miércoles, 15 de diciembre de 2010

La Ola... no club de lectura de Chapela



A inquedante historia que se narra neste filme ten a súa orixe nun feito real: Ron Jones, profesor de historia nun instituto de Palo Alto (California) a finais dos anos 60, daba a súa clase aos alumnos sobre a II Guerra Mundial cando recibiu unha pregunta que non foi quen de responder: "Como é posible que o pobo alemán, os cidadáns, afirmaran que non sabían nada do que estaba a pasar cos xudeus durante o nazismo?". Tratando de dar con esa resposta, o profesor decidiu someter aos seus alumnos a un experimento que foi moito máis aló do que el mesmo sería quen de predecir.

A experiencia recolleuna nun artigo uns anos despois, e nel se baseou un telefilme que dirixiu Alexander Grasshoff no 1981 e unha novela xuvenil que, co alias Morton Rhue, publicou o escritor Todd Strasser nese mesmo ano.

Tomando como base esta historia, o director e guionista alemán Dennis Gansel filma unha nova versión en 2008, facendo nela cambios notables, como situala na Alemania do seu tempo ou darlle unha carga máis dramática. Recentemente, e tras o éxito do filme, a ilustradora alemana Stefani Kampmann adaptou a novela de Morthon Rhue ao cómic, no que é a primeira novela gráfica da autora.

Na reunión preguntámonos se era posible que unha situación así se puidese producir na nosa sociedade actual e discutimos acerca de como se contrapoñen a necesidade de afirmación individual, propia do ser humano, coa necesidade de compromiso e integración nun grupo. Neste caso, a ansiedade por buscar modelos aos que seguir e o desexo de replantexar convencións establecidas fan aos adolescentes un público extremadamente vulnerable. Contaba con iso o profesor? En que medida foi culpable de que o seu expermiento se lle fora das mans?



Doutra banda, e pola similitude con este feito, fixemos referencia a dous famosos expermientos de psicoloxía social realizados nos anos 60 e 70 nos Estados Unidos: o Experimento do cárcere de Stanford e o Experimento de Milgram. En ambos, e pese a ser desenvolvidos con adultos, se observou que os suxeitos amosaban unha alarmante desatención ao propio criterio ético no momento en que asumían, nun caso, a pertenza a un grupo e, noutro, a subordinación a un superior. Curiosamente, o experimento do cárcere de Stanford, novamente na localidade californiana de Palo Alto, tamén se tivo que suspender antes do previsto, debido a que a situación excedeu certos límites.

No hay comentarios: