios traballos e recibir valoracións e críticas que contribúan a fomentar o proceso creativo e a facilitar aos editores a captación de novos talentos.
O que se busca é "dar forma a un espazo cultural común que brinde novas oportunidades a autores, editores e, sobre todo, lectores", conclúe Rodríguez Lois
Publicar un comentario