Agustín Fernández Paz será o primeiro autor galego incluído na Best European Fiction (Mellor narrativa europea) que publica a editorial estadounidense Dalkey Archive Press. Fernández Paz aparecerá co conto Esta estraña lucidez, pertencente ao volume O único que queda é amor, libro que xa lle valera ao autor galego o Premio Nacional e que Jonathan Dunne traduciu ao inglés. A Dunne, precisamente, agradécelle Fernández Paz o feito de entrar nesta antoloxía, "unha persoa que tanto está a facer pola difusión da Literatura galega". Dunne foi quen o animou a presentar a narración á editorial para a selección, finalmente elixida para un libro que aparecerá en novembro con 15.000 exemplares de tiraxe. Esta estraña lucidez, engade, é "formalmente máis anovador que outros relatos do conxunto, porque a voz narradora é o fantasma dun can". Sen dúbida, este é o grande ano de Fernández Paz, que nos pasados meses rexeitou o Premio da Cultura Galega no apartado de Literatura polo seu desacordo coa política lingüística do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. El prefire mirar cara a adiante e rexeita comentar a cuestión: "Todo está dito no comunicado que remitín entón. Agradecín o galardón e expliquei por que o rexeitaba. Punto e acabouse. Son desas cousas da vida". O máis aclamado autor da literatura infantil e xuvenil foi seleccionado pola Organización Española para el Libro Infantil (Oepli) ao Premio Andersen, convocado polo International Board on Books for Young People (IBBY) e considerado como o Nobel do xénero. A resolución farase pública dentro dun ano, na Feira de Boloña de 2012.
Máis informaciónFonte GALIX
No hay comentarios:
Publicar un comentario